Seis anos despois da última convocatoria (en 2015) a Fundación Neira Vilas retoma o Premio Arume de Poesía para a Infancia, un certame prácticamente único en toda Galicia. Onte a sede da fundación en Gres acolleu a presentación do xurado, que terá que escoller a mellor das 24 creacións remitidas.

O tribunal estará composto por Xosé Antonio Perozo, escritor, editor e presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix); Rosalía Morlán, secretaria da fundación, escritora e poeta; María Jesús Fernández, traductora, crítica de literatura infantil e autora de panorámicas actuais nos Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil; Manuel Figueiras, traductor e mantedor do sitio web Blix, así como promotor da Feira do Libro Infantil de Chantada; e Pilar Sampedro, experta en literatura infantil.

O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do volume corre a cargo de Edicións Embora. O presidente da fundación de Gres, Fernando Redondo Neira, quixo agradecer a coorganización de Gálix e tamén da empresa Leite Noso, firma comercializadora de Deleite. Perozo sinalou que a asociación que preside xa andaba coa teima de facer un premio de poesía para xente nova, “e xurdiu esta oportunidade”, mentres que Pedro González Boquete, de Leite Noso, recalcou o compromiso da súa firma coas iniciativas que fan cultura desde as aldeas.

A obra gañadora, o 25 de xullo

O Premio Arume de Poesía para a Infancia tivo oito edicións ata 2015 e era un paso máis no intenso labor que, durante décadas, fixeron Xosé Neira Vilas e a súa dona Anisia Miranda en canto á difusión da literatura para a xente máis nova. Como lembrou Fernando Redondo, xa en Cuba puxeran en marcha as revistas Zum zum e Bigirita. Despois, en terras cruceñas, a biblioteca da Fundación foi sobre todo consultada por nenos e nenas, protagonistas tamén doutras iniciativas desenvoltas nas instalacións.

O gañador ou gañadora deste certame darase a coñecer o 25 de xullo, e a entrega do galardón será no Día das Escritoras, unha data que ademais é próxima á do falecemento de Anisia Miranda, o 22 de outubro de 2009.

Non será a única xornada marcada en vermello no calendario da fundación. O 3 de novembro, o día en que naceu Xosé Neira Vilas (en 1928), celebrarase o Día do Lector e da Lectora, nun ano que ten un significado especial, pois festéxase o 60 aniversario de Memorias dun neno labrego, a obra máis coñecida do autor cruceño e, tamén, a máis lida da literatura galega.

Encontros con escritores

A Fundación Neira Vilas, xunto á Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño, é un gran polo dinamizador do municipio cruceño. Antes da pandemia puxera en marcha os Encontros literarios en Gres, que permitiron coloquios con Rosa Aneiros ou Antía Yáñez. A organización xa mantivera contactos con outros autores como Miguel Anxo Fernández e Carlos Labraña, ademais de programar un acto con Tino Fernández para celebrar o Día da Poesía. A irrupción do COVID suspendeu todos estes proxectos, que se poderán retomar en canto a situación sanitaria o permita. A fundación de Gres ten ao seu favor a proximidade das Insuas, que xa acollerono pasado mes de xullo a presentación de Esca, a novela gañadora do premio de novela curta.