Miguel Peralta, de Cestola na Cachola, coñeceu a Xosé Neira Vilas cando a biblioteca Ánxel Casal, de Santiago, inaugurou un mural, feito por esta cooperativa e centrado na novela Memorias dun neno labrego. Nesa inauguración, “Neira Vilas contounos que cando vivía en Cuba, as escolas adoitaban ter murais sobre as persoas que lle daban nome a eses centros educativos”, mentres que deste lado do océano era habitual que os estudantes souberan moi poucas cousas sobre o político, literato ou artista co que bautizaran o seu centro.

O tempo quixo que Cestola na Cachola fose a encargada de decorar a parede do ximnasio do IES Marco do Camballón con Neira Vilas como tema central, nun ano no que se conmemora o 60º aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego.Neste mural, podemos “ver como un collage de distintos papeos representativos da súa vida”, de maneira que non só aparece Balbino, o neno máis coñecido (e querido) da literatura galega, senón tamén unha mención á revista infantil Zun Zun, que Neira Vilas e Anisia Miranda puxeron en marcha durante a súa estadía en La Habana. Poemas, a bandeira cubana, paxaros e un retrato de Neira Vilas axudan a facerse unha composición, dun vistazo, da impronta cultural do escritor de Gres. Agora, Cestola na Cachola está traballando noutro mural para un colexio infantil de Cabanas.