Reunión do xurado que escolleu as gañadoras do Maruja Gutiérrez

O vindeiro luns, e dentro das actividades de conmemoración do Día Internacional da Muller, o Salón Teatro de Lalín (20.00 horas) acollerá a entrega dos XV Premios ás Mulleres Dona Maruja Gutiérrez 2021.

Estes galardóns tentan visibilizar e distinguir a profesionalidade, a capacidade de iniciativa empresarial e a traxectoria persoal e social das mulleres lalinenses. Tratan, así, de rachar con situacións de discriminación por razón de xénero, poñendo en valor o labor de mulleres que fan un labor importante no ámbito da igualdade, e que por iso deben servir de exemplo para outras mulleres, pero tamén para o resto da sociedade.

Na edición deste ano, o galardón de Xove Empresaria recae en Eva Fuentes Senra. Ten 34 anos e ocupa a xerencia de Gandeiría Xoco, unha empresa que puxo en marcha co seu marido tras fusionar as súas explotacións gandeiras. Leva no sector desde os 19 anos.

Verónica Ledo Lançao e Natalia González Coego, da empresa Educalecrín, teñen 27 anos e recibirán o galardón á Empresaria Innovadora. En xullo do ano pasado montaron esta firma, que imparte formación para todas as idades relacionada co medioambiente e cuestións sociais .

Eva Paz Aguiar, fundadora do Bar Rosaleda, recollerá o premio ‘Toda unha vida’. De nova estivo emigrada en Barcelona e París, de onde voltou co seu marido en 1978. En Lalín o matrimonio montou unha ferretería e despois o mencionado bar, que en 2023 cumpirá 40 anos. Por último, Rocío Fernández González é a galardoada con ‘Mulleres en movemento’. Leva 20 anos traballando na empresa GSI, vinculada ao subministro industrial. Nun sector moi masculinizado, axudou a visibilizar o papel da muller.

O xurado desta 15ª edición estivo integrado por catro concelleiras do grupo de goberno: Marisa Álvarez (Relacións Veciñais); Begoña Blanco (Igualdade); Paz Pérez (Benestar Social) e Karen Fernández (Comercio), así como a psicóloga do CIM, Teresa Rocha; a técnica de Emprego, María Pérez Seoane; a secretaria técnica da AED, María Jesús García, e a axente de Igualdade, María Jesús Payo, que exerceu de secretraria do tribunal. Este tivo que escoller as persoas galardoadas entre 10 candidaturas.

Natalia González e Verónica Ledo.

Natalia González e Verónica Ledo. Martín Granja

Natalia González e Verónica Ledo, Empresarias Innovadoras

Un dos primeiros traballos de Educalecrín foron dous obradoiros vinculados ao medio natural en Lalín, o pasado verán, para familias e persoas adultas. Coas restriccións da pandemia, estas dúas emprendedoras continúan ofertando formación a través da rede, e traballan xa co Concello de Lalín nun proxecto presencial que se dará a coñecer próximamente. Tamén barallan que coa nova normalidade poidan poñer en marcha campamentos e actividades con centros educativos. Verónica Ledo e Natalia González dirixen unha empresa ecosocial, é dicir, con formación vinculada co medio ambiente e tamén coas relacións sociais. “Foi un conxunto que vin por primeira vez en Madrid, e pareceume interesante”, explica Ledo. En plena crise sanitaria e tamén climática, son imprescindibles as sesións que poñan en valor o noso entorno, pero tamén outras formas de relacionarse co resto da sociedade. Educalecrín está entre as cinco primeiras e únicas organizacións galegas que imparten formación sobre a Comunicación non Violenta, usado incluso en mediacións internacionais. “A violencia está moi relacionada coa desconexión respecto ao medio natural”. Por iso, terán tamén dispoñibles obradoiros on line sobre agroecoloxía. Nas súas propostas sempre está presente a equidade de xénero.

Eva Fuentes Senra, na súa explotación de Maceira.//Bernabé/Javier Lalín

Eva Fuentes, Xove Empresaria

Eva Fuentes atende 150 vacas, das que 80 están en producción leiteira e o resto, en recría. Aos 20 anos púxose á fronte da explotación dos seus pais, Gandería Pidre, coa metade de animais. Xunto ao seu marido, é titular de Gandeiría Xoco SC, resultado da fusión das granxas que tiña cada un. Recoñece que para ela non é rara esta situación de titulariedade, que non é tan común no agro galego, pese a que son moitas as mulleres que levan o día a día das explotacións. A parella, xunto á nai dela, encárgase de atender aos animais. “Só no momento de maior carga de traballo, en abril, contratamos a outra persoa”, explica. Fuentes ten un neno de seis anos. Ao ser preguntada por se lle resulta fácil conciliar o seu traballo coa vida familiar, apunta que lle é máis doado que si tivese un traballo de oito a tres da tarde. Iso sí, “levántome ás seis da mañá, estou dúas horas na cuadra e logo veño ás oito para preparar o neno para o colexio. Estou atada todo o día ao traballo, é certo, pero márcome eu o horario”. Sobre o galardón, non dubida en asegurar que “é unha honra total que che recoñezan o teu traballo, e máis sendo gandeira”. Xa dende nena tiña moi claro cál ía ser o seu futuro. “Tiña a oportunidade e todo feito”, recalca.

Eva Paz, na barra do Bar Rosaleda.//Bernabé/Javier Lalín

Eva Paz Aguiar, Toda unha Vida

Eva Paz Aguiar ten 72 anos e unha vida que da para un libro. Emigrou primeiro a Barcelona, con 17 anos, acompañada do seu noivo e futuro marido, David Gómez, así como dunha amiga e a súa parella. Despois marcharían a París, xa casados, onde estaba traballando o pai de Eva. Durante a emigración, esta lalinense traballou de interna, limpando oficinas e de conserxe dun edificio. “Daquelas era a ilusión primeiro de comprar unha casa, logo un solar...”. Co diñeiro gañado o matrimonio puido construir unha casa no calello do Manuel Rivero e despois o edificio na avenida Luis González Taboada. Foi aquí onde primeiro abriron unha ferretería e, en 1983 o Bar Rosaleda. “Ao principio de todo, non sa bíamos se poñer un ultramarinos, pero había un enfrente”, así que tenaron sorte con estras dúas opcións. O bar aínda segue, case 40 anos despois e aguantando a crise. Lembra que na anterior recesión económica “estabamos todos a tope, e dende entón imos para atrás. Ogallá isto pase axiña”, confía. Eva Paz e David Gómez tiveron tres fillos, un deles finado no ano 78, nun accidente de tráfico. Para coidalos, sempre tivo a man a familia. Amosa, tamén, a súa gratitude por este recoñecemento co Maruja Gutiérrez.

Rocío Fernández, nas instalacións de GSI.//Bernabé/Javier Lalín

Rocío Fernández, Mulleres en Movemento

En 2001 e con 20 anos, tras estudar un grao superior de Administracion e Finanzas no IES laxeiro, Rocío Fernández comezou a facer prácticas na empresa GSI. Ao rematar ese periodo, pasou a ter un contrato en firme. E aí sigue, 20 anos despois e marcando igualdade nun sector moi masculinado, o de subministros industriais. Non é o caso da empresa. “Cando comecei en GSI, xa había máis mulleres, e esta firma sempre se caracterizou por empregar tamén a mulleres”. Recoñece que ao comezo o pasou mal por clientes que preferían falar con algún compañeiro home, convencidos de que polo feito de ser varón ía entender máis de ferraxería. “Un día dixen que isto non me ía volver pasar, así que a día de hoxe xa hai clientes que preguntar directamente por min. Simplemente, tratouse de aprender dun sector; e e eu podo defender este igual que un home pode defender o de ventas nunha tenda de roupa”. Ao igual que as outras catro mulleres galardoadas, Rocío Fernández aseguraba que non esperaba este galardón, ao tempo que engade que “aquí en Lalín somos moitas as mulleres que o merecemos. E o certo é que todos deberiamos ter un premio así unha vez ao ano, porque anima moito”. Para esta muller loitadora non é o primeiro recoñecemento ao seu traballo: acaba de recibir o galardón Joven Ferretera de España 2020.