Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Facendo historia en Doade

A Aurela do Castro de Doade. // Casa do Patrón

As diversas actuacións arqueolóxicas realizadas no castro de Doade permítennos concluír que a súa construción se levou a cabo mediante a acumulación de milleiros de cestos e sacos de terra ao redor dunha rocha central durante centos de anos, formando un promontorio sobre o que logo asentaron o poboado castrexo, que contou con tres ou catro fases de ocupación, que abranguen dende o século V a. de C. ata o IV d. de C. O recinto estaba fortemente protexido por unha gran muralla mixta duns 6,5 metros de ancho, cunha porta de entrada, rodeada por cinco fosos no antecastro escavados na rocha nai, tres dos cales xa foron baleirados: un dobre foso pegado á súa cara exterior, un segundo, a uns 25 m. de distancia, e un terceiro de grandes proporcións (8 metros de ancho, por 5,3 de fondura), situado a 40 m. do lenzo exterior da muralla.

Estruturas escavadas e postas en valor. Casa do Patrón

Tamén na parroquia de Doade, executamos nos últimos dous anos a prospección, catalogación, limpeza e sinalización de sete mámoas, así como de varios petróglifos existentes nas rochas. A totalidade destes elementos prehistóricos, así como a réplica do Santo da Pedra e dous miradoiros que gozan dunhas espléndidas vistas panorámicas sobre o Val do Deza quedaron unidos entre si pola Ruta da Prehistoria de Doade, un sendeiro cultural debidamente sinalizado duns 8 km. de percorrido, a carón do complexo etnográfico de Codeseda.

Na memoria dos construtores de dolmens, mámoas e castros, que se tornan nos nosos devanceiros máis afastados no tempo e máis próximos no espazo, o Museo Etnográfico Casa do Patrón, no seu permanente ánimo de conectar cos alicerces máis auténticos e profundos da nosa cultura, a base dun inmenso sacrificio, traballo e tesón, nunha iniciativa privada sen precedentes, mercou varias leiras na coroa do castro e, coa pertinente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, asumiu a grande responsabilidade de promover as campañas arqueolóxicas que permitiron datar o castro, coñecer en detalle o xeito de vida dos seus poboadores de hai 25 séculos, consolidar vivendas, localizar a muralla e os fosos, así como recuperar máis de 21.500 restos arqueolóxicos mobles, que están depositados e expostos na sala monotemática de arqueoloxía habilitada a tal fin no propio museo, a apenas 600 m. do xacemento, a disposición de todo o pobo galego.

E así seguiremos no 2021, o ano que será recordado por vencer a pandemia e tamén por executar a sétima expedición arqueolóxica do castro de Doade, a partires do 10 de maio, consistente na escavación dunha cata de gran tamaño, cuns 180 m2 (20 x 16 x 10 m.), para darlle continuidade aos lenzos externo e interno da muralla, facilitando a busca da porta orixinal de entrada ou acceso ao recinto castrexo, descubrindo o seu nivel de utilización, consolidando na medida do posible as estruturas defensivas localizadas e restaurando os restos arqueolóxicos mobles atopados. Completaremos a campaña mediante a súa difusión turística, visitas guiadas, coincidindo co período da escavación. A fase de escavación terá unha duración de tres semanas (15 días hábiles) e será executada por catro arqueólogos profesionais e cinco estudantes de doutorado da USC. Posteriormente, levarase a cabo a consolidación e restauración dos achados, durante 11 días hábiles por dúas restauradoras profesionais.

Con esta campaña, trataremos de completar o máximo posible o importante estudo deste xacemento, que vimos realizando nos últimos seis anos. Trátase dun dos catros mellor documentados da Galicia interior, divulgado a través das correspondentes memorias arqueolóxicas, dos milleiros de visitas guiadas ou por libre, así como a edición de dous libros: O segredo do castro de Doade e O castro de Doade, unha fortaleza da Idade de Ferro no corazón do Deza, ademais dunha guía turística e arqueolóxica para informar aos visitantes do noso querido castro, que, por outra banda, constitúe unha paraxe de enorme riqueza paisaxística, unha verdadeira terraza natural sobre o val do Asneiro.

*Manuel Blanco Villar é presidente da Asociación de Amigos da Casa do Patrón

Compartir el artículo

stats