Comeza a conta atrás. Estanse a quentar motores para celebrar o día grande. Esas Letras Galegas que, aínda en situación de crise sanitaria, homenaxearán con agarimo e respecto á poetisa Xela Arias. Así e que os municipios das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra tamén se quixeron sumar á manchea de actos e iniciativas que conmemoran esta data tan especial.

En primeiro lugar está o Concello de Silleda, que dende a súa Concellería de Normalización Lingüística agasallará bolsas de tea coa estampa de Xela Arias. Esta iniciativa vai dirixida a todas as persoas de entre 12 e 30 anos que se queiran achegar ao Centro Social de Silleda entre o martes 18 e o venres 21 de maio. Dende o Concello informan que será necesario presentar o DNI. Por outra parte, a Casa da Cultura de Silleda tamén acolleu onte un espectáculo de monicreques a cargo da compañía Viravolta. A obra, Menú de Refectorio, está baseada en textos do Conde Lucanor, do Infante Don Manuel e do Decamerón de Bocaccio.

Bolsas de tea que se agasallarán en Silleda.

Bolsas de tea que se agasallarán en Silleda.

En canto ao Concello de Agolada, o Pendello Comedor acolleu un obradoiro de chapas dirixido aos máis cativos. Un total de 13 rapaces, con idades comprendidas entre os cinco e os dez anos, puxeron sobre o papel todas as súas dotes artísticas para homenaxear a poetisa. Esta inicitiva enmárcase dentro das actividades organizadas polo Concello en relación ás Letras Galegas.

En Rodeiro foi o mal tempo o que obrigou a desprazar a actividade prevista ao centro cultural. Foron varios os rapaces que participaron no obradoiro creativo Estas cartas teñen moito conto. Xogando con Xela Arias que correu da man de Antía Vázquez Figueiras. Os participantes na iniciativa conseguiron viaxar ao mundo dos contos, pero dunha maneira totalmente diferente á que estaban acostumados.

Actividade creativa sobre as Letras en Rodeiro. /BERNABÉ/ANA AGRA

Pero as actividades culturais para conmemorar a Xela Arias non remataron aquí, senón que tamén se trasladaron á comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Foi no Concello da Estrada onde a Asociación Vagalumes organizou onte un acto para conmemorar as Letras Galegas. Puxeron o foco na preocupante situación que atravesa a lingua galega nestes momentos, a xulgar polos últimos estudos publicados pola Real Academia Galega (RAG), e por iso consideraron máis importante ca nunca a celebración deste acto. Nel interviron o mestre e escritor David Otero e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Así mesmo, houbo actuacións musicais de Jásper, Manu García e Patti Castro, así como varios recitais poéticos.

Espectáculo de monicreques en Silleda. / Bernabé/Ana Agra

Por último, o Concello de Cerdedo-Cotobade tamén se quixo unir á celebración deste día tan especial. Para iso deseñaron una actividade escolar colaborativa pola que invitan a todos os nenos de Infantil e Primaria do municipio a que recollan, nun audio, todas aquelas lendas e historias que escoitaran na casa ou na boca de seus avós. Esta actividade, titulada Contos ao teléfono Xela Arias servirá para crear unha canle interxeneracional. Todos os participantes recibirán un agasallo. Ademais, os audios que se reciban serán publicados nun podcast para que toda a veciñanza de Cerdedo-Cotobade poida escoitar as historias recollidas polos seus escolares.