O xurado do VIII Concurso de micropoemas e microrrelatos Dinamizaestrada trasladou a súa escolla entre os máis de 200 traballos finalistas presentados por alumnos dos colexios. Villar Paramá, Pérez Viondi, Cabada Vázquez, N. S. de Lourdes, Oca, O Foxo e Figueiroa, xunto cos IES Nº 1, Manuel García Barros e Antón Losada Diéguez. Os equipos de Dinamización Linguística dos centros educativos suliñaron que forn centos os traballos presentados, sendo precisa unha preselección por centros.

O xurado destacou tamén a calidade dos traballos finalistas en todas as categorías e modalidades, “facendo non pouco doada a escolla dos traballos premiados”. Desta volta as palabras propostas foron “lindo” para micropoemas e “cabalos” para os microrrelatos. As verbas citadas foron escollidas polo conxunto dos centros educativos da Estrada, en homenaxe á escritora Xela Arias, a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas.

A lista de premiados é longa. As persoas encargadas da súa elección sinalan que esta é “unha das edicións con máis calidade nos traballos premiados”. Neste senso, valoran de xeito moi positivo a aproximación literaria dos textos presentados ás palabras propostas, destacando a orixinalidade e calidade dos traballos premiados, que en moitos casos acadan un alto nivel creativo e lingüístico. “Tamén se destaca a adecuación de moitos textos premiados ao contexto social dos tempos en que vivimos”, recolle de igual xeito a acta.

Os traballos premiados serán publicados nun libro, coa colaboración do Concello da Estrada. A entrega de premios farase nunha data por determinar entre finais de maio ou primeiros de xuño.