O sábado 17 de abril terá lugar a inauguración 17 de abril terá lugar a inauguración da exposición Trasdeza Pinta o Camiño, resultado da xornada de pintura en vivo realizada o pasado mes de marzo no marco do proxecto co mesmo nome que promove o Concello de Silleda. A iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, que achegou algo máis de 9.000 euros para o desenvolvemento do conxunto de actos.

A mostra conta con seis obras que recollen os enclaves culturais e naturais da Vía da Prata e do Camiño de Inverno que foron seleccionados polos escolares dos centros educativos do municipio e que artistas silledenses comezaron durante a menciounada xornada de pintura en vivo. Así o acreditaron os participantes nas camiñatas por tramos organizadas ese mesmo día. Os artistas participantes na mostra son Vanessa Barcala, David Bibián, Amalia López, Juan Liñares, Marisa Miguélez e Adrián Penido, que recollen baixo diferentes técnicas e estilos o entorno da ruta xacobea ao seu paso por Trasdeza.

A mostra, que será itinerante, estará no Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira dende o día 17 de abril ata o 17 de maio; na Casa de Cultura de Silleda dende o 18 de maio ata o 18 de xuño; e na sala de exposicións do Mosteiro de Carboeiro dende o 21 de xuño ata o 25 de xullo. O acto de inauguración terá lugar ás 12:00 horas e será de acceso restrinxido por mor das medidas de prevención sociosanitarias.

A continuación, sobre ás 13:00, dará comezo o Foro de Pintura de Trasdeza, un espazo máis técnico, onde os artistas participantes, así como as persoas que estean interesadas no eido da creación e da pintura, poderán compartir experiencias e inquedanzas en torno ás oportunidades existentes no sector –caso do Camiño como porta ás experiencias artísticas–, as dificultades de posicionamento dos artistas ou boas prácticas e iniciativas posibles. O acceso a esta actividade será libre ata completar aforo, tal como apuntan desde o departamento municipal de Cultura e Turismo de Silleda, que dirixe a concelleira Mónica González Conde.

Entrega dos Premios Abadesa Mariana

A asociación Codeseda Viva procede hoxe a facer entrega dos seus primeiros Premios Abadesa Mariana nos distintos territorios polos que pasa o Camiño da Geira e dos Arrieiros. O primeiro en recoller a distinción, ás 11:45, no Concello da Estrada, será o presidente da Real Academia Xacobea, Xesús Palmou. Xa pola tarde, será a quenda de Josefa Rodríguez en Beariz (consistorio, 18:15 horas) e de José Raposeiras, presidente do colectivo Amigos da Terra de Montes, en Soutelo de Montes (lavadoiro do Sixto, 19:15). A organización acordou non facer un acto único dadas as dificultades para controlar o aforo e as distancias para cumplir coas limitacións que impón a situación sanitaria actual. Acudirán os alcaldes dos respectivos concellos e unha representación de Codeseda Viva.