Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ánxela Llinares Taboada | Bióloga na reserva Pacuare

“Costa Rica alberga o 6% da biodiversidade mundial, e apoia o turismo en áreas naturais”

“Reubicamos en viveiros o 80% dos niños de tartarugas baula, a única especie deste animal que non ten caparazón duro”

Ánxela Llinares Taboada, 
no viveiro de niños 
de tartarugas baula.

Ánxela Llinares Taboada, no viveiro de niños de tartarugas baula.

A reserva Pacuare, na Costa do Caribe Norte, ten unha das catro praias a nivel mundial más importantes para a anidación das tartarugas baula, unha especie en extinción. A este espazo protexido en Costa Rica solo se pode chegar en bote, e ademais de seis quilómetros de praia para a anidación da única tartaruga do mundo sen caparazón duro, tamén conta con 800 hectáreas de bosque. Entre o equipo de investigadores de Italia, Francia, Reino Unido, Chile ou Sudáfrica está unha española, a bióloga Ánxela Llinares, da parroquia trasdezá de Parada. É a primeira vez que esta experta traballa nunha reserva natural.

–¿Desde cándo está traballando na reserva Pacuare e por canto tempo?

–Levo en Costa Rica dende o 12 de febreiro, e o traballo na reserva comeceino o luns 15. O posto como asistente de investigación é a través dun voluntariado de longa estancia, que no meu caso é de 6 meses. E o organismo que xestiona a reserva é EPI (Ecology Project International), unha organización que conta con proxectos en máis partes do mundo como Belize, as Galápagos ou Yellowstone.

–¿Había outras opcións a parte de Costa Rica?

–Este ano para min só había esta opción respecto a realizar unha estancia nunha reserva noutro país, xa que eu xa aplicara para este posto o ano pasado, pero debido á pandemia tivo que suspenderse esta actividade. Polo que este ano, cando xa volveron aceptar persoas de todo o mundo, contactaron comigo por se seguía interesada, e decidín vir. Cando me enterei desta oportunidade por primeira vez foi a finais do 2019 por medio dunha publicación da SECEM (Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Mamíferos) no facebook. Xusto nese momento eu acababa de saír do máster, e atopábame buscando traballo, polo que empecei a investigar máis sobre o proxecto e a reserva. Ademais do feito de poder coñecer a gran biodiversidade dun país como Costa Rica, pareceume moi interesante todo o traballo de investigación e conservación que se fai aquí, no cal os asistentes de investigación estamos totalmente inmersos. Isto permítenos coller unha gran experiencia sobre a investigación e conservación con vida silvestre.

Ánxela Llinares, nun dos grupos que fai rastreos de niños de tartarugas baula na praia de Pacuare.

–¿En qué consiste o seu labor?

–O meu posto é o de asistente de investigación, e o noso traballo consiste en levar a cabo as tarefas de investigación e educación medioambiental que se realizan na reserva. A principal encomenda que temos é o monitoreo de tartarugas mariñas, especialmente de baulas, aínda que a partir de xuño tamén chegan á reserva tartarugas verde e carei. A finalidade destes monitoreo é tomar o máximo número de datos tanto de identificación como biométricos das tartarugas que chegan a esta praia, para poder ter información sobre a densidade de femias que chegan a desovar cada ano e así inferir a situación das poboacións destas especies. Facemos censos todas as noites, en tres turnos e a través de percorridos polos seis quilómetros de praia. Ademais, debido ao problema de erosión na praia e a presenza de hueveros [saquean os niños para vender os ovos] existe un viveiro no que se relocalizan todos os niños que están en perigo por estas causas, para intentar aumentar o éxito de eclosión. Despois, unha vez nacen as crías tamén se levan a cabo as exhumacións, calculando o éxito de eclosión e tomando medidas biométricas das novas tartarugas.

Outro dos proxectos de investigación é o censo de garza Agami. A reserva é un dos poucos lugares do mundo nos que a zona de anidación é accesible, polo que os datos de densidade de parellas da garza e éxito de crías son moi importantes para novas publicacións sobre esta especie. Tamén se leva a cabo un control dos felinos da reserva, como xaguares, e outros mamíferos, a través da colocación de cámaras trampa.Ademais, somos responsables de liderar os grupos de visitantes que veñen á reserva e de impartirlle a formación necesaria para acompañarnos nos censos nocturnos pola praia.

–¿A diversidade de fauna é moi superior á de España?

–Si, tanto en fauna como en flora Costa Rica é considerada como un hotspot no que respecta á biodiversidade. É un caso bastante incrible, xa que a nivel de superficie ocupa aproximadamente un 0,03% pero alberga arredor dun 6% da biodiversidade mundial. E xa só no Parque Nacional de Corcovado, que se atopa no Pacífico Sur podemos atopar case un 3% desta biodiversidade. Isto débese á súa situación xeográfica, xa que ao estar entre América do Norte e do Sur serve como corredor de fauna, e ao feito de ter tantos quilómetros de costa a ambos lados e a existencia de sistemas montañosos no centro do país, dando lugar así un gran número de ecosistemas.

–¿Hai maior preocupación pola biodiversidade que en España?

–Penso que como en todos os lugares do mundo é imprescindible que se siga impartindo educación medioambiental, para que as novas xeracións sexan conscientes do importante que é conservar a biodiversidade do planeta. Pero si que é certo, que Costa Rica conta cunha ampla rede de espazos naturais protexidos e a lexislación neste aspecto é bastante estrita. O turismo de Costa Rica depende na súa maior parte da existencia destos espazos naturais, polo que a súa conservación é primordial, xa no só a nivel ecolóxico.

–¿Hai furtivismo?

–Si que existe furtivismo, pero non a unha gran escala, xa que está bastante controlado por parte do goberno. Quizais nunha das cousas nas que máis existe aquí é co caso dos ovos de tartarugas mariñas, unha das razóns polas cales se relocalizan un gran número de nidos en proxectos coma este, xa que o roubo por parte de hueveros é bastante habitual. Só existe un lugar no país no que o comercio de ovos de tartaruga está permitido dunha forma controlada. Trátase de Ostional, unha das zonas principais de anidación da tartaruga lora, onde en tempada alta teñen lugar arribadas masivas de ata 300.000 tartarugas nunha semana.

 A bióloga trasdezá, na selva.

A bióloga trasdezá, na selva.

–¿Cal é a especie máis exótica que viu ata agora?

–Cústame bastante dicir unha soa especie, porque a verdade a maioría delas eran exóticas para min. Entre a gran variedade de fauna que vin están monos de 3 especies diferentes, perezosos de dous e tres dedos, tucáns, ras de punta de frecha e a ra de ollos vermellos, peixes e tiburóns de arrecife de coral, basiliscos, iguanas, serpes como boas ou a bocaracá, que é unha das especies máis velenosas en Costa Rica. Pero penso que en canto empece a tempada de anidación da garza Agami, vai ser a especie máis singular que vou ver, xa que este é un dos poucos sitios accesibles onde existen colonias de anidación.

–¿Cómo lles está afectando o cambio climático, ou calquer outra cuestión que poida darse nese país, como o tráfico ilegal de animais ou a deforestación?

–A nivel de cambio climático, a problemática máis grande é a gran erosión que están sufrindo as costas coa subida do nivel do mar, xa que na maioría estase a reducir moito a praia debido á perda de sedimentos pola forza das ondas. Esta situación é moi perxudicial para especies como as tartarugas mariñas, que anidan nestos espazos, e que están quedando sen lugares para realizar a posta, ou en moitos casos nos que a realizan se os ovos non son reubicados pérdense. Ademais, a subida xeral da temperatura global tamén está afectando a un gran número de especies.

“O goberno ten plans para preservar a cultura indíxena”

–Costa Rica apoia o seu turismo nos espazos naturais.¿Hai medidas tamén para preservar a cultura e a poboación indíxenas?

–Existen algunhas comunidades indíxenas no país, e hai proxectos do goberno para intentar preservar esta cultura axudando a estas poboacións con aportes económicos mensuais e con pagos polo que se chaman servizos medioambientais. Estes consisten en que as comunidades están comprometidas a conservar as zonas naturais nas que viven a cambio duns pagos, promovendo así que non se perdan estas comunidades e que estes espazos, á súa vez, non sexan explotados de forma descontrolada. Ademais, normalmente estas poboacións tamén contan con asociacións de artesáns, que fabrican e venden obxectos como máscaras tradicionais e teas.

–¿Hai algo que lles sorprenda aos lugareños cando lles fala de España ou de Galicia?

–A verdade é que a maioría de curiosidades que hai polas dúas partes soe vir case sempre pola parte lingüística máis que outra cousa. Ademais, na reserva por exemplo xa ten traballado moita xente de España, polo que están bastante familiarizados coas costumes.

–¿Puido viaxar a países veciños, e comparar a biodiversidade duns e doutros?

–Polo de agora non, pero está nos meus plans viaxar a Panamá pronto, xa que temos bastante preto a fronteira, e parece que a partir de abril van volver abrir o tráfico terrestre que se atopa parado debido ás medidas de restrición existentes pola pandemia. Debido a que estamos nunha zona de díficil acceso, na que non podemos estar saíndo e entrando continuamente da reserva, contamos con 5 días de vacacións ao mes que podemos aproveitar para coñecer outros lugares de Costa Rica e do resto de Centroamérica.

Compartir el artículo

stats