Os achados arqueolóxicos atopados nas catas realizadas no Castro de Garellas-Rodeiras, na parroquia de Millerada en Forcarei, no mes de novembro, xa están no Museo de Pontevedra. A empresa adxudicataria desta escavación, A Citania Arqueoloxía, entregou hai uns días un total de 406 elementos, entre pezas e fragmentos, despois da súa limpeza e catalogación. O proxecto, impulsado polo Concello de Forcarei, tivo un orzamento total de 15.449,28 euros, dos que o 90%, 13.904,35 euros, corresponderon a unha subvención acadada a través da Asociación de Desenvolvemento Rural 16 Pontevedra Norte.

Dende a empresa consideran moi interesante a colección de elementos atopados pola súa variedade e calidade arqueolóxica, tendo en conta que a actuación foi moi localizada e que a área do Castro de Garellas sufriu espolios indiscriminados durante o pasado século e foi utilizada tamén como campo de fútbol polos veciños.

En canto aos restos recuperados nestas sondaxes e depositados no Museo, a gran maioría son cerámicas domésticas: olas, vasillas, restos dun posible forno e un potiño, destacando ademais un fragmento singular decorado con cordón e banda vertical estriada con botóns horizontais. Depositáronse tamén dous elementos líticos que son un muíño navicular e unha moa de muíño circular de man. Precisamente estas dúas pezas dan conta do potencial deste xacemento como espazo de investigación da vida na Idade de Ferro neste enclave.

Trozo de cerámica.

Os restos das escaleiras e a porta de entrada ao castro foron o achado máis significativo do proxecto de sondaxes arqueolóxicas executado, e os traballos de roza realizados polo Concello de Forcarei nesta área nos últimos tempos permitiron descubrir ademais que o xacemento era máis grande do esperado, con varios parapetos e un antecastro consolidado, segundo se informou dende o consistorio.

Na memoria técnica final do traballo, que estará dispoñible proximamente, incluirase información de aspectos como a configuración do poboado, a datación concreta ou a actividade desenvolvida por parte dos seus habitantes, o que permitirá avanzar nos labores divulgativos e de promoción turística por parte do goberno local.

Peza achada nas catas do Castro de Garellas.

Peza achada nas catas do Castro de Garellas.

En total, realizáronse catro catas arqueolóxicas, as tres primeiras de 4 metros cadrados cada unha, na zona da “croa” ou cumio do castro. Na cuarta, realizada no antecastro e destinada a estudar o sistema defensivo do poboado, localizouse a estrutura de acceso. Inicialmente ía ser unha cata de 4 x 1 metros, pero os técnicos decidiron ampliala ata 4,20 x 2,80, o que permitiu certificar a localización da porta e das escaleiras do castro forcaricense.