Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NA LATITUDE DO DEZA

Onde está a entrada á aurela de Doade?

Os traballos que se están a realizar estes días neste modélico castro coinciden coas suposicións formuladas hai preto de medio século por Manuel Dobarro, daquela estudiante na Facultade de Xeografía e Historia

Os traballos arqueolóxicos desta sétima campaña xa descubriron parte dun muro defensivo. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Todos os traballos de escavación arqueolóxica que se levan feitos nestes últimos anos no Castro de Doade non son o resultado dunha longa traxectoria de estudio e investigación do mesmo, como cabía esperar, senón, máis ben, un logro case explosivo, feito realidade grazas á proverbial intervención do Museo Casa do Patrón de Codeseda. O certo é que este castro era un perfecto descoñecido no noso “mundo da cultura castrexa” ata a década dos anos 70. A primeira vez que o castro de Doade aparece nun traballo universitario é nesa década. Daquela non se atopaban referencias bibliográficas, de ningún tipo (libros, cadernos, revistas, etc.), que mencionaran, nin tan sequera, a súa existencia.

No curso 1974-1975, o meu amigo, xa falecido, Manuel Dobarro, daquela estudiante de 1º de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago (USC), fixo o primeiro traballo de carácter académico, que coñecemos na nosa Comarca de Deza, sobre varios castros da zona de Lalín e Silleda (Ludeiro, Gresande, Medelo, Costoia, Donramiro, Barcia, Sestelo, Vilar, Castro Montazo, Cotarelo e A Veiga). Nese traballo, no que eu colaborei na recollida de datos de campo, analízanse varios aspectos dos nosos castros e, ao final, saca varias conclusións. Hai unha que me parece moi acertada e que nestes días ten moito que ver co que está a suceder nas escavacións do castro de Doade.

Plano do xacemento. Antonio Presas

Segundo Manuel Dobarro, en base aos once castros analizados, as entradas ás croas (aurelas) estaban situadas na parte máis baixa, de tal xeito que para entrar había que ascender costa arriba, mentres que a saída facíase en baixada. Sempre resultaba máis difícil entrar ca saír da aurela, que era onde se situaba o poboado principal da entidade castrexa. No caso de que o castro tivera unha aurela aplanada, sen pendente, supoñía que a entrada estaría, probablemente, localizada cara o Leste, que é por onde sae todos os días o Sol.

Imaxe tomada do LIDAR.

Convén aclarar que na década dos anos 70 a idea dominante no mundo académico era que os castros foran de “orixe celta”, que tiñan sobre todo funcións defensivas (estaban construídos para defenderse dos inimigos), que tiñan complexas portas de entrada (fortificadas con torres), que foran arrasados polos romanos nas guerras cántabro-galaicas...

Así pois, os traballos que se están a realizar nestes días en Doade, na procura da porta de entrada á Aurela, coinciden coas suposicións formuladas, hai uns 46 anos, por un estudiante universitario de Xeografía e Historia, precursor do noso concello, porque a croa do castro está inclinada cara o NO, que é onde se están a realizar as interesantes sondaxes da “sétima campaña de escavación”, deste modélico xacemento da nosa comarca.

Compartir el artículo

stats