Ainda quedan teitos de cristal para as mulleres, como o tópico segundo o que se nos da mal a informática e todo o que teña que ver coas novas tecnoloxías. Loitar contra este estereotipo, así como o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento e a creatividade eran algúns dos requisitos para participar no I concurso de vídeos Informatízate, que convocou a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago xunto co departamento de Electrónica e Computación.

A peza audiovisual gañadora deste primeiro certame foi A compiladora de código, elaborada polo alumnado do instituto Martaguisela, do concello ourensán do Barco de Valdeorras. Pero, en vista da excelente calidade da edicion do vídeo así como dos seus contidos didáctivos, o tribunal quixo conceder mencións especiais a varios traballos. Un deles é Informática ten nome de muller, o vídeo co que participou un equipo de alumnos e alumnas do instituto Pintor Colmeiro. Coordinados polo profesor de Filosofía Xesús F. Sulleiro, conformaron este equipo Yuxin Wang; Salma Sodki; Marua Chaitany Alamancos; Alberto Ríos Crespo e Iris Pérez Rodríguez.

As outras mencións recaeron en Imposible sen elas, do instituto Terra de Trasancos e elaborado por alumnado de primeiro de Bacharelato; Supercomputadores, creado por estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP do instituto Salvador de Madariaga; e As mulleres no mundo das TIC, firmado tamén por alumnos dos niveis citados deste mesmo centro coruñés.

O tribunal deste certame estivo conformado por docentes da USC: Eva Cernadas García (presidenta), profesora de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial; Pedro Saco López, profesor de Linguaxe e Sistemas Informáticos; Pablo Quedada Barriuso, profesor de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores; Lorena Casal Otero, docente de Didáctica Tecnolóxica e Jorge García Marín, docente de Igualdade de Xénero. Tamén formou parte do xurado María Isabel Vaquero Quintela, representante do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Educación afectivo-sexual

Unha das charlas sobre educación sexual no instituto.//Bernabé/Javier Lalín

Por outra banda, dúas clases de segundo de Secundaria así como outras dúas de primeiro de Bacharelato participaron onte en talleres de educación afectivo-sexual, aos que poderán asistir o resto de aulas nas próximas sesións dos días 4 e 11 de maio.

Estes obradoiros póñense en marcha desde o departamento local de Educación, que coordina a concelleira Ánxela Troitiño, en colaboración cos centros educativos do municipio. É unha iniciativa que comezou a andar no curso 2018-2019, e que no presente curso só foi solicitada polo instituto. Nas sesións de onte interviron a educadora social, Sara Blanco, e a psicóloga Vanessa Loureiro, en calidade de voluntaria do Concello de Silleda. Con estas sesións, téntase detectar qué necesidades e inquedazas poden presentar os alumnos e alumnas que participan no programa. O plan ten un carácter anual e ten as horas consensuadas previamente co centro educativo.