A comisión do Seminario de Estudos de Deza (SED) celebrou unha nova xuntanza para avanzar na organización da actividade do ano. Recoñecer a traxectoria das personalidades que traballaron ao longo dos seus algo máis de vinte anos de existencia mediante colaboracións nos distintos Descubrindo foi unha das decisións adoptadas. Deste xeito tense previsto organizar ao longo de 2021 un acto de recoñecemento destas traxectorias que tanto teñen aportado ao SED dun xeito altruísta. Ás personalidades galardoadas entregaránselle unha peza representativa do seminario, que será unha pía bautismal da igrexa de Donramiro cunha peana de carballo.

No encontro do xoves, a comisión acordou comezar a traballar na publicación do Descubrindo nº 14, que está previsto que saia o vindeiro mes de decembro. Estará conformado por doce artigos e por tres ou catro comunicacións, cunha extensión aproximada de entre 300 e 400 páxinas, seguindo os modelos de números precedentes. Na elaboración deste anuario pode participar toda aquela persoa que o desexe, de acordo ás estipulacións establecidas nas bases. Os traballos deberán versar sobre algún aspecto de investigación inédito referido á comarca de Deza, cunha edición de 25-30 páxinas. As persoas interesadas en colaborar co SED deberán dirixirse ao Museo Ramón Aller ou ao Auditorio Municipal de Lalín. O tipo de letra será Times New Roman 12 con entreliñamento 1,5. Os artigos que, despois de maquetados, non superen as dez páxinas serán incluídos na publicación como comunicacións. Os traballos deberán remitirse antes do 31 de agosto a descubrindodeza@gmail.com. Da selección encargarase a mesma comisión, conformada por Xoán Carlos García Porral, Xosé Ramón López Fernández, José Ramón Pérez Salgado, Cecilia Doporto Regueira, César Gómez Buxán e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco Blanco. No caso de que haxa moitos artigos, algúns quedarían para o seguinte número.

Deza Básicos

A comisión do seminario tamén acordou que a finais do verán se poida publicar algún Deza Básico e ir traballando na contratación dun filólogo para a corrección do Descubrindo, así como dunha imprenta.