Un cambio de perspectiva. Ese foi o motor para que Llerena Perozo e Andrés Duro apostaran por reivindicar o rural como un lugar “cheo de vida”. Para demostralo, están a piques de inaugurar a súa finca de A Gargalleira, un futuro “agroespazo” orientado á celebración de eventos culturais. Así, o principal obxectivo é que este enclave de Trasfontao, en Silleda, se converta nun lugar que abrace a cultura.

A finca conta con seis hectáreas, unha carpa para a celebración de eventos e cursos de formación, unha horta ecolóxica e unha nómina de animais que vai en aumento. Porque esa é a intención: crear un espazo que xire arredor do amor ao campo, á cultura e á educación.

“Conforme vaiamos arrancando, queremos ir perfilando unha programación estable. É dicir, queremos ofrecer formación para adultos ao longo de todo o ano”, apuntou Perozo. A súa idea é, por tanto, celebrar cursos e obradoiros, sobre temáticas diferentes que sirvan para “desmitificar a idea que temos do rural”. É dicir, o campo como un lugar sen vida.

Pese a que as dimensións da finca darían a posibilidade de celebrar grandes eventos, Perozo descarta a idea. “Queremos facer cousas medidas para que as desfruten os adultos, as súas crianzas e a xente da contorna”, asegurou a impulsora. Así mesmo, tanto ela como Duro apostan máis por “eventos relaxados” que, dalgunha maneira, tamén van acorde coa pandemia. “Queremos compartir o noso proxecto de cambio de vida, ir amodo, dentro dunha paisaxe espectacular”, continuou asegurando Perozo.

Tanto Perozo como Durán teñen formación previa nos eidos da cultura e da educación, o que tamén os inspirou para crear ese novo agroespazo. Mentres ela traballou no sector editorial e dos medios de comunicación, el fíxoo nun centro educativo. Toda unha bagaxe formativa que serve de alicerce para o seu proxecto na Gargalleira.

Tanto Perozo como Durán comezan a conta atrás para a inauguración desde novo espazo, fixada para o domingo 4 de xullo. Este día convidan a quen se queira unir a unha xornada marcada pola poesía e recitado de María Lado e outras poetas. Tamén estarán As Efémeras, poñendo a nota musical. Iso si, dada a pandemia requírese que se faga reserva previa para un deses días que non caerán no esquecemento.