Escribo estas liñas movido polo pesar e polo recordo que me trae a figura de José Manuel Piñeiro, que foi secretario xeral da Fegamp durante o tempo en que eu exercín como presidente da Federación galega. Foi unha honra ter traballado ao seu lado, porque á parte da súa capacidade e cualificación, foi o técnico de todas as administracións polas que pasei ou tratei, co que me sentín máis a gusto na miña larga e dilatada experiencia política e co que mellor me entendín.

Admiraba a súa capacidade de análise, o seu poder resolutivo e unha visión estratéxica inaudita diante de calquera proxecto que tivera entre mans. Aptitudes e actitudes que foron determinantes na consecución de importantes metas como o recoñecemento da Fegamp como único órgano de interlocución dos concellos de Galicia co resto das administracións.

A consecución da consideración dos parques eólicos como Bens Inmobles de Características Especiais (BICES) tras gañar desde a Fegamp ás eólicas unha sentenza ante o Tribunal Supremo supuxo outro logro importante para o municipalismo nesa etapa, pois supuxo que os concellos que albergaban estas infraestruturas no seu chan pasasen de cobrar tres veces máis polo IBI, ao pasar a aplicarse coa dita sentenza un tipo de 1,3 fronte ao xenérico do 0,4.

Un terceiro fito neses anos na Fegamp á carón de Piñeiro Amigo tiveron como resultado a sinatura do único Pacto Local de calado existente en España. O incremento notable logrado no Fondo de Cooperación Local, o prestixio institucional acadado no ámbito do Estado evidenciado, por exemplo, nas Xornadas sobre Pactos Locais Autonómicos que supuxeron unha demostración do poder de convocatoria da Fegamp ao conseguir reunir a práctica totalidade das federacións territoriais do Estado sitúanse entre outros dos obxectivos acadados neses produtivos anos. Podería citar moitos máis, porque os houbo, pero sinalo estes por consideralos dos máis destacables.

En definitiva, durante eses anos con Piñeiro na Fegamp conseguiuse poñer o municipalismo en auxe naquel momento, algo que non tería sido posible se a Federación non tivese un funcionario tan cualificado e tan capaz como Piñeiro Amigo. Pero ademais de pola túa profesionalidade, lembrareite pola túa bonhomía e a túa exquisita diplomacia.

DEP, amigo Piñeiro Amigo. Que a terra che sexa leve.