O Naranxo no Trasmundo, primeira obra literaria da periodista lalinense Inma Vilariño Vázquez, publicada por Edicións Fervenza co apoio económico da Xunta de Galicia, de GSI Dotación Industrial e do Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela, foi presentado pola autora onte ao mediodía no Pazo de Liñares. A concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco, conduciu o acto, que contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; de Miguel Villar, representante da ilustradora Amalia López Brea Luchi –en quen delegou ao non poder asistir ela por motivos persoais–; do cronista dezao Daniel González Alén, que fixo o preludio introdutorio do libro, no que contextualiza a época histórica na que viviu O Naranxo; e da escritora e profesora Charo Golmar, que elaborou o epílogo desta publicación, amais de diverso público.

“Este libro é unha historia de pequenas historias –referiu Inma Vilariño en alusión ao título do prólogo de Manuel Gago–, co que se trata de poñer en valor o noso (patrimonio material e inmaterial) como legado para os máis novos a través dun personaxe popular destas terras, o noso tolo”. “Son relatos contados en primeira persoa polo Naranxo desde o alén, desde o Trasmundo onde vive tras a súa morte terreal, e desde onde nos vai contando as súas peripecias con outros personaxes que se vai atopando ou que lembra: de Lalín (Laxeiro, Ramón Aller, Loriga, o matemático Rodríguez, Antón Lamazares, Alfonso Sucasas, Plácido Rozas ou a condesa, medio lalinense, Pardo Bazán), da comarca (Ramón de Valenzuela, principal valedor da escrita do Naranxo ou Colmeiro) e de Galicia (Domingo Fontán, Isaac Díaz Pardo, Cunqueiro, o alemán de Camelle, Ruth Matilda Anderson, Lugrís...)”.

O conselleiro de Cultura Román Rodríguez, destacou a traxectoria profesional da autora cun discurso cheo de referencias persoais polo tempo que se levan coñecendo. Conminouna a facer, xunto a González Alén, un libro sobre os Vilariño de Moimenta.

Miguel Villar resaltou a mistura de “filosofía, antropoloxía, cultura, retranca, humor e imaxinación”, da que se obtén “un cóctel literario divertido e fácil de ler”.

Charo Golmar subliñou que esta creación literaria “é un mar venturoso” no que “escintila un ronsel de vivencias que iluminan o noso pasado e nutren de valores o noso presente”. “Co ir e vir das ondas, destecemos o cobertor que foi urdindo o fío da memoria: prezado pano de retrincos que pon a cuberto a historia dos nosos devanceiros. Izamos as velas –relata Golmar–. Na cartografía dos documentos atopamos tesouros segredos. O vento achéganos o arume dos contos: esfarelados nos muíños, espelidos nas tabernas e temperados ao pé da lareira”.

Daniel González Alén falou sobre o convulso contexto político no que viviu o Naranxo entre último cuarto do XIX e case mediados do XX e tivo referencias para os Vilariño de Moimenta, familia á que pertence á autora. Tamén anunciou que está traballando nunha próxima biografía de Manuel González Ferradás, O Naranxo, que se publicará no anuario Descubrindo, do Seminario de Estudios do Deza.