Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ANA GARCÍA VENCE | Titular dunha explotación leiteira en Río

“Dinme que non vou ligar porque só colgo fotos coas miñas vacas”

“Emprego as redes sociais para defender o meu traballo”

Ana García Vence posa cunha das súas vacas

Hai un estudo das universidades americanas de Columbia e de Northwerstern que analizou datos de 10.560 usuarios de Facebook entre 2007 e 2012. O informe conclúe que aqueles perfís que se mostran máis auténticos (fotos sen filtros e sen postureo, e opinións sinceras) tiñan, tamén, unha mellor autoestima. Trátase de non dar unha imaxe idealizada, senón real. É o que ofrece desde hai anos Ana García Vence no seu perfil de Facebook: o día a día na súa explotación leiteira, con 50 vacas, na parroquia de Río.

–¿Dende cando emprega perfís nas redes sociais?

–Teño Facebook, porque Instagram apenas o emprego. Empecei a empregalo cando asumín a explotación gandeira. Eu antes fixera estudos de Enxeñería Agrícola na Politécnica de Lugo. Despois estivera traballando en Control Leiteiro pero en abril de 2011, fai xusto 10 anos, meu pai xubilábase, así que decidín poñerme á fronte da granxa. Foi entón cando abrín o perfil de Facebook porque era unha maneira de distracción durante os ratos libres. E lembro que a veces era difícil conectarse, porque non tiña cobertura. Tamén en Facebook xurdira o Grupo Leite, en defensa do gandeiro. É aí onde empezo a participar e a poñer opinions. A raíz deste grupo montamos outro de whats app, e isto permitiume coñecer a moitras outras persoas gandeiras sobre todo da zona de Lugo.

–O seu perfil alónxase moito das tipicas fotos de pose, de postureo, ensinando platos caros en restaurantes ou con vestidos de cerimonia. ¿Ten sufrido comentarios tópicos ou machistas por mostrar o seu mundo no rural?

–Cara a cara nunca, pero sei que por atrás, como estou solteira, hai xente coñecida que me solta iso de que non vou ligar nin casar porque só colgo fotos miñas coas vacas, e seica así non se liga. Eu teño claro que me mostro tal cual son. O que fago é empregar as redes sociais para dignificar o meu traballo.

–Ainda que vostede estaba vinculada ao sector gandeiro, supoño que ao encargarse da explotación, tivo que aprender a, por exemplo, manexar maquinaria de grandes dimensións.

–Certo. Ainda que me criei nisto, un irmán meu, maior ca min, ensinoume a manexar o tractor. E teño que engadir que nunca me impuxo aprender a conducir esta ou outras máquinas. E mira, se ao mellor a un home lle leva unha hora arar unha finca a e a min me leva hora e media, non é porque el sexa home, senón simplemente porque ten máis práctica. Por desgraza, ainda vivimos nunha sociedade machista.

Ana García, cun dos moitos trevos de catro follas que medran nos seus prados.

–No seu perfil podemos ver cómo traballa a terra en Río ou en Senra, a parroquia da súa nai. Pero tamén recolle xornadas da feira do 15 en Río e historias que lle relata o seu pai, como a vacinación dos animais a medidados da década dos 50, ou recortes de xornal onde se fala da Hermandad de Labradores. Trátase de defender, pero tamén de divulgar, ¿verdade?

–As historias que colgo saen todas da memoria do meu pai. Lémbrase de cando casaron todos os veciños, e das historias que lle narraban os seus antergos. Hai veces que cando se pón a contarme estas historias, gráboo co teléfono móbil, porque é unha maneira de preservar estas cousas.

–Tamén lle bota unha man cos animais.

–Si, axúdame o meu irmán e o meu pai encárgase de levar as vacas aos prados pola mañá. Apaixóanlle as vacas rubias, por iso teño sempre algunha. As outras son de leite, entre 25 e 30 de ordeño.

–Leva dez anos á fronte da explotación gandeira. ¿Cre que mellorou a situación do sector?

–Non, foi a peor. O prezo dos tenreiros para a carne está fatal, e seguramente se deba á situación sanitaria, polo peche dos restaurantes. En canto ao prezo do leite, mantense, cun prezo base de 29 céntimos por litro. Teño que engadir que unha gandería pequena sempre vai funcionar mellor se está dentro dunha cooperativa, sobre todo a nivel de maquinaria.

–¿Ten pensado diversificar a súa producción, en vista da situación?

–Bueno, houbo momentos en que valorei pasarme á produción ecolóxica en canto nos dean as fincas resultantes da concentración parcelaria. E igual o fago.

–Pra rematar, é habitual ver selfies seus con trevos de catro follas. ¿Téñenlle dado sorte?

-Ai, levo unha temporada en que atopo varios en distintas fincas, e sen buscalos.

Compartir el artículo

stats