Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pasamentos con acento galego

O Concello de Lalín cofinanciará as lápidas dos seus camposantos gravadas na lingua

Flores nunha tumba do cemiterio vello do concello de Lalín. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

O alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou onte o inicio dunha serie de “accións simbólicas” tendentes a facilitar a galeguización do concello a partires deste 2021 coincidindo co Día das Letras Galegas. A primeira delas será a cofinanciación das lápidas mortuorias escritas en galego nos distintos camposantos da municipalidade. O Concello pagará a metade do importe das placas ata un máximo de 50 euros sempre e cando sexan feitas nas distintas marmorerías de Lalín. A concelleira Begoña Blanco será a encargada de argallar o programa optativo para todo o que queira sumarse á iniciativa municipal.

O rexedor lalinense lembrou que “a miña experiencia é que a cada paso fala menos xente o galego, e o galego é algo que tiñamos que respectar e coidar entre todos como un símbolo de identificación noso”. Crespo subliña que “cada ano mentres eu sexa alcalde o Día das Letras Galegas irá sempre unido a unha pequena acción, non intención porque xa está ben de manifestos para quedar ben”. O alcalde explicou que Xosé González Martínez, “Pepe de Redondela”, presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística de Galicia do Foro Peinador “un día pediume unha audiencia e me dixo se podíamos facer algo pola normalización lingüística nos concellos. E foi cando me comentou o das placas dos cemiterios. Das unha volta polos camposantos nosos e observas ca maioría das placas están en castelán de xente que foi toda a vida galegoparlante. Loxicamente non debe de ser así porque as lápidas quedan para moitos anos”.

O alcalde Lalín subliñar que a iniciativa de carácter voluntario conta cun orzamento de 5.000 euros, que son os adicados á normalización lingüística do concello. “Verémolo cara o ano que ven se hai que incrementala porque isto é para os que queiran facelo pero ímoslle dar un incentivo”, engade Crespo. O rexedor tamén destapou que dende o Foro Peinador lle comentaron que “só unha de mil lápidas están en galego en toda Galicia. E maioría van botar aí se cadra cen anos”. A proposta municipal tamén abrangue os columbarios da xente que se incinere nos camposantos lalinenses.

A iniciativa do Concello de Lalín tamén podería estenderse “a placas que hai en edificios públicos que se poderían cambiar para o galego, en definitiva que cada ano traeremos unha acción e Begoña Blanco xa se vai encargar de ir buscando unha que non tiña un custe económico excesivo como a rotulación de centros públicos municipais”. O alcalde de Lalín recoñece co orzamento previsto trátase dunha “cantidade bastante pequena pero eu penso que ten un retorno importante”.

Compartir el artículo

stats