Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Abadesas do mosteiro de Codeseda

Igrexa de Codeseda. | // L.F./J.M.B.

As primeiras noticias que temos sobre o mosteiro feminino baixo medieval de Codeseda datan do día 25 de maio de 1124. Uns días antes o Rei de Galiza don Alfonso Raimúndez, que contaba 19 anos, foi armado cabaleiro polo arcebispo Xelmírez, quen bendiciu as armas perante o altar de Santiago na catedral de Compostela. Tras esta cerimonia o Rei armou cabaleiros a varios nobres, entre eles a Munio Pérez Tacón, a quen seis días despois fai doazón do mosteiro de San Xurxo de Augas Santas ou de Codeseda.

Existe moi pouca documentación sobre este mosteiro feminino de Codeseda, porén, temos citas das abadesas en bulas, privilexios reais e no inventario do mosteiro confeccionado no ano 1419. Así por exemplo, temos noticia de Urraca Múñiz, que vivía en Codeseda coa súa nai no ano 1170. Tamén de Sancha Pérez, Mayor Ibáñez e María Alfonso, que foi abadesa despois do ano 1377. E por último temos o nome da última abadesa deste mosteiro, que foi Teresa Ares, citada na bula do pontífice Bieito XIII, expedida en marzo de 1411, na que se confirma a anexión deste mosteiro ao cabido de Compostela. A incorporación fíxose necesaria pois tan só permanecían no mosteiro a monxa Inés Rodríguez e Teresa Ares como abadesa, que –segundo se di– por incuria e neglixencia dilapidaron os bens monásticos.

A partir desta data o cabido da catedral de Santiago forma unha tenencia coas parroquias de San Xurxo de Codeseda, San Xoán de Liripio e San Lourenzo de Sabucedo. Un personaxe que levou esta tenencia consta nunha inscrición que hai no muro da igrexa de Codeseda –atopada por Jorge Fernández e Carlos da Barreira, membros da asociación Codeseda Viva– e de quen tamén temos un documento cun contrato co mestre canteiro Gregorio de Matalobos para obras de consolidación e reparación de dita igrexa. Trátase do cóengo Juan Rodríguez de Ponte, considerado erroneamente en moitos estudios como devanceiro do liberador Simón Bolívar.

Ábsida do mosteiro de Codeseda. // L.F. / J.M.B.

Epígrafe gravado

O motivo que nos leva á publicación deste artigo é unha abadesa, que a pesar de non figurar en ningún documento, si o está (ou estaba) nun epígrafe gravado en dúas pedras do moi antigo e desaparecido mosteiro de Codeseda pertencente á orde beneditina. Para iso contamos coa interpretación do cardeal Jerónimo del Hoyo do ano 1607 no seu informe Memorias del Arzobispado de Santiago, no que di sobre a igrexa de Codeseda: “(...) haber sido esta iglesia monasterio de monjas por unas letras que están escritas en dos piedras, junto a la puerta colateral de la Epístola, que dicen así: ABBADESSA MA RIANA. FERN: NOTA. BOCABAR. MUNIO. EST. QUE. LAPIS. ISTE. MICHI. InRUIE. DEUM.COLIE DAT FERNAM. ERA M.CC.II.ZQD: VII: kls:IVNII:...”.

Por esta inscrición podemos deducir que Mariana Fernández era abadesa no ano 1164, sendo así a primeira abadesa que con nome e apelido aparece citada como rexedora do mosteiro de Aguas Santas de San Jorge de Codeseda. A igrexa foi rehabilitada en varias ocasións e estas dúas pedras polo de agora non están localizadas. Hai máis pedras con epígrafes que fan referencia ao antigo mosteiro feminino de Codeseda e que hoxe se atopan espalladas compoñendo distintos muros da igrexa de San Xurxo de Codeseda. A asociación Codeseda Viva está a recuperalas, para un mellor coñecemento deste monumento histórico.

Compartir el artículo

stats