Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cos pés na terra

Sete quilómetros entre paraísos

A Fervenza do Toxa e Carboeiro nunca defraudan, así que situalos como alfa e omega dun mesmo itinerario é camiñar sobre seguro

10

Sete quilómetros entre paraísos XPonte

“Isto é un paraíso!”, dicíalle Loli a Conchita coa vista perdida nas pedras do mosteiro que comezaban a albiscarse entre as follas dos árbores na baixada desde o Cruceiro de Aguiar cara a Ponte do Demo. Foi, sen dúbida, un dos calificativos máis escoitados entre os camiñantes que, en número de trinta, cubriron onte o Sendeiro do Deza, nunha actividade do programa Silleda Camiña. Este itinerario clásico une as dúas xoias máis (re)coñecidas do turismo dezao: a Fervenza do Toxa e o Mosteiro de Carboeiro.

A foto de familia na Fervenza é obrigada. Cedida

Por máis veces que un se asome á catarata nunca deixa de sorprender a maxestuosidade da súa sonora caída libre. Quen diría que ese río –aínda troiteiro– que flúe paseniño, calmo, case sen dar un chío, coma sen querer molestar, polo val de Escuadro vólvese rápido, barulleiro e bravo ao saberse preto do seu fin, como se ao achegarse ao pai Deza tornase á infancia bulideira coa que se precipita desde Suapica, nos montes de Forcarei. O ruxido da auga ao bater contra os penedos que poboan o cauce acompaña ao camiñante ata atravesar a ponte metálica desde a que bota unha última ollada á fervenza antes de poñer pé en terras de Vila de Cruces.

A caída libre de auga en toda a súa altitude. XPonte

Entre arboredos chégase a Merza, co seu microclima que xa deixa cereixas maduras. Varias casonas cautivan as miradas ao atravesar a parroquia, en especial unha modernista que loce coma nova logo dunha recentísima restauración. Veñen logo os quilómetros menos agradecidos, sobre beirarrúas e asfalto, só aliviados coa sempre relaxante contemplación dese marabilloso recanto que é A Carixa. Cómpre coller folgos para as temidas rampas que se aveciñan na subida aos baños, antes de enfilar o bosque que conduce a Carboeiro e no que, entre carballos, sobreiras, pinos e érbedos, agroman cada vez más invasores eucaliptos.

Vista do río Deza desde unha torre monacal. XPonte

A Ponte do Demo e, para os máis avezados, a calzada de pedra proporcionan as penúltimas instantáneas. Sempre hai que gardar sitio para a estampa do mosteiro, toda unha xoia do arte románico galego sen parangón desde a agochada cripta ata as torres que dominan o meandro do Deza.

Sepulcro antropomorfo no interior da igrexa monacal de Carboeiro.

Sepulcro antropomorfo no interior da igrexa monacal de Carboeiro. XPonte

Compartir el artículo

stats