Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

carlos quintá cagide | Músico e profesor

“O acordeón diatónico é unha orquestra andante e por iso ten tanto éxito”

Carlos Quintá e Pedro Pascual nunha instantánea promocional de “De botóns”. | // ANTÍA AMEIXEIRAS

O libro De Botóns (así se lle chamaba ao acordeón diatónico en moitas zonas de Galicia) consta dunha selección moi escollida de repertorio galego adaptado a este instrumento. Esta é a proposta realizada de xeito pioneiro por Carlos Quintá e Pedro Pascual, logo dun exitoso crowdfunding despois de non contar con apoio institucional. O vindeiro 29 de maio presentarase o libro cun concerto no Museo Municipal Ramón Aller de Lalín.

–Como xorde este proxecto?

–O acordeón diatónico lévache moi pouco tempo aínda tocando de novo. O revival é dende que empezou precisamente o Conservatorio de Música Tradicional Folque de Lalín onde decidiron apostar polo instrumento. Veu Pedro Pascual de profesor co que aprendín eu, eé o coautor do libro comigo. Eu conecteime moito ao instrumento e acabei dando clase en Vigo e adicándome a tocar o diatónico. Un tempo despois falamos da posibilidade de facer un caderno de repertorio galego e fronteirizo de Galicia, adaptado para o instrumento. Falo de repertorio vogal, doutros instrumentos como a gaita, o violín, as murgas, as charangas, un pouco de todo. Nós sempre tivemos cadernos de repertorio de Bretaña, Italia ou Rumanía. Animámonos a facelo escollendo repertorio, arranxando e facendo propostas ata que chegamos ás 105 cancións.

–Moitas, non si?

–Moitas, é certo. Foi unha tolemia. O acordeón diatónico ten una tablatura especial semellante á da guitarra e de cada peza non é só facer unha proposta na linguaxe convencional. Como che digo foi unha auténtica tolemia facer unha recolleita tan importante.

–Iso foi o máis complicado?

–Cando te dedicas á pedagoxía coma nós buscas diferentes repertorios e diferentes maneiras de ensinalo. Había moitos referentes. Si foi complicado chegar ás nosas propias conclusións para decir isto góstanos ou isto non tanto. Ao final foi un quebradeiro de cabeza porque tés que elixir moitas cousas distintas co que ten que ver coa escritura da música. Tamén teño que subliñar que libro ten un prólogo de Ugia Pedreira, que foi a directora do Conservatorio Folque de Lalín, compañeira nosa e gran amiga, e está moi vencellado a Lalín.

–A que se refire?

–Benxa Otero asesorounos un pouco co programa especialista para escribir as partituras e na súa maquetación. Fixo un moi bo traballo. Ademais, Misha Bies Golas é o autor da capa, contracapa e as fotografías que aparecen no libro. Aparte de todo iso, a obra contén un apéndice moi interesante, que son sobre 40 fotos históricas da presenza do instrumento en Galicia.

–Non foi un instrumento esquecido inxustamente en Galicia?

–Aquí tocouse moito no cambio de século do XIX para o XX. O acordeón é un instrumento moi moderno. A súa patente é de aproximadamente 1840. Iso fai fácil entender por qué ao longo do mundo as diferentes variantes do acordeón se converten en algo que indetificamos axiña como música popular do lugar. Falo do ballenato, o tango ou a música do Leste. É unha orquestra andante e por iso ten moito éxito. Aquí, a Galicia, chega, tócase moito pero despois coa aparición do acordeón cromático ou do acordeón piano debido ás características propias da música de aquí e outras circunstancias socio-políticas da postguerra, cando o de bailar agarrado non molaba, fixeron que se deixara de tocar.

–Sen embargo, sobreviviu e púidose conservar nalgúns lugares.

–Certo. Nos sitios onde se conservou como pode ser o caso da trikitixa no País Vasco, ou en Bretaña, ou Sudamérica sempre foi con algo semellante ao que pasou aquí coa gaita: tratouse do instrumento estrela. Iso explica que nesas diferentes partes do mundo sexa tan apreciado e tan recoñocible.

–Supoño que De Botóns tamén ten un valor didáctivo, non si?

–O cancioneiro ten un valor divulgativo e as propostas das cancións son artísticas. Pero, vamos, hai diferentes niveis. Hai cousas moi sinxelas para poder empezar a tocar o acordeón diatónico. Tamén podes atopar outras máis complicadas e tamén de término medio. Hai de todo, afortunadamente.

–Pódese decir que o acordeón diatónico ten moito futuro?

–Ti pensa que cando eu empecei a tocar en Galicia nos anos 2002 e 2003, habería tirando polo alto tocando o acordeón diatónico seis ou sete persoas como moito. Eu hoxe teño en Vigo 25 alumnos e moitos deles que tocan moi ben. Penso que hoxe en toda Galicia somos máis dun cento de persoas os que tocamos este instrumento. Tamén penso que se debe a que se viu ao acordeón nos palcos e nos escearios. Por non falar do encanto do instrumento en si. Produce un enganche inmediato, é moi diferente ao piano. Tamén é certo que no Conservatorio Folque de Lalín apostaron moito por el e en Vigo tamén. Como che dicía, cada vez pódense ver máis nos palcos dos grandes artistas como Xavier Díaz, Marful e moita peña máis. Iso é algo moi importante neste eido.

Compartir el artículo

stats