Un slogan con debuxo incluido para alertar das consecuencias de fumar, sesións para afondar nos compoñentes dun cigarro e unha charla a cargo dunha enfermeira do Sergas. Son, a grandes rasgos, as propostas que desenvolveron neste curso os e as estudantes de primeiro e segundo cursos da ESO do instituto Laxeiro, de Lalín, dentro da iniciativa Acende as cores da vida, apaga a nicotina.

Con estas actividades participaron no concurso escolar Clases sen fume, no que acadaron o segundo premio na categoría de actividade creativa. Á entrega de premios, onte nas dependencias da Consellería de Sanidade, acudiu a docente María Carmen González e a alumna Iria Blanco, de 1º ESO A. Esta estudante interviu durante un minuto para resumir cómo fora a súa experiencia neste proxecto, así como as dos seus compañeiros, nun ano no que todas as iniciativas estiveron marcadas polas pautas sanitarias da pandemia.

Probas

Antes da recollida de premios, os estudantes sométense a probas para comprobar que, efectivamente, levan varios meses sen fumar. Con este programa, Sanidade quere previr o tabaquismo na adolescencia, posto que está demostrado que o consumo comeza cada vez entre xente máis nova. O premio que recibe o IES Laxeiro neste concurso é unha tarxeta con acceso a contidos dixitais, valorada en 35 euros, para cada un dos 25 alumnos e alumnas. O galardón está patrocinado polo grupo CLUN. En canto á profesora, onte recolleu un diploma de innovación educativa.

O IES Laxeiro ten participado noutras edicións de Clases sen fume, conseguindo o primeiro posto con proxectos como Tabacopoly, que estivo coordenado pola profesora Sara Castro. En 2019, este centro educatvio lalinense conseguiu un accésit, mentres que o IES Antón Losada, do municipio da Estrada levou o primeiro premio no apartado de mellor eslogan con Paso de fumadores, e ti?.

Xosé Manuel López, novo director do centro

O 30 de xuño Uxío Grande cesará como director do IES Laxeiro, debido á súa xubilación. Sustitúeo no cargo Xosé Manuel López, docente de Inglés no centro dende finais dos anos 90. Xosé Manuel López xa fora designado director do IES Laxeiro en 2005, trala dimisión de Carmen Barreiro. Os dous foran nomeados por Educación trala falta de candidatos. Ocupou, tamén, o cargo de xefe de estudos nocturnos. En canto a Uxío Grande, asumiu a dirección do instituto lalinense dende o ano 2000 ata o 2004, e posteriormente dende 2009 ata a actualidade. Desta maneira, o 1 de xullo entrará o novo equipo directivo.