O Pazo de San Roque, en Santiago, acolleu onte a presentación de Caderno de Gres, unha publicación da Fundación Xosé Neira Vilas ao abeiro do programa Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, da Consellería de Cultura. No acto estiveron presentes o presidente da fundación cruceña, Fernando Redondo Neira; o escritor e xornalista Lois Alcayde;o deseñador Xosé Díaz Arias e o secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García, vinculado ademais durante anos á citada fundación.

Neste primeiro número, Caderno de Gres rende unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo polo centenario do seu nacemento. O ceramista, pintor e deseñador compostelán coñeceu a Neira Vilas en Bos Aires en 1955, cando éste levaba seis anos en Arxentina e Díaz Pardo quería fundar neste país unha empresa similar á de porcelana de O Castro (en Sada). Co tempo, Díaz Pardo acabaría sendo o principal editor de Neira Vilas e tamén o responsable de dar a coñecer en Galicia Memorias dun neno labrego. Por iso, no Caderno de Gres aparece recollido o discurso que leu Neira Vilas en xaneiro de 2012, no funeral de Díaz Pardo, baixo o nome de Palabras para Isaac. Hai, tamén, un artigo asinado por Xosé Díaz no que reflexiona sobre a relación profesional e de amizade destes dous referentes da cultura galega. Esta primeira parte do Caderno complementa, ademais, a Crónica dunha fecunda amizade que editara Neira Vilas en Bolanda e na que recompilaba a correspondencia entre el e Díaz Pardo.

Deseño de Xosé Vizoso

O Caderno de Gres conta con outros dous bloques: os Encontros Literarios e o Dietario Derradeiro. Nos Encontros Literarios, celebrados xusto antes de pandemia de COVID, tomaron parte varios escritores galegos. Nesta publicación recóllense as declaracións de Rosa Aneiros, o mencionado Lois Alcayde e Antía Yáñez sobre cómo lles influiu Neira Vilas na súa obra. En canto ao Dietario derradeiro, este Caderno publica parcialmente o seu contido. O dietario transcorre entre os anos 2009, cando faleceu a esposa de Neira Vilas, Anisia Miranda, e o 2011. O escritor ofrece información sobre encontros con amigos e persoeiros da cultura, actos públicos, traballos e viaxes.

Xosé Vizoso foi o encargado de deseñar a cuberta de Carderno de Gres. É membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vials e durante moitos anos foi deseñador de Cerámicas de Sargadelos, ilustrador e supervisor das Edicións do Castro e estreito colaborador de Isaac Diaz Pardo. Outro nexo de unión entre dous dos intelectuais máis sobranceiros da cultura galega.