Un obradoiro infantil, un sorteo dun pack de seis libros de distintos estilos e para idades diferentes e un pasacalles a cargo do grupo tradicional Bico da Balouta compoñen a programación do Concello de Agolada para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se celebra o vindeiro luns, 17 de maio. As actividades foron presentadas onte polo alcalde, Luis Calvo, e o tenente de alcalde, Óscar Val.

O venres 14 de maio o Pendello Comedor acollerá ás 16:30 horas un obradoiro infantil que leva por título Chapas Xela Arias. Está dirixido a nenos de entre 5 e 12 anos. Co gallo de poder cumprir todas as medidas para frear a pandemia o aforo é limitado, con vinte prazas. Os interesados deberán anotarse previamente a través do teléfono 637 092 846; o prazo para inscribirse xa está aberto e rematará o día 13 ás 17:00 horas. Estará impartido pola animadora sociocultural do Concello de Agolada, Inma Galego. A actividade consistirá en facer un pequeno resumo da celebración desta data, explicarlles todo o relacionado coa homenaxeada deste ano, Xela Arias, e levarase a cabo un obradoiro de chapas grandes. Os participantes despediranse cunha merenda.

O luns 17 a música será a protagonista. De 12:30 a 14:30 horas, aproximadamente, haberá un pasarrúas pola vila de Agolada a cargo do grupo de música tradicional Bico da Balouta.Ademais, terá lugar un sorteo dun pack de seis obras variadas a través do Facebook e de Instagram do Concello. Está formado polos seguintes libros: Darío a diario, de Xela Arias; Mini-libros, de Kalandraka; A praia dos afogados, de Domingo Villar; Asústate Merche!, de Fina Casalderrey; O Bicheiro (número 1), tira cómica que publica diariamente o humorista gráfico Luis Davila en FARO DE VIGO; e Herba Moura, de Teresa Moure.

Sorteo en redes sociais

O pack compartirase en Facebook (concretamente, na páxina Agolada Concello) e no Instagram (Concello Agolada) a mediados desta semana e haberá un prazo duns sete días para participar no sorteo. O gañador darase a coñecer na xornada seguinte a finalizar o sorteo. Os dous requisitos para participar son que os interesados deberán darlle a me gusta e a seguir á páxina no Facebook ou esta última opción se se participa no Instagram, facer un único comentario na publicación oficial, sexa en Facebook, en Instagram ou en ambas –se comenta nas dúas, cumprindo os demais requisitos, contará dúas veces–. Despois, quen o desexe pode compartir a publicación. Pero todas estas normas explicaranse nas redes sociais o día mesmo que arranque o sorteo.