Despois dunha fin de semana pasada por auga, o sol atreveuse a saír. Pode que o astro rei soubese mellor ca ninguén que o día das Letras Galegas, que se celebrou onte, sería unha xornada chea de luz. Como non podía ser doutra maneira, os veciños das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra saíron á rúa para reivindicar o idioma e homenaxear a Xela Arias, a poeta á que este ano dedican as Letras Galegas. Así é que houbo unha morea de actos e concertos que, espallados por toda a xeografía da bisbarra, puxeron cor ao día grande do idioma.

A Estrada vestiu de gala a súa Alameda municipal, que recibiu con agarimo o pregoeiro deste ano: o escritor Antonio García Teijeiro. O autor vigués, coa voz comprometida, recordou no seu discurso a necesidade de reivindicar o idioma e de conseguir que o galego se normalice naqueles eidos nos que aínda está desprazado. Tamén lembrou a súa experiencia de castelánfalante e como el mesmo decidiu mudar de lingua e escolleu o galego como o idioma máis identitario. No seu discurso, que rematou con verbas de Celso Emilio Ferreiro, non faltaron eloxios á figura de Xela Arias.

Tamén o fixo o alcalde da Estrada, José López Campos, que describiu a homenaxeada deste ano como “unha muller adiantada á súa época” e que serviu “de inspiración de moitas outras autoras” que viñeron despois. Ademais, expresou o seu desexo de que as próximas Letras Galegas teñan nome estradense. López Campos non se esqueceu de falar da candidatura de Manuel García Barros. “Temos a coraxe e a ilusión”, dixo o rexedor local.

A Banda de Vilatuxe tocou onte ao mediodía no Lalín Arena. | // BERNABÉ

Despois dos dicursos, García Teijeiro, acompañado do alcalde da Estrada, fixeron a tradicional ofrenda floral a Marcial Valladares, escritor estradense que foi homenaxeado nas Letras no 1970. A continuación, a Banda de Gaitas de Barbude puxo a música, ambientando a Alameda cos sons máis tradicionais.

Pero o ritmo non parou. Pouco despois, sobre as 13.00 horas, o obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso ofreceu un concerto na Praza do Concello. O mesmo escenario ao que se subiu a Banda Municipal que, pola tarde, tamén quixo encher A Estrada de música.

Entrega do premio “Pandeireta de Honra”. | // BERNABÉ/ANA AGRA

Pero estas non foron as primeiras nin as únicas iniciativas. Tamén houbo colectivos, como o de Camiño Circular, que organizou un obradoiro para a elaboración de instrumentos con material reciclado na carballeira. Os participantes tamén recitaron a Xela Arias.

En terras do Deza os actos non quedaron atrás, senón todo o contrario. Os municipios da comarca tamén se sumaron á celebración das Letras Galegas.

Lalín quentou motores o domingo pola noite da man do solista Abraham Cupeiro e da Banda de Lalín. Ofreceron o espectáculo Pangea, no que se mesturou música de diferentes continentes e se utilizaron instrumentos de diversas partes do mundo. O concerto celebrouse no recinto do Lalín Arena, o mesmo espazo que a Banda de Vilatuxe encheu de música no mediodía das Letras, a iso das 13.00 horas.

Tamén en Lalín, o Salón Teatro acolleu na tarde de onte outro acto conmemorativo. A quinta edición do Serán das Letras, cuxo emprazamento orixinal era a Carballeira de Rodo, que tivo que cambiarse por mor da chuvia, tamén encheu de música e ambiente festivo o municipio dezano. O acto presentouno o poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín. O mesmo que estivo arroupado pola música tradicional de diferentes agrupacións. As participantes neste encontro foron Ailola, A Carballeira de Cercio, Ponte da Prata de Botos, Os Dezas de Moneixas, O Carballo da Manteiga e Os Trasnos de Doade.

Obradoiro para facer instrumentos reciclados.

Pero non acaban aquí as homenaxes e conmemoracións ás Letras e a Xela Arias. No Concello de Vila de Cruces foi a Fundación Paco Lareo a que acolleu o espectáculo infantil Cores, contos e Rock’n’roll de Ramona Órbita. En canto a Agolada, o concello vén de celebrar diferentes actividades, entre as que salientan un obradoiro infantil, para homenaxear as Letras Galegas. Coa idea de que o día grande tamén se enchese de música, a agrupación Bico da Balouta ofreceu un pasarrúas pola vila, levando ledicia e festividade os veciños do municipio dezano.

As bisbarras, por tanto, non dubidaron en festexar as Letras na rúa, pese a que o contexto de pandemia e crise sanitaria segue aí. As máscaras e as distancias de seguranza non foron un impedimento para homenaxear con música e actos a Xela Arias e a todos aqueles escritores, poetas e dramaturgos que cultivaron a súa obra en galego e demostraron que é unha lingua fermosa, capaz de crear unha literatura de calidade. As Letras Galegas son, por tanto, unha data para a celebración. Pero tamén son un día para recordar que o idioma vive en quen o fala, en quen o canta, en quen o recita, en que o escribe e en quen é capaz de entoalo con forza. Dende logo, Xela Arias foi o mellor exemplo.