Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un niño que pode poñer en perigo a espadana de Goiás

A construción dunha parella de cegoñas apoia nun pináculo, que pode terminar por ceder e caer sobre o tellado ou no chan | Cumpría que algún experto fixera comprobacións oportunas para previr estragos e buscar algunha alternativa axeitada

A igrexa románica de Goiás, coas cegoñas na cima do campanario.

Nestes días xa as cegoñas, cada vez máis abundantes na nosa comarca, comezan a construción dos seus niños para a crianza. Unha parella, poida que imitando as de Castela, está a construír o seu niño no campanario da igrexa románica de Goiás, que ofrece boas vistas sobre as terras nutricias da contorna. Ata o de agora as cegoñas que aquí chegaban viñan facendo os seus niños nas copas dos carballos ou nos postes da luz e tamén gustaban das grandes chemineas dos pazos e casas señoriais.

Onte, logo de achegármonos ao pé da igrexa, ollamos con preocupación que a construción deste niño pode constituír un perigo para a integridade da espadana deste notable edificio, xa que apoia nun dos pináculos que, co seu notable peso que pode chegar a superar os 500 quilos, pode ceder, caendo enriba do tellado ou no chan. Coidamos que cumpría que algún experto fixera as comprobacións oportunas para previr estragos e, se fora preciso, buscar algunha alternativa axeitada e se procede que o Concello, o Bispado e Patrimonio, por xunto ou por separado, actúen en consecuencia. Por se a alguén se lle ocorre ir ao atallo desfacendo o niño, non sobra dicir que esa acción, está penada pola lei.

Un niño que pode poñer en perigo a espadana do campanario. / Daniel González Alén

Como xa temos publicamos en máis dunha ocasión, a presenza de cegoñas en Deza vai en aumento ano tras ano. En Silleda, concéntrase o maior numero de niños da comarca, con máis dunha ducia, os máis deles no val do Toxa; en Rodeiro hai media ducia, no val de Camba e ribeiras do Arnego, e tamén teñen niños nas ribeiras do Ulla en terras de Agolada e Vila de Cruces. No municipio de Lalín, unha parella viña criando nun guindastre na Corredoira, cuxa retirada fixo que andaran deambulando na procura doutro acomodo próximo ao Paseo fluvial do Pontiñas e poida que sexa esta a que agora aniña en Goiás. Preto de aquí, na parroquia da Veiga, temos ollado numerosos exemplares nas pradeiras das Lamas e agoiramos que, en adiante, este lugar vai ser o asentamento dunha numerosa colonia destas aves que os paisanos, polo de agora, agradecen e mesmo teñen en estima.

Compartir el artículo

stats