Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un pescador no medio do río xusto antes da Ponte de Bende. // D.G.A.D.G.A.

Bágoas de pedra sobre o Toxa

A Ponte de Bende acusa o deterioro de dous séculos sen que ninguén mire pola súa conservación, aguas abaixo da máis famosa e tamén abandonada Ponte da Pedra

Chapa é hoxe unha das 33 parroquias que conforman o Concello de Silleda, do que foi capital e ao que deu nome entre 1835 e 1853. Como encrucillada de camiños, a localidade chegou a albergar un hospital de peregrinos e un castelo, destruído en 1320. A súa igrexa patronal de San Cibrao data do século XVII e a capela do San Brais, ao pé da Vía da Prata, foi construída no XVIII. Outro dos seus máis coñecidos, anque peor conservados, bens culturais é a Ponte da Pedra, sobre o río Toxa, datada no XVI-XVII. Moi pretiño, augas baixo, hai outro viaducto tamén pétreo moito menos coñecido pero non menos ameazado polo abandono, o de Bende.

Un muiño absorbido pola maleza, co viaducto ao fondo.

Este paso fluvial comunica a parroquia de Chapa coa de Negreiros, entre as que se atopa, e tamén coas de Breixa, Ansemil, Pazos, Martixe e ata Manduas e Abades. Tal como refire o investigador lalinense Daniel González Alén, é unha construción de “dous ollos en arco de medio punto e un aliviadoiro cadrado, feita de boa cantería que, a xulgar pola súa tipoloxía, debeu ser construída a mediados do século XIX”, cando Chapa era capital das terras de Trasdeza e, coma tal, “dispoñía tódolos servizos propios da cabeceira municipal, con correo, parada de carruaxes de liña e outros servizos”.

Xunto á ponte hai un coto de pesca.

“Pola Ponte de Bende, que así a coñecen os veciños da contorna, por estar situada nunha zona de ribeira do mesmo nome, con terras de monte, praderías e agros que reparten os veciños de Chapa e Negreiros, chegaba un vello camiño procedente de Breixa que, pouco antes do viaducto, se xuntaba con outro que viña de Ansemil, Pazos e Abades, que salvaba o Toxa polas pontes de Medelo e Farán, construídas pouco despois”, explica Alén. Xa unificados como un só trazado atravesaban a ponte para chegar a Chapa, entón capital municipal. Alí “enlazaba co importante Camiño Real que, ata o século XX, en que se construíu a que hoxe é a estrada N-525 de Ourense a Santiago, era polo que decorría a ruta de peregrinación a Compostela, atravesando o Toxa pola vella ponte medieval que os paisanos coñecen coma romana”. Á par desta construiuse a Ponte Pedriña na década dos setenta do pasado século, canda a estrada nacional. E xa en tempos recentes, levantouse un viaduto para a autoestrada AP-53, do que o de Bende dista menos de 200 metros.

A ponte vista desde o lado inferior.

Mesmo ao carón da ponte decimonónica fican as ruínas de dous muíños fariñeiros dunha moa, que eran de herdeiros e propiedade dos veciños de Chapa e Negreiros, relata González Alén. Estas construcións servíanse de senllas canles –a penas visibles entre a vexetación de ribeira– que chegaban dende a tosta da Poza do Liño, “onde en tempos non remotos as mulleres da zona empozaban o liño do que se obtiñan os prezadas tecidos saídos dos teares que entón abondaban nas casas das aldeas de Deza”. Coa concentración parcelaria e as novas pontes, estradas e pistas asfaltadas a Ponte de Bende perdeu a importancia que tivo tempos atrás. Así é que hoxendía soamente é utilizada polos veciños que teñen terras no seu entorno e polos poucos troiteiros que aínda obteñen algunha captura no río que aquí é coto de pesca dos de Silleda.

Canle de saída da auga dun muiño fariñeiro.

A ponte presenta varias fendas nunha das bóvedas e fáltalle un treito do peitoril por cada lateral. Aínda que xa hai tempo que o tráfico rodado non circula por ela e mesmo constitúe un perigo para persoas e animais que a atravesan. Ben merecía, xunto cos muíños e os camiños repletos de vexetación que aquí chegan, unha posta en valor por parte das administracións públicas. As súas características e a súa condición bicentenaria avalan a súa recuperación como recurso histórico, cultural e turístico. O propio Daniel González Alén propón a creación dunha ruta entre esta ponte e a de Medelo –onde, dito sexa de paso, o cámping e albergue tamén agonizan na ruína–, seguindo as ribeiras do río Toxa, ben coñecido, xunto cos seus afluentes, polas súas célebres fervenzas de Pazos, Escuadro e Graba, con pontes, pontellas, poldras e muíños e unha abundante vexetación. “Podería ser acondicionado con pouco orzamento, aproveitando vellos camiños e pistas”, opina o investigador.

Camiño de acceso ao viaducto desde Negreiros.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.