Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Isabel Rey Sanmartín nn | Profesora no Conservatorio Profesional de Santiago

“A guitarra sempre foi un elemento identificativo da Galiza como a gaita”

A estradense publicou o traballo de máis de vinte anos sobre a historia da guitarra galega

A mestre estradense posa coa tese que ven de presentar sobre a guitarra na Galiza |

O seu currículo está anegado de premios, estudos, escritos, discos e demais recoñecementos, tantos que necesítanse máis páxinas do xornal para darlle cabida. A pesar diso, Isabel Rey goza paciente da conversa cun inculto musical, nunha viaxe que comeza cos seus anos mozos na Estrada e que chega ata a súa recente e recoñecida tese de doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte sobre a guitarra galega. Polo medio desta entrevista perderanse verbas e reflexión vitais, mais quedan outras escritas para seu recoñecemento. Na actualidade por certo traballa sobre a importancia histórica para a guitarra galega de Antonio Pazo, neto de Serafín Pazo.

–Como comezou a súa paixón pola música?

–Veu de cativa. Eu son dunha familia de músicos. O meu pai era copropietario de droguería Rey, na Porta do Sol, que estivo uns trinta anos alí. El era tamén acordeonista. Estivo de emigrante en diferentes países, entre eles Brasil. Alí aprendeu a tocar e mercou un acordeón italiano. Xunto con Vilariño, o das máquinas recreativas, formaban un dúo. Ían a vodas e festas. A el encantáballe a música e ensinounos a todos os fillos, aos meus dous irmáns maiores e mais a min. O meu irmá maior, coñecido na Estrada como Moni, era guitarrista e cantautor. El foi o que me meteu as gañas de tocar a guitarra. Namoreime da guitarra polo meu irmán pero sempre houbo moita música e de todo tipo la miña casa.

–E ao final decidiuse tamén a estudala...

–Si, daquela había aulas de música, como a de Don Euloxio, director da banda municipal. El ensinou música a moitos estradenses. Despois vivín o inicio do conservatorio. Cando rematei os estudos no instituto eu era boa estudante e tiña o selectivo aprobado con boa nota. Pero houbo un momento no que decidín irme ao conservatorio. Quería estudar guitarra. Foi un momento importante para min. Saíume todo ben porque ao terminar os estudios xa atopei traballo nun conservatorio municipal. Con 23 anos. xa me puiden independizar da miña familia. Iso é algo que hoxe soa estraño pero eu puiden facer. Debo romper unha lanza a prol dos músicos. Aínda que a xente estuda carreiras importantísimas, estudar música é gratificante pero tamén ten una saída. Se o queren, que non teñan medo de ser músicos. Hai o mito de que a música non ten saídas pero non é certo.

–Non parou aí. Seguiu formándose a engadindo novos estudos ao seu currículo.

–Os músicos temos que aprender sempre. Somos como os médicos. Na música non podes estancarte. Se o fas, pasarache factura. Sempre intentei mellorar e coñecer máis, dentro das miñas posibilidades. O meu camiño é un pouco trastállante. Fun estudar a Alemania pero cando xa tiña as oposicións aprobadas. Necesitei unha estabilidade económica para facer realidade o meu soño. Foron dous anos marabillosos nos que aprendín moitísimo.O último é ir á pesquisa histórica, na búsqueda de música galega para guitarra.

–Como foi ese traballo na confección da súa tese histórica?

–Foron tres anos de redacción pero de pesquisa foron oficialmente sete anos. Na realidade, os materiais funos acumulando desde o ano 2.000. Son uns vinte anos de traballo. Se fas unha pesquisa porque che ilusiona o que fas e queres coñecer respostas, non por una burocracia da Universidade, vai unha cousa detrás doutra. Vas recollendo información ata que un día decides darlle forma como unha tese. Despois diso aínda debes escribila e que alguén che de o visto bo. Foi un proceso longo, porque no meu caso foi un proceso moi vital. Humildemente, hai moita información aí importante para cultura galega en xeral, para la música galega en particular, e coa guitarra como gran protagonista.

A guitarrista Avelina Valladares

–Que conclusións terminou sacando desa tese?.

–Que a guitarra é un instrumento tan galego como pode selo a gaita. Desde o século XII, que eu saiba, ata hoxe, temos información de guitarras, de guitarristas, de partituras, de instrumentos... de todo. Ademais, non hai séculos escuros. É unha continuidade total. A guitarra sempre foi un elemento identificativo da Galiza como a gaita.

–É curioso porque normalmente a guitarra asóciase máis con outras zonas de España.

–Claro. Iso tamén o explico na tese. No ensino académico de música nos conservatorios, acontecía algo curioso no caso da guitarra. Eu cando comecei a estudar chegaba dun ambiente galeguista e entendía a guitarra como algo noso pero non foi iso o que me atopei no conservatorio. Ata ao instrumento se lle chamaba guitarra española, cando é un instrumento indoeuropeo que se toca dende a época dos sumerios. Hai elementos que indican que había guitarras mil anos antes da nosa era. O que pasa é que o instrumento tivo tanto éxito que nos últimos dous séculos, potenciáronse dous nomes. Por un lado estaba a viola francesa e por outro a guitarra española. Pasou moito a finais do século XIX. Foi cando gañou sona esa denominación. Nese momento, o galeguismo escolleu a gaita como instrumento identificativo de Galiza. Se a guitarra é española e a gaita galega, entón a guitarra non é galega. É unha conclusión en certa medida lóxica pero con prexuízo para os guitarristas galegos. Descoñécese todo ese patrimonio que temos. Se a guitarra española exclúe á nosa e se identifica coa guitarra andaluza, nos teremos que buscar unha denominación propia, por iso lle chamei guitarra galega, igual que existe a guitarra portuguesa.

–E ademais, polo que conta na súa tese, houbo coñecidos persoeiros da nosa historia que tocaron a guitarra.

–Iso é algo que tamén reivindico na tese. Rosalía de Castro ou Avelina Valladares da Estrada tocaban a guitarra. No caso da familia Valladares ademais, non se perdeu nada. Estaba todo moi ben conservado. É marabilloso todo o que teñen alí. Como 700 pezas de música para varios instrumentos e un arquivo musical impresionante. Tamén teñen un piano forte e unha frauta transversal de madeira. Avelina tocaba o piano, cantaba e tocaba a guitarra. Ten a obra humilde pero preciosa sobre unha muller galega escrita para guitarra. Iso é unha xoia para a nosa música, que recollemos no seu día nun anexo do cancioneiro de Marcial Valladares.

Compartir el artículo

stats