Apostar polo patrimonio de forma sostible como fonte de riqueza cultural e turística. Con este obxectivo, Deputación de Pontevedra, Ministerio de Fomento e Concello de Silleda compartiron onte “un día moi fermoso” na estrea da musealización do Castro de Toiriz. O proxecto, que tivo gran contestación social, enmárcase no convenio de posta en valor dos xacementos da provincia.

Acceso principal ao recinto. // Bernabé/Javier Lalín

A presidenta provincial, Carmela Silva agradeceu aos propietarios dos terreos sobre os que se asenta o castro –algúns presentes– “a súa colaboración desinteresada e o seu amor polo patrimonio que hoxe engrandecemos”. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, honrou o seu “xesto de boa vontade e altruísmo” malia seren “presionados directamente polo que se estaba a facer aquí”. Fixo mención especial a un deles, Alfredo Abeledo, “que puxo toda a súa vontade” para que este proxecto se levara a cabo. Enxalzou tamén “todo o traballo que levou a cabo”o Colectivo pola Recuperación dos Castros de Toiriz “para manter este enclave en condicións durante moitos anos”.

O xacemento conta con novas sendas. // Bernabé/Javier Lalín

Silva, que aplaudiu a sinerxia das administracións “que compartimos unha mesma sensibilidade”, deixou claro que “non se pretendía facer unha actividade puramente arqueolóxica, senón poñer en valor estes xacementos, en especial o de Toiriz, que une unha paisaxe natural que namora coa pegada da historia e que ten unha enorme capacidade de atracción”. ”É toda unha aposta –engadiu– polo turismo sostible que pon en valor aqueles lugares que amosan a cultura, historia e patrimonio dun país”, en definitiva, “un turismo do século XXI que atrae a visitantes que queren ter experiencias e vivir emocións”. Silva lembrou que “a intervención estivo dirixida e coordinada por profesionais do patrimonio, cumpriu cos máis altos estándares de calidade arqueolóxica e contou con informes favorables das distintas administracións”. Grazas a estes traballos, abundou, Toiriz viviu un “cambio transcendental que pon en valor algo tan importante como é o patrimonio de Silleda e, polo tanto, da provincia”.

Elementos de iluminación na croa do castro. Bernabé/Javier Lalín

Manuel Cuiña asegurou que este entorno, antes “a monte, sempre vai estar coidado coma agora”. “Cando pase o tempo e a maioría da veciñanza teña a oportunidade de gozar deste espazo e das actividades que aquí faremos poremos a cada quen no seu lugar –apuntou o rexedor–. Entón veremos se realmente esta actuación era merecedora destas presións aos propietarios e deses improperios que se propinaron alegremente por parte de moita xente”.

Respecto a todos os elementos

O arqueólogo Rafael Rodríguez subliñou que o obxectivo desta musealización foi “recoller traballos que se fixeran por asociacións locais e recuperar un espazo cultural, social e arqueolóxico á vez que se respectaron todos os elementos”. Falou dunha intervención “diferente”, cunha limpeza e prospección xeofísica e xeomagnética inicial e a posterior “visibilización das estruturas agochadas e nunca escavadas”. Mediante códigos QR, os visitantes poderán dispoñer nos seus móbiles de recursos ampliados sobre o xacemento, tal e como fixeron Silva e Cuíña durante a visita, na que estiveron acompañados por concelleiros de Silleda e a deputada Iria Lamas. Estas tecnoloxías permitirán “reproducir fielmente as estruturas das cabanas e do resto de elementos que temos baixo os nosos pés”, indicou o técnico provincial. Tamén se instalaron bancos, iluminación e picas para aportar unha configuración intuitiva do poboado, cun valor plástico diferenciador, e crear unha contorna que pode ser empregada con fins de esparexemento na natureza.

Un banco de madeira é un dos poucos elementos que quedan da actuación de hai máis dunha década. Bernabé/Javier Lalín

O impulso que se lle dá a Toiriz “non remata aquí”, aclara a Deputación. Tal e como se anunciou, a partir de agora, coordinarase co Concello para poñer en marcha iniciativas e actividades de divulgación para todos os públicos para potenciar o castro entre veciñanza e turistas.