Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Polo San Paio, non esquezas o tallo

Un dos eventos culturais programados en 2020 polas festas patronais de San Paio. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Polo San Paio, non esquezas o tallo. A Estrada xa sabe o que é vivir unhas festas patronais na distancia, ben sentadiños todos e co medo ben presente. En 2020, en plena desescalada e cun protocolo autonómico con tan só 15 días en vigor, o Concello animouse a programar unhas celebracións ben distintas ás que calquera podería lembrar, pero suficientes para que se percibise na vila que eran datas sinaladas para os estradenses. Desta volta, o 2021 volve cargado de incerteza. Aínda así, a aposta está feita: os veciños gozarán de catro días de festa, entre o xoves 24 de xuño e o domingo 27. O formato aínda será o propio dos tempos de pandemia, con marcado acento cultural e espectáculos pensados para gozar sentados e con distancias de seguridade.

“No Concello da Estrada non eludimos a responsabilidade en materia tan importante como a cultura e as festas forman parte disto”, indicou onte o edil de Festas, Gonzalo Louzao. Lembrou que os festivos locais se fixaron nos días 24 e 25 de xuño (xoves e venres) e que a administración local está pendente do que sucederá o próximo 9 de maio, cando remate o estado de alarma, e do protocolo que estableza a Xunta de Galicia en canto á celebración de eventos.

Sen petitorio

Aínda así, os preparativos para o San Paio xa están en marcha e algunhas das decisións máis importantes tomadas. O Concello ten desbotado por completo a realización dun petitorio entre os veciños e as empresas para sufragalas festas. Deste xeito, a organización será financiada polo propio Concello, agardando contar co apoio económico doutras administracións, caso da Xunta ou da Deputación de Pontevedra. “Serán unhas festas culturais. Non vai haber comisión de festas, nin petitorio nin libro empresarial; non nos parece prudente facer unhas festas tirando dos veciños nun momento coma este”, apuntou Louzao.

Avanzou o concelleiro que se prepara “un programa máis ambiocioso que o do ano pasado, pero con público sentado, distancia de seguridade e aforo controlado”. Aínda que remate o estado de alarma e poida haber unha maior flexibilidade, o responsable municipal de Festas e Mercados non ocultou as súas dúbidas de que as patronais da Estrada estarán “lonxe das verbenas” pero si amosou a súa confianza en que permitirán a convocatoria de “espectáculos variados”.

Aposta pola cultura

“Entendemos que forma parte das nosas competencias e imos traballar para presentar un programa que dea vida ao sector cultural local e galego e que tamén ao noso sector comercial e hostaleiro, tan prexudicado por esta situación”, dixo Gonzalo Louzao. Apuntou que haberá que concretar aspectos como se estarán autorizadas as tradicionais procesións ou os fogos de artificio. “Vai ser moi garantista”, asegurou o edil, querendo subliñar a intención de que as celebracións se ateñan aos protocolos e respecten escrupulosamente a seguridade.

“O Concello non fará algo extraordinario: leva programando cultura toda a pandemia. Estes catro días será no exterior, con artistas locais e galegos”, continuou. Louzao asumirá a organización e, aínda que non se manexan cifras que perfilen o presuposto das festas, recoñece que se espera estar en condicións para investir máis que no 2020, ano no que non se consumiron os 50.000 euros que a conta anual reserva como achega municipal aos festexos.

“Se o ano pasado o fixemos, este ano con máis motivo. Outras vilas de Galicia decidiron copiar de nós e facer eventos nas súas prazas”, afirmou o concelleiro de Festas, lembrando o formato que se lle deu o ano pasado ao San Paio. “A cultura é algo propio do ser humano e non se pode prescindir dela”, considera. “Non van ser unhas festas de mínimos senón de máximos, dentro do que estea permitido facer”, engadiu.

Festa do Salmón

Antes de que chegue o San Paio, A Estrada ten outra cita festiva pendente, neste caso gastronómica. O edil Juan Constenla indicou que xa tivo contactos cos hostaleiros para ver as súas ideas de cara a celebrar unha Festa do Salmón en pequeno formato, sen a tradicional degustación popular. Sinalou que haberá actividade cultural e musical, ligada tamén á celebración das Letras Galegas.


Compartir el artículo

stats