Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio histórico | Os sistemas métricos

Deza tamén ten unha vara de medir

Fachada da Casa do Ferreiro, coa nova porta. | // A.A. Alfredo Abeledo Penas

Un dos enigmas que máis interpretacións suscitan no Foxo de Deza, situado no Camiño Real a Santiago, preto de Silleda, son as famosas marcas e gravados que existiron ao longo da rúa principal.

Entre elas, destacan, por riba das inscricións da Casa de Postas ou da desexada placa da Botica, hoxe tapada, os signos existentes no lintel da porta da casa número 34, propiedade dos herdeiros do Sr. Fraiz, ubicada mesmo no cruce existente no medio da calzada, onde se produce a bifurcación: Margaride pola Casa de Vista Alegre cara a Santiago e o camiño cara ao Norte en dirección a O Castro-Carboeiro.

A Pedra-Lintel, de 43 centímetros largo por 150 de longo, colocada como lumieira ou lintel, contén dous debuxos horizontais labrados cunha profundidade de 5 mimímetros aproximadamente.

Vara de medir de O Foxo   | // A.A

Vara de medir de O Foxo | // A.A Alfredo Abeledo Penas

O trazado na parte superior é unha figura rectangular que parece unha regra, e debaixo del o que parece ser un instrumento que ao decir dos viciños lembra unha tenaza, se ben segundo o meu criterio trátase dunha tesoira de tosquiar ou de rapar as ovellas. Con esta simboloxía moitas son as significacións que se dan: taller do ferreiro, lauda dun peregrino, casa do peregrino...

Vara de medir do castelo de Monterrei. | // A.A. Alfredo Abeledo Penas

Na miña humilde apreciación e despois de algún tempo de facerme preguntas, en principio, esta pedra, contén dúas figuras, que tendo sentido por sí soas, no conxunto revelan, cando menos, que esa casa tivo moita importancia no tráfico comercial, entre outras razóns: polas labras, por ser casa de alto e pola situación xusto no medio da rúa real , coa fachada pechando a mesma, como facendo de fronteira e control e diante da bifurcación do camiño.

Trátase duhna edificación estratéxica. Hai unha cuestión de fondo. A dúbida de se esa pedra estivo sempre colocada nese marco ou se pertencía a outra edificación. A lonxitude co corte en bisel rebasa os propios soportes laterais indicando que a porta orixinal tiña outras dimensións notablemente superiores.

Fachada da Casa do Ferreiro, coa nova porta. | // A.A. Alfredo Abeledo Penas

Con estas premisas conviría tratar e analizar cada unha das labras, mais polo pouco espazo de que dispoñemos e polo que requeriría o tema, analizado polo miúdo, tan só falaremos da primeira das figuras, que xa dende agora descubriremos que se trata dunha Vara de Medir: Esta primeira figura situada nese plano superior do lintel da entrada, ten unhas dimensións de 0,03 metros por 0,835 metros. semella unha regra ou vara, separada do outro elemento.

Nalgúns aspectos fai recordar as laudas gremiais de Noia ou as recentemente descubertas da igrexa de S. Francisco da Coruña. As cifras non deixan lugar a dúbidas!. Coinciden exactamente coa unidade de medida de Burgos, tomada como patrón en case que toda a península, antes de ser establecido o metro como medida mundial de lonxitude.

Jaca, Sos del Rey Católico, Bergara e Laguardia na Rioxa alavesa, son lugares onde a vara de medir tivo gran importancia como o proban as distintas marcas e gravados deixados nas paredes dos edificios máis representativos. | / A.A

Lonxitude media

Esta regra, como medida de lonxitude, medía 0,8359 metros e estaba dividido en dous codos, tres pés ou catro palmos. Acollíase así á Vara máis usada. A coñecida como Vara Castellana ou de Burgos, que era aplicada en prácticamente todo o Estado. A Vara Castellana ou de Burgos, adoptada como oficial segundo o antigo sistema de pesas e medidas españolas de Castilla tiña exactamente 0,835905 metros, xusto o que mide a vara do Foxo de Deza.

A coñecida como Vara de medir tudense. | // A.A. Alfredo Abeledo Penas

Nesta tesitura, existen outras coincidencias que nos aproximan a poboacións que ao longo dos séculos tiveron a súa importancia histórica como enclaves comerciais. É o caso da Vara de Medir de Zafra en Badaxoz, do século XV esculpida nunha columna e que empregaban nos mercados da cidade para medir teas, cordas, arames, etc.

Nesta importante vila de Estremadura, o mercado local tivo a seu asentamento nas prazas Chica e Grande, cuns soportais que acollían os negocios dun novo comercio comarcal. Na praza Chica celebrábanse dende 1830 os mercados semanais polo que alí estaba a oficina do almotacén, funcionario encargado de revisar os pesos e medidas e tiña gravada no fuste dunha columna a chamada Vara de Zafra, para que o cliente puidese comprobar directamente a veracidade da medida do xénero adquirido.

Tamén é de subliñar a vara existente no Concello de Monterrei, (Ourense) labrada nun lateral da igrexa de Sta María, situada preto do Castelo medieval, empregada coas mesmas funcións. Polas indicacións da guía turística esa vara mide 1,20 metros.

Non deixa de ser curioso que tanto Zafra coma Monterrei e o Foxo estean situadas na mesma Vía da Prata, no Camiño Mozárabe de Santiago para ser exactos, sexan poboacións históricas e sobre todo con grande trasego de mercadorías, se ben no Foxo estas, como lugar de paso cara a capital da Provincia de Santiago, estaban suxeitas a un control, non tanto de venda senón de tributo real por portádego.

Outras varas semellantes e coa mesma importancia existen en Burgos loxicamente e tamén en Betanzos e Tui, como provincias que foron do antigo reino de Galicia e curiosamente unha no Camiño do Norte e outra no Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

Non me quero esquecer da conversa mantida con Raimundo Núñez y Lendoiro, cronista oficial de Betanzos, que na Crónica para la Hª de Betanzos, faloume da vara de medir existente nunha columna do claustro do Convento das Agustinas Recoletas, antigo hospital da Anunciata, logo albergue de peregrinos. Por razóns obvias non me foi permitido entrar neste centro de clausura.

E de destacar a lauda debuxada por Alfredo Erias, director do Arquivo de Betanzos, con quen tiven o pracer de falar hai uns días. No debuxo que se acompaña, aparece unha vara de medir á par dunha lanzadeira dun tear. Chama a atención o lugar da aparición, nunha das sepulturas da igrexa de San Francisco da Coruña. A medida neste caso é de 0,807 metros, moi parecida a regra de loxitude, logo esixida por Fernando IV e corroborada polas Cortes en xullo de 1849.

Jaca, Sos del Rey Católico, Bergara e Laguardia na Rioxa alavesa, son lugares onde a vara de medir tivo gran importancia como o proban as distintas marcas e gravados deixados nas paredes dos edificios máis representativos.

Conclusión

No Foxo de Deza, a existencia de Botica, Administrador de Tabaco, Estanco, Portádego, Estafeta de Correos, revelan efectivamente que ese símbolo é unha vara de medir, e hai necesariamente que relacionalo cun establecemento que leva aparellado un oficio ou servizo imprescindible para atender a demanda dos transeúntes e arrieiros que frecuentaban o paso por este importante enclave que unía Ourense, O Carballiño e Ribadavia con Santiago.

Doble aplicación

A Vara de Medir do Foxo, debeu ter unha dobre aplicación. Por un lado puido servir como marca ou medida oficial na comprobación dos produtos que se comercializaban na zona, e que non admitían discusión. E por outro, como rótulo indicador que nese establecemento se admitirían para compra ou venda os xéneros, teas, cordas, etc, que foran susceptibles de seren medidos mediante ese sistema.

Como curiosidade dicir que no s. XVIII Trasdeza destacaba pola grande produción de liño, e a existencia de palilleiras e tecedeiras sobre todo en Taboada, Vilar, Graba , Silleda, Escuadro e Chapa. Daquelas pasar con este xénero polo Foxo de Deza para vender nas feiras, implicaba un pago de portádego, que se medía en varas, á Mitra compostelana e a Francisco Sarmiento, dono da Casa de Petán.

Tamén destacar que neste mesmo século, no Foxo de Deza había 10 casas terreas por 12 casas de alto, cifras que superaban á feligresía de Silleda que tiña 9 casas terreas por 2 de alto. Pois ben, estas casas eran medidas precisamente en varas, que nese tempo equivalía cada unha a 0,833 metros.

Compartir el artículo

stats