Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Loureiro Rodríguez | Mestre estradense

“Detrás da candidatura de García Barros hai un importante movemento social”

Un dos grandes estudiosos da obra do escritor analiza a petición formal para adicarlle o Día das Letras Galegas

Carlos Loureiro

A figura de Manuel García Barros “Ken Keirades” está intimamente ligada a do mestre Carlos Loureiro Rodríguez, un home que adicou gran parte da súa vida a recuperar e poñer en valor a obra e o legado do seu veciño. Agora, Loureiro afronta un momento emocionante, coa petición formal á Real Academia Galega de que se lle dedique o Día das Letras Galegas de 2022, coincidindo co cincuenta aniversario do seu falecemento.

-Canto tempo leva sobre a mesa o proxecto de presentar a García Barros para as Letras Galegas?

-Isto é algo que ven de atrás. Houbo algunha proposta, pero sempre a nivel individual e medio localista. A primeira proposta seria é esta. Esta é a proposta que aglutina a toda A Estrada como pobo.

-Cando comezaron a darlle forma?

-Fará máis ou menos un ano. Nese momento foi cando empezarmos a barallar o ano 2022, porque é cando se cumpre o cincuenta aniversario do seu pasamento, no 1972. Nas Letras Galegas sempre se fala de que deben pasar dez anos para que se lle dedique a un escritor. Neste caso xa van uns cantos máis e xa o merece, tanto pola súa actividade literaria como polo seu papel na sociedade.

-Que che concedan as Letras Galegas non é sen embargo algo doado, require un largo traballo detrás para presentar una proposta importante.

-Si. O primeiro que necesitas é a importancia do protagonistas. Sobre a súa figura debe xirar toda a proposta. Outro punto que debes cumprir é que haxa unha obra literaria publicada. Ata fai uns anos, no caso de García Barros había unha parte da súa obra publicada e outra non. Había cousas inéditas. Agora mesmo sen embargo toda a súa obra se pode atopar nas librerías. Ademais, volveron a publicarse moitas das súas obras que estaban esgotadas desde fai tempo. Nun par de meses estarán tamén de novo os Contiños da Terra de Editorial Galaxia, que tamén estaba esgotado. Vai ser unha obra totalmente fidedigna á publicación dos anos trinta, máis unha serie de novos contiños, uns trinta e pico, que nunca estiveron nese orixinal. Son interesantes para ampliar a obra de García Barros. Contamos que en maio ou xuño debería saír á venta.

-Ten ademais preparada para publicar unha completa biografía do escritor estradense, algo que tamén será importante nesta candidatura.

-É importante. Había varios traballos biográficos sobre el, como o de Xoán Carlos Garrido ou o de Freixeiro Mato, pero faltaba unha biografía que aglutinase estes últimos traballos e algunha cousa máis. A idea é presentala o 14 de maio na Estrada e publicarase a final de mes. Inclúe vida, obra e pensamento, dándolle un toque diferente. Sen fuxir das bases dunha biografía, dar algo máis. Que sexa unha obra lexible, case novelada. Quixen que o lector, ademais de ter datos, tamén poida sacar conclusións.

-Outro paso importante é conseguir o apoio necesario para dar forza á candidatura. Como fixeron?

-O que se intentou foi que A Estrada en xeral apoiase isto. Nestes momentos temos máis de 200 adhesións de todo o tecido cultural, económico e educativo da Estrada. Desde empresas e asociacións a partidos políticos e o Concello. É un forte apoio. Detrás destaca candidatura hai un importante movemento social.

-Xa se presentou formalmente?

-Farase nestes días. Estamos cosas últimas cousas, como o apoio do pleno do Concello, que foi a semana pasada. Agora queda xuntar todo e rexistralo na Real Academia Galega. Para organizar todo isto creouse unha comisión, formada por xente da Estrada que se move pola cultura e personaxes ligados á figura de García Barros. Tamén técnicos e o edil de Cultura. O apoio político está detrás pero a base desta candidatura é social.

-Agora cal é o seguinte paso que teñen por diante?

-A partir de agora o importante é que haxa unha visualización, que se coñeza esa candidatura e a figura de García Barros. Será xa dentro de poucos meses cando se coñeza o fallo do xurado, pode que en maio ou xuño. En dous ou tres meses a terían tempo para analizar as propostas e de tomar unha decisión.

-Sempre aparecen diferentes candidatos ao Día das Letras Galegas, como ven as súas opcións?

-Esas quinielas sempre son complicadas. Todos sabemos que moitas veces se lle concedeu a alguén que non figuraba nos favoritos. Non sabemos nin sequera que outras candidaturas hai. Falouse dunha candidatura de Chano Piñeiro pero non sei doutras. Tampouco me preocupa. O importante é que esta candidatura é forte e creo que chega no momento xusto.

“Para min sería poder morrer tranquilo”

-É vostede unha das persoas que máis sabe de Manuel García Barros, por que considera que se lle debe dedicar este día?

-A García Barros debémoslle moito, no só a nivel literario, senón tamén a nivel político e sociodinamizador. Foi un home que quedou sen título de mestre desde o 36, como moitos outros na Estrada. El sen embargo pensaba que non fixera nada malo e o golpe de estado colleuno cerca de xubilación, así que quedou sen el de por vida. Foi un home que tivo unha función moi importante no exilio interior. Foi realmente un exiliado, ao que lle quitaron o seu traballo. E, por suposto, polo seu valor literario.

-Na Estrada, desde pequenos, crecemos coñecendo a García Barros pero, fora de aquí, ten a mesma repercusión?

-É coñecido como escritor. Simplemente a través do premio de novela que leva o seu nome, faise coñecido. No mundo da literatura e da cultura galega creo que si pero a xente de a pé non tanto. Por iso é importante que se coñeza esta candidatura. Na súa faceta como dinamizador si que necesita máis empuxe.

-A nivel persoal tamén será algo ilusionante para vostede que se lle recoñeza ese Día das Letras Galegas?

-Para min sería poder morrer tranquilo. Eu son veciño del e recordo de neno a súa sensibilidade. Era ademais un gran dinamizador. Comentábame fai pouco un andaluz que aprendera moitísimo de García Barros cando estivo aquí porque lle prestaba libros. Falaba del como “Don Manuel”. Para min ver como se honra a figura desa persoa e ver como o traballo que fixen desde os anos setenta se recoñece desta maneira sería moi bonito.

Compartir el artículo

stats