A Feira Internacional de Galicia Abanca está de aniversario. Hoxe, 29 de maio, cumpriranse 25 anos da inauguración oficial deste recinto por parte do Rei Juan Carlos I, considerándose dende entón como o maior parque de exposicións do noroeste peninsular.

O seu xerme sitúase moito antes, cando un grupo de gandeiros e empresarios crearon un colectivo para promover unha feira capaz de servir de escaparate e centro de comunicación entre os profesionais do campo. Naceu así a Asociación de Amigos da Feira – na actualidade Asociación Feiral Semana Verde de Galicia - e, con ela, a que hoxe é a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, cuxa primeira edición foi en 1978. A súa crecente relevancia trouxo consigo a constitución da Fundación Semana Verde de Galicia en 1991 e a construcción do recinto, que remataría en 1996.

Aínda que se celebraron antes algúns certames con contido específico e independentes de Semana Verde e xa en 1981 xurdira a hoxe denominada Central Agropecuaria de Galicia Abanca, o pleno funcionamento do recinto supuxo a formulación dun calendario feiral multidisciplinar. Desde entón foron moitos os sectores e as empresas de todo o mundo os que atoparon no recinto un importante espazo de promoción, negocio e proxección tanto nacional como internacional.

Actividade

Neste sentido, nos últimos anos realizouse un importante esforzo dende a Fundación Semana Verde co obxectivo de incrementar e diversificar a súa actividade. Así, a sectores tradicionais como o da alimentación, co salón Salimat Abanca; a agricultura e gandería con Abanca Cimag- GandAgro, o forestal con Galiforest Abanca ou o turismo con Turexpo Galicia, uníronse outros como o da enerxía con Enerxétika; a caza, pesca e natureza con Fecap Abanca; o transporte de viaxeiros por estrada con ExpoBus, as novas tecnoloxías coa XGN R Encounter ou o lecer infantil co parque de atraccións Silleda Park. Ademais, a todo iso sumáronse, recentemente ou dende os primeiros anos, moitos outros ámbitos, a través de festivais, campionatos deportivos, concursos hípicos e caninos, espectáculos de motor, congresos, eventos corporativos, presentacións, mitins, rodaxe de series ou grandes procesos selectivos.

En canto á ampliación de sectores e actividades, continúa sendo o obxectivo da entidade feiral e en 2022 suporá a incorporación da feira Sedexpo, centrada en seguridade, defensa e emerxencias, e tamén do certame de acuicultura Aquafuture pain.

Patrocinio

Neste camiño destaca a decisión de Abanca fai seis anos de converterse en patrocinador oficial do recinto e os seus certames ligados ao sector primario. Dende entón forma parte ademais do Padroado da Fundación Semana Verde, do mesmo xeito que outra empresa que apostou polo proxecto do recinto, a operadora de telecomunicacións R. Un respaldo que no Padroado complétase co de diversas Consellerías da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Silleda e Asociación Feiral Semana Verde.

Como presidente da Fundación Semana Verde e vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quixo destacar neste aniversario “a importante contribución do recinto ao desenvolvemento da economía galega nestes 25 anos”, á vez que expresou a súa satisfacción pola “utilidade que ten demostrado para numerosos sectores, empresas e profesionais”. Neste sentido, considerou un “acerto” a aposta da Xunta de Galicia polo recinto e sinalou as súas “boas perspectivas para o futuro”.

Pola súa banda, o director da Feira Internacional de Galicia Abanca, Ricardo Durán, tamén resaltou a “achega do recinto a moi diversos sectores, dende ou primario, co que está moi vencellado, ata moitos outros que son froito do incremento da actividade pola que traballamos dende a Fundación”, o cal supuxo que “de 6 eventos e 132.500 visitantes en 2013 pasaramos a 24 citas e 248.800 visitantes en 2019”. Ademais, indicou que o servizo que presta o recinto “tamén se estende á propia administración, non só a través das instalacións, senón de todo ou seu equipo humano”.

O crecemento do calendario feiral conta cunha importante fortaleza, as magníficas instalacións do recinto, con gran versatilidade para organizar todo tipo de eventos. Conta con 400.000 metros cadrados nos que se inclúen varios pavillóns, destacando os dous principais, con máis de 10.000 metros cadrados cada un. As súas amplas zonas de exposición ao aire libre e as áreas verdes son unha interesante alternativa, ao igual que o seu auditorio, con capacidade para 624 persoas. Este último sitúase no Centro de Congresos, que agora alberga no resto de dependencias o Museo do Campo e a Mecanización.

Engádense outras salas, na parte superior dos pavillóns ou con vistas ao seu impresionante paseo central de 18.000 metros cadrados. A súa oferta complétase cun ring verde e lago artificial. Ademais, a súa localización nunha contorna natural combinada coa súa proximidade á capital galega, fano único.

Logotipo conmemorativo

Con motivo do 25 aniversario do recinto, a entidade feiral incluíu esta efeméride no seu logotipo. Con iso, e a través do seu uso en distintos soportes, pretende lembrar este cuarto de século como ferramenta de dinamización e proxección do tecido empresarial.