O 31 de marzo de 1921 nacía en Lamela María Aurelia Costa Reboredo, coñecida como Maruja de Maceira. Onte, esta veciña de Silleda festexaba os seus 100 anos, nunha celebración moi reducida debido á pandemia sanitaria. Co bo humor que sempre a caracterizou, asegura que non contaba con converterse en centenaria, e apunta que o segredo da súa lonxevidade é ben sinxelo. “É o cariño que recibo, se non, non estaría aquí”.

Ese cariño que tanto agradece e que tan ben lle fai tamén estivo presente onte, nunha data tan sinalada, nediante unha felicitación por correo postal do alcalde, Manuel Cuiña, así como ducias de detalles e parabéns de moitos outros veciños e coñecidos. Maruja de Maceira é totalmete autónoma, cunha saúde física envexable e unha boa memoria. Precisamente, esa excelente memoria permitelle recordar e narrar con todo detalle as vicisitudes da súa longa vida, pero tamén os momentos bos.

María Costa, xunto ás 100 velas do seu cumpreanos.//Bernabé/Javier Lalín

Maruja de Maceira xa comezou a traballar moi nova, pois con 14 anos quedou orfa de pai e botou unha man para construir a casa familiar de Lamela, encargándose de carrexar as pedras. Emigrou a Venezuela a principios da década dos 50, e estivo nese país cinco anos. Traballou sempre no agro e coidando a varias xeracións que se criaron en Casa Maceira, entre os fillos, os sobriños e os netos. Foi a maior de cinco irmáns, dos que só vive outra, Carmen.

Nos últimos anos, pasa o seu tempo escoitando a radio, o medio que prefire para mantense informada ou disfrutar do seu tempo de lecer. Tamén lle gosta pintar mandalas, unha afección á que lle dedica boa parte de cada día. Dende esta Redacción queremos sumarnos á avalancha de parabéns para esta nova centenaria do concello de Silleda, e que é tamén un exemplo a seguir.