Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O boticario de Soutelo

Historia de Pedro Porto, o home que encargou o peto das ánimas

O peto das ánimas, na Praza do Gaiteiro de Soutelo de Montes. |

O peto das ánimas, na Praza do Gaiteiro de Soutelo de Montes. |

En Soutelo de Montes na zona da praza do Gaiteiro, coñecida tamén como Soutelo de Medio, hai un peto de ánimas, bastante abandonado, que antigamente tiña unha imaxe da Virxe do Carme e que foi mandado facer, segundo di a inscrición que ten, polo licenciado Pedro Porto Caride en 1832.

Pedro Porto, natural de Quireza, igual que a súa muller Francisca Piñeiro, exercía a comezos do século XIX o seu oficio de boticario, que logo seguirá exercendo o seu fillo José, no lugar de Soutelo de Medio que daquela pertencía á parroquia de Ventoxo, xunto con Vilapouca e Fontela. Dito José Porto tivo un xenro chamado José Benito Freire, natural de Outeiro de Rei (Lugo), que foi o administrador do portádego de Soutelo de Medio.

Vindo da Aldea de Arriba, o camiño real (o que agora podemos chamar o camiño da Geira Romana e Arrieiros) atravesaba o que ía cara Pardesoa e baixaba por diante da casa de Juan Bautista Alberte cara á ermida de san Roque - avogoso contra peste, aínda que nestes días non nos acordemos del-, e desde alí bifurcábase por un lado cara a Madanela e Acibeiro, e por outro lado polo camiño vello que vai por detrás do restaurante o Milenio cara Soutelo de Medio, pequena poboación que estaba na parte de abaixo da citada praza do Gaiteiro.

Na botica de Pedro Porto traballaba tamén un “practicante de farmacia” que cando morreu recibiu as honras fúnebres como pobre, sinal de que non era moi ben pagado. E no mesmo pobo tamén traballaba un “sangrador” (poñía ventosas e sambesugas, sacaba dentes e moas, e ata trataba fracturas e luxacións), chamado José Feixó, natural de Mondariz, que finou en 1831.

En 1780 o rei Carlos III separou as profesións de medicina, cirurxía e farmacia e creou o “Tribunal del Proto-Farmaceuticato” como órgano encargado do control da profesión. As Ordenanzas de Farmacia de 1800 impoñían dous anos de estudios nos Colexios da Facultade Reunida de Medicina e Cirurxía. Os aspirantes debían ser bacharel e tralos estudios (Química, Botánica,…) habían de pasar outros dous anos de práctica nunha botica. Ao acabar as prácticas a Xunta Superior Gobernativa de Farmacia concedíalles o grao de licenciado en Farmacia, título que tiña Pedro Porto. Non será ata 1857 cando se crea a Facultade de Farmacia en Santiago de Compostela.

Foi tamén nesta época cando houbo moitos avances en distintas disciplinas, como a Bioloxía, Botánica, Química, Física, etc., que redundou no avance da Farmacia. Así nestes tempos descóbrese a vacina contra a varíola, que España declara obrigatoria en 1805 e que en Galicia estendeu o médico Juan Barcia, con raíces en Cora (A Estrada). E no ano 1806 supuxo un gran avance o illamento da morfina a partir do opio. Xa en 1827 o químico J. L. Casaseca publica o Formulario para la preparación y uso de varios medicamentos nuevos. Nel dá abundante información sobre alcaloides e describe os procesos de síntese industrial dalgúns produtos químicos como a sosa ou o iodo.

Neste momento xa non se vía nas farmacias animais e herbas colgadas do teito, senón matraces grandes e panzudos cheos de líquidos coloreados e botes de porcelana cos seus rótulos esmaltados, onde se gardaban os medicamentos. E coas novas técnicas fanse píldoras, supositorios, aparecen os comprimidos e a mediados de século invéntanse os inxectables.

Á botica de Soutelo de Medio acudía xente dunha contorna moi ampla. En agosto de 1848 unha señora veciña de Ribela, daquela “del ayuntamiento de Cereijo”, morreu de “enfermedad de la nacida en Soutelo de medio al acercarse a la botica a fin de curarse de su mal, lo que no tuvo efecto por hallarse la masa dela sangre inficionada del todo”.

E un fillo de Pedro o boticario, chamado Felipe Porto e que vivía en Quireza, ao enfermar foi coidado polo seu irmán José, aínda que os seus remedios non puideron facer nada. Morreu a 25 de abril de 1849 de “consunción” en Soutelo de Medio, “pues vino a ver si mudando de país y con los medicamentos de su hermano a mano lograba recobrarse, pero no fue posible”.

De todos os xeitos a medicina e farmacia en xeral estaba a anos luz do que agora temos. Basta con dicir o diagnóstico das enfermidades que se sinalaban entón. Entre 1839 e 1850 os defuntos que hai na parroquia de Ventoxo son a causa de enfermidades que se sinalan así: Nove persoas morren de enfermidade do peito, tres de quentura lenta, tres de accidente, dúas de parto, dúas de enfermidade natural, dúas de enfermidade do costado, dúas de febre, dúas na guerra, dúas de hidropisía e unha de pulmonía, outra de enfermidade reumática, e outras de enfermidade natural, apoplexía, humor reumático no ventre, flato reumático, consunción, cólico e da nacida.

A farmacia dos Porto debeu desaparecer a finais do século XIX. No ano 1912 aparece un anuncio no semanario El progreso de Pontevedra, en que se dí que “se vende una casa en el mejor sitio y centro de la feria de Soutelo de Montes, conocida por la Botica vieja con 4 fincas…” . Nese momento xa exercía como farmacéutico don Manuel Gutiérrez Pérez.

Compartir el artículo

stats