Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aqueles autobuses mixtos de feira

Pioneiras empresas de transporte creadas na primeira metade do século XX resultaron trascendentais para o desenvolvemento dos pobos

Parada de carrilanas na Casa do Ferrador, en 1925. | // LALÍN, 100 ANOS EN FOTOS

E nisto chegaron os primeiros coches mixtos, que eu sabía que eran sempre os máis madrugadores: A Torronesa, os dos Farruquiños de Dacón, Unión Mellidense, Alonso e Autos Puntero, de Melide... E chegaban máis coches: O Torres de Brántega; O Sixto da Guillerma; Lázara e Cuiña de Silleda; Mosquera das Cruces; Meixide, que carrexaba todo o val de Camba dende o Alto da Fraga á Terra de Riba; García da Estrada; Cándido de Pontevedra; Sambreixo de Palas de Rei; Montaña de Lugo, que viña para levar as caixas noviñas de piñeiro quente e máis labras, ateigadas de ovos para facer tortillas. De todos eles baixaban mulleres, homes, cestas, queixos, ovos, galiñas, coellos, repolos, coles, noces, manteiga, cebolas, allos. Un lercho falaba en voz alta, publicitando á xente que baixaba dos coches o refraneiro do transporte melidán: “A Unión, ou te levará ou non. Co Trenceiro, axusta primeiro. Co Ribeirao, leva cartos na mao. Co Paco leva tabacos” (Xosé Vázquez Pintor, A tribo sabe).

Así eran as feiras de pícaros e picardías, de comprar e vender, de ir e volver, dende a maña á noite, de mans e apertas, de miradas torbas e medias palabras de a bo entendedor, de batas escuras, os bastóns, as boinas, xa imaxes do pasado, cada día máis difíciles de ver. Feiras como a de Agolada, que xa son historia. A realidade é que o abandono do rural, a despoboación e desaparición da gandería e agricultura tradicionais estanse a sentir sobre esta actividade comercial. Ambulantes e polbeiros que pagan de media unhas taxas de entre 300 a 1.000 euros anuais, por un posto de máis ou menos seis metros.

Un autobús da firma Lázara, de Silleda.

A xente da comarca ía as feiras nos autobuses habilitados para o transporte de animais e persoas e por riba as cestas e caixas coas mercadorías para a venda. Autocares mixtos, nos que compartían espazo e viaxe as persoas diante e as bestas na parte de atrás. A xente viña procedente dos concellos limítrofes, nos coches de Melide, Palas, Lalín, Silleda ou A Bandeira. As feiras non so foran centros de intercambio e mercadeo, senón tamén de coñecemento, de actividade social e festa. Establecían relacións, contactos, dábanse novas de amigos, familiares e parentes; en resumo, unha relación social coas aldeas máis ou menos afastadas, así como calquera tipo de trato ou ventas de propiedades.

O campo da feira adoitaba estar nunha zona arborada, ás veces carballeiras, na que xorden espazos arquitectónicos para servir de acubillo. En xeral, son construcións rústicas e sinxelas, en pedra e madeira, os elementos naturais propios da zona, non acostuman ter máis ca unha planta rectangular de entre 8 e 20 metros de longo e de 2 a 4 de ancho, en muros de cachotaría para a parede do fondo e cuns laterais de pedra máis grosa, de entre 50-70 centímetros. A cuberta, cunha ou dúas vertentes, vai tellada ou en lousada, sobre unha estrutura de madeira, apoiada no muro, normalmente de castiñeiro. Nacen como lugar de garda, refuxio e vivendas, tanto das bestas como das persoas, que chegaban de puntos moi dispares a véspera e pasaban a noite neles. Un exemplo témolo nos Pendellos.

Un dos coches de Aurelio Cuiña en 1944, rotiñlado como Villa de Silleda.

A historia dos autobuses de feira como medios de transporte público iníciase nos primeiros anos do século XX. Ata entón os únicos medios de transporte existente eran os de tracción animal, vellos carros tirados por vacas, bois, mulas ou cabalos, nos mellores dos casos. Aqueles pioneiros do transporte e os servicios de autobuses xurdiron ao redor das feiras. Emprendedores que adquirían o chasis e máis o motor do vehículo e encargaban a carrocería, usualmente de madeira, pola súa conta, pensando no mellor aproveitamento posible: a parte de atrás para bestas, o medio e adiante con bancos para as xentes, arriba na baca, tamén con bancadas, para sentar xente e acomodar vultos e cestas, e a parte baixa para paquetaría. Coñecidos como os mixtos, tiñan capacidade para arredor de entre trinta e cincuenta persoas e unhas dez vacas.

Toda unha aventura

Viaxar nun destes autobuses á feira resultaba toda unha aventura chea de incógnitas. O primeiro e obrigado para non quedar en terra era madrugar, saír da casa cargado cos vultos e cestos coas cousas que pretendías vender, ben cedo, cando aínda era noite, e camiñar por aquelas congostras coas zocas de madeira para non manchar os zapatos e os pés de lama ata a posta de onde saía o coche. Logo, a viaxe, moitas veces interminable e moi incómoda, por pistas cheas de curvas, baches e buratos, estreitas e perigosas en buses vellos, incómodos e lentos; cando non se avariaban era unha sorte. No verán, o cheiro a humanidade e as galiñas, polos ou coellos que ían na baca ou, peor aínda, as vacas e cochos que carrexaban na parte de detrás. No inverno, a chuvia que o enlamaba todo, a neve, o frío, a néboa e as xeadas.

Camión de Cuiña na Bandeira

Ir ás feiras significaba o sacrificio do madrugón, chegar despois da camiñada mollado, morto de frío ou enlamado, cargar os bultos, chegar ás presas, descargar, montar os toldos e os tenderetes, ás veces pelexando polo sitio que roubou algún espabilado que chegou antes, comer o polbo ou a carne ao caldeiro, e toda a tarde no posto regateando, espantando moscóns, recoller, volver a cargar no bus, mirar que non quedara ninguén despistado e a viaxe esgotadora de noite e saír de novo á maña cedo cara outra feira.

Ás feiras aquelas do 12 ou á de Brántega do 26, que tivo o seu aquel uns anos, á de Monterroso do 1, ás de Lalín, Silleda, A Bandeira ou As Cruces acudían zoqueiros, tendeiros, panadeiros, rosquilleiros de Melide, ferreiros e coiteleiros, vellas cos seus queixos da nabiza duros coma croios e o seu característico e forte cheiro, zapateiros, afiadores, co seu pito típico, e paraugueiros, que amañaban paraugas e afiaban coitelos e navallas, brocheiras e, desde logo, non podían faltar os xamoneiros de Dacón nin as polbeiras do Carballiño.

E carrexando xentes, animais e bártulos, puntualmente, aqueles heroicos autobuses míticos, infatigables. Entre os que máis tempo viñeron ás feiras de Agolada e arredores destacamos a Unión Melidense, cun coche mixto con capacidade para 50 persoas e 7 vacas, logo da transformación dun camión en bus. Estivo en funcionamento ata 1964, cando foi traspasado aos Puntero, propietaria de catro autobuses mixtos de feira.

Chevrolet mixto 22 cabalos de Autos Puntero en 1948

O propietario dos Torres era Manuel Torres, de Lamela, que casara cunha rapaza de Cruces, Julia, e que, desgraciadamente, morreu electrocutado debaixo dun dos seus camións. Sempre ía ás feiras levando a xente de Brántega, o mesmo que ás festas no verán nas parroquias dos arredores e algunha que outra excursión. E cando se montara a sala de festas de Agolada ía polas parroquias recollendo a xente nova. O primeiro coche que mercara fora un vello camión que carrozou de novo e despois un Pegaso co que traballou moitos anos. Francisco Quintela, O Paco, era das Cruces e o seu camión, o primeiro de Brántega, transportaba madeira normalmente e os 12 subía a xente a Agolada. Era cuñado de Torres, o que trouxo o primeiro bus de Agolada.

En verbas de Federico Méndez: “En Brántega non existían estradas ata 1951. Existía a feira e nós tíñamos unha da tres tabernas do pobo dende 1940. Durante eses 11 anos iamos buscar as mercancías en carros de vacas e a carne a cabalo á carniceira de Facundo. A partir do 51 comprou un F-8 con motor Perkins o Paco de Quintela e usabámolo para todo: carretar madeira, ir ás feiras e festas... Máis tarde veu o seu cuñado Torres co autobús e un turismo que recollía o leite e levaba pasaxeiros. Ata a desaparición daquela feira do 26 xa viñan os buses con pasaxeiros. Eran os de Suárez de Chorén, os Puntero de Melide e os camións dos xamoneiros de Dacón e os Farruquiños”.

Vehículo de transporte de viaxeiros de Cuiña en 1930

Prosegue o relato do veciño: “Co paso do tempo íanse comprar dous camións máis dos que nos serviamos todos os veciños: o de Feliciano Fernández (Paciños) e o Pegaso de Avelino Vázquez, que levaba marisco dende O Grove a Madrid e, cando pasaba por Agolada, convidábanos gratis a un par de centolas. Paciños tivo un camión dedicado o transporte de madeiras e a segunda taberna entrando de Berredo á dereita. Recordo que un autobús de Gómez de Castro chegaba todos os días dende Lugo e enlazaba en Agolada co que viña de Vigo, agardaba tamén en Berredo ao de Pereira, que viña dende Carballiño á Coruña. Antes do 62 había tres Ford-T do ano 30, un Amílcar matrícula de Lugo-670, o turismo americano de Sergio de Balboa e dúas carrocetas. Quintela tiña unha moto Indyan da Segunda Guerra Mundial. Pero viñeron facer as catro estradas de agora, pecharon a feira, desfíxose a nosa banda de música, que tanta sona tiña na comarca, marchou a xente nova buscando traballo por aí adiante e agora, de todo aquilo, so quedamos catro vellos e unha taberna”.

En 1926 a familia Cuiña de Silleda empeza as súas actividades de transporte de viaxeiros, cun camión Ford T (PO-1926) a nome de Marcelino Cuiña. A partir de 1940 Aurelio Cuiña Fernández compra os seu primeiro autobú, Dodge Brothers, e comeza co transporte discrecional de pasaxeiros ata 1954, que merca a liña regular A Bandeira-Pontevedra. Co seu pasamento, en 1959, queda á fronte a súa viúva, Manuela Vence López, que formaliza a Herederos de Aurelio Cuiña CB. Haberá que agardar ata 1978 para ver nacer Empresa Cuiña SL, cos irmáns Aurelio, Edelmiro e Manuel Cuiña Vence á fronte e a incorporación da cuarta xeración da familia.

Do encontro desta empresa de Silleda coa cruceña Transportes Mosquera nacería, en anos recentes, Autocares Rías Baixas. Os irmáns Xosé Benito e Leandro Mosquera Piteira dedícanse nun principio en exclusiva ao transporte de gando. Apostan polo negocio de viaxeiros a partir de 1942, facendo a ruta Vila de Cruces, Silleda, A Bandeira, Lalín, Santiago. En 1974 constitúese Autobuses Mosquera SL, integrada por José Benito Mosquera Piteira e os irmáns Leandro e José Antonio Mosquera Pampín.

Dende transportar xente ata mercadorías e bestas

A historia de Autos Puntero vai parella á da Unión Melidense. En 1948 Manuel Freire é propietario dunha furgoneta e dun camión que adapta para ir ás feiras. Durante cinco anos leva xente, mercadorías e bestas, ata que en 1953 se fai coa concesión do servizo de viaxeiros para os mercados de Melide, A Coruña, Lugo e Pontevedra, por compra a Juan de Castro Barreiro. Posteriormente como xa quedou comentado no 1964 mercan á Unión Melidense outra nova concesión de transportes de viaxeiros a feiras e mercados, e os catro coches que lle quedaban: Un Diamond adaptado para o viaxe de 22 pasaxeiros; un Chevrolet mixto de 22 cabalos C-5224 con capacidade para 18 persoas; un Krupp de 25 cabalos; e un Pegaso de 79 cabalos e 6 cilindros matrícula M-2590063, reconvertido e co volante no lado dereito. A expansión de Puntero íase completar coa compra de Autos Alonso en 1968, así como unha nova concesión para transporte ás feiras, ás que deixa de asistir en 1997.

Autobús mixto de Autos Puntero.

Autos de Pedro Rivas, nacida en 1912, e Autos Paco, de Francisco Valiño Prieto, en 1920, son das primeiras creadas en Melide, aquela co seu Saurer, o primeiro coche en ir ás feiras da comarca, que contaba cun par de bancadas de madeira sobre o teito, para subir os pasaxeiros e ir ao aire libre, en tanto que a de Francisco Valiño empeza a súa actividade cun Chevrolet e logo incorpora un Ford.

Durante a contenda civil (1936-1939), os coches de viaxeiros foron confiscados polo goberno e destinados ao transporte de tropas e materiais, polo que neses anos practicamente cesaron a súa actividade.

Autos Juan, do industrial Juan de Castro Barreiro

Autos Juan, do industrial Juan de Castro Barreiro, empeza nos anos 40 cun par de camións para mercadorías e un ómnibus para viaxeiros. Autos Alonso, de Manuel Gómez López, propietario dun único camión, pronto se fai con outros catro coches para transporte regular con prazas para ir sentados e de pé, e un par de bancos exteriores sobre o teito para levar e traer os feirantes, sobre todo de Arzúa, Palas, Curtis, Monterroso e mesmo Agolada e ás veces Chantada. Esta foi a primeira liña regular de pasaxeiros entre Melide e Basadre (Agolada), que tivo continuidade durante anos, o mesmo que a de Melide a Santiso, cando practicamente o servicio regular de viaxeiros resultaba impensable.

A dos Lázara de Silleda é outra saga pioneira da bisbarra, que iniciaba as súas andainas orientada ao transporte de feiras e festas, viaxes por encargo e liña regular de transporte de viaxeiros da man dos irmáns Luis e Jesús Lázara Órrea. O primeiro puxo o xermolo do que, xa nos anos 80, os seus fillos convertirían en Autocares Lázara, agora xestionada polos seus netos e que abriu liñas no sur da provincia e cara Portugal ou Andorra. Pola súa banda, os herdeiros de Jesús dirixen Empresa Lázara, creada en 1950, que mantén unha boa cota do mercado do transporte de viaxeiros con liñas regulares na nosa comarca e Santiago.

Todas estas pioneiras do transporte tiveron máis ou menos relevancia comercial e empresarial, pero do que non cabe dúbida é do transcendental que resultaron nas comunicacións e transporte de persoas e mercadorías naqueles primeiros anos do século XX e ata ben entrado o mesmo. Desde logo, foron fundamentais para o desenvolvemento das feiras e a mobilidade da xente dos pobos pequenos, que de non ser por estes esforzados e arriscados emprendedores non terían sido o mesmo.

Compartir el artículo

stats