Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Onde están os tesouros de Trasdeza?

Vai ser que as migracións tamén se dan cos obxectos de valor, xoias aparecidas no concello das que non temos nin unha foto que nolas recorde | Traslado un bo rosario de visitas para facer cando o permitan o tempo e as circunstancias

Tímpano da igrexa monacal de Carboeiro cos ocos das figuras. // ALFREDO ABELEDO

Trasdeza posúe un gran patrimonio monumental, histórico, artístico, paisaxístico e, por suposto, gastronómico. Este patrimonio, por mor do virus, non pode ser disfrutado totalmente e no momento no que escribo estas letras tan só os veciños temos algún dereito, polas instrucións que nos dan, a pasear por entre os monumentos, pero sempre por fóra. Esperemos que as cousas melloren, e pola evolución seguida todo parece indicar que a apertura vai ser un feito. Estamos a pasar un confinamento tamén climático, porque non se pode dicir que este ano estea sendo seco e solleiro. Coido que xa está ben de auga.

De todos os xeitos imos exprimir todo o que temos á vista, que aínda hai, e logo, con tempos mellores, falaremos dos interiores, das institucións e museos, que Trasdeza tamén ten así como daqueles outros tesouros que están espallados polo mundo adiante. Vai ser que as migracións en Galicia tamén se dan cos obxectos de valor e non só coa xente. Neste último aspecto cómpre falar daquelas xoias aparecidas no concello pero das que non temos nin siquera unha mísera foto que nolas faga recordar. E non son poucas. Non é de estrañar que moitas cousas de valor estean agochadas nas casas porque hai xente, que non quere desprenderse do que é seu. Todo o máis prestalas pero para que queden entre nós e, claro está, con condicións.

Virxe de Belén de Carboeiro co Neno. |   // A.A.

Virxe de Belén de Carboeiro co Neno. | // A.A.

Como resumo, traslado un bo rosario de visitas que podemos facer cando o tempo e as circunstancias nolo permitan. Imos debullar cada un dos casos dos que están fóra. É de subliñar que a maior parte desas obras atópanse ou ben en museos, baixo a férrea protección que estes desempeñan, nos pazos ou baixo o acubillo das igrexas ou monumentos de carácter relixioso. De calquera das maneiras, todo é froito do traballo e bo facer dos nosos artesáns que puxeron a súa intelixencia no desenvolvemento das obras ás que me vou referir.

Dentro do concello

Entre as visitas que se poden facer dentro do concello están tallas e esculturas e outros obxectos de valor, no interior dos monumentos: Virxe do Leite da igrexa de San Martiño de Negreiros; Tumba do Cabaleiro Diego Gómez de Deza de Ansemil, e canzorros e vista da Virxe Pétrea da portada gótica da capela; interior da igrexa de Breixa, co seu impresionante bestiario; os murais da Capela de Sta. María de Abades; órgano –único no seu xénero en Galicia–, pinturas de Calvelo e tallas de Gambino do Santuario de Abades.

Ídolo de O Castro. |   // A.A.

Ídolo de O Castro. | // A.A.

En canto a exposicións e museos, están o do Convento de Carboeiro, coas visitas obrigadas á senda botánica, o pombal, o muíño, a Ponte do Demo e a fonte de augas enxofradas, a carón do río Deza; Museo do Campo e a Mecanización, situado no recinto feiral da Semana Verde; exposición de coches antigos da Empresa Cuiña, nos garaxes situados nas rúas Progreso e Morón; exposición de Instrumentos de música, da Banda Municipal de Música de Silleda, na actual Escola da Música; Centro de Interpretación da Natureza de Escuadro, na antiga escola; Casa da Cultura de Silleda e Vista Alegre da Bandeira, con programacións puntuais; e mostras permanentes dos pintores máis afamados. como Marisa Miguélez ou Fondevila.

Esparexidos por fóra

Cantas veces se fala das pezas do tímpano de Carboeiro, situadas no Museo de Marés de Barcelona, que foron espoliadas e deben volver ao seu sitio! O artigo publicado por Daniel González Alén en FARO DE VIGO no ano 2017, titulado O espolio e a ruína do Mosteiro de Carboeiro, é ben elocuente con estas e outras tantas obras que foron roubadas.

Desgraciadamente, o espolio existe pero non só neste caso. A miña pregunta é e será a mesma: Se existira vixiancia e control, poderíanse traer o resto dos obxectos esparexidos polo resto da xeografía mundial, sexa ou non galega? No peor dos casos, non sería posible ter algunha réplica ou fotos que poideran axudar a comprender polo miúdo a orixe de Trasdeza e a súa evolución?

Estes que vou comentar son algúns dos obxectos existentes fóra e dos que temos moi pouca información. Veleiquí os máis destacados. Procurei destacar as súas características, o sitio onde apareceron e o lugar onde se atopan na actualidade, por se os queredes ver, anque ben é certo que, aínda sendo de Silleda, terás que pagar a entrada.

Virxe do Leite, capela de Santa Ana de Ansemil (s. XIV). | // ALFREDO ABELEDO

Enxoval da Mámoa da Chousa Nova de Abades. Se ben coñecido desde hai moito tempo, este túmulo megalítico foi estudiado por Patrimonio con motivo do paso do AVE por esa área, o que provocou o súa investigación e levantamento no ano 2011. Segundo unha análixe con Carbono 14, estímase unha antigüidade de máis de 6.000 anos. Procede do 4350 a.C., sendo o máis antigo de Galicia catalogado. Foi unha sorte atopala sen espoliar e o máis interesante é o enxoval que acompañaba á persoa que se supón foi enterrada. Estaba composto por un colar, con 35 doas, cilíndricas e unha globular,de variscita e ámbar, por certo inexistentes en Galicia; unha eixada preto da cabeza, un cicel preto das mans e, finamente, un afiador aos pés. Tan só hai información nos paneis situados no lugar da mámoa, en Campomarzo. Se quixeramos ver esta xoia tan antiga teriamos que desprazarnos ao Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Campo Lameiro.

Ara de Santa Mariña de Graba. |   // MUSEO DE PONTEVEDRA

Ara de Santa Mariña de Graba. | // MUSEO DE PONTEVEDRA

Mámoa da Braña de Refoxos. As tres laxes que nos interesan forman parte dun monumento do Neolítico destruído facendo traballos agrícolas en 1974, na parroquia de San Paio de Refoxos. Tiña e ten gravados certos motivos ondulados propios do fenómeno megalítico. A última vez que as vin foi no 2013 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela nunha exposición que, baixo o título de Gallaecia Pétrea, versaba sobre a Idade de Pedra en Galicia e norte de Portugal. O seu depósito na actualidade é o Museo de Pontevedra.

Lingote de cobre de Barravaite, datado no 800 a.C. No anuario do museo de 1968 indícase a aparición dun lingote de cobre de forma trapezoidal singular de case que cinco kilogramos de peso atopados en Barravaite, lugar de Lamela. Este elemento está depositado no Museo de Pontevedra.

Colar da Mámoa de Chousa Nova. |   // ALFREDO ABELEDO

Colar da Mámoa de Chousa Nova. | // ALFREDO ABELEDO

Busto de esteatita do Castro. Desta peza da Idade de Ferro –entre o 400 e o 60 a.C.– sábese pouco, pois os habitantes do castro, onde apareceu, tiñan unha cultura ágrafa, e dicir, non escrita e só mediante conxecturas pódese dar algunha indicación. A relixión castrexa, tal e como di a información do museo, foi politeísta, baseada no culto a divinidades relacionadas coa natureza ou asociadas á guerra ou á propiedade. Por iso, suscitou distintas interpretacións vencelladas á cultura dos guerreiros, ídolos ou cabezas que representaban a héroes divinizados ou que tutelaban e protexían a súa comunidade.Incluso podería tratarse dun ídolo de inimigos caídos ou mesmo de familiares. Esta figura está exposta no Museo de Pontevedra, nunha sala situada no novo establecemento. A entrada está sometida a pago, anque sexas de Silleda.

Brazaletes de ouro de Barravaite. Estes dous aros de adorno (80 a.C.) foron descubertos casualmente por Manuel Calvo nunha canteira de serpentina explotada pola empresa Mármoles y Granitos San Marcos no 1967. Entregados a Alfredo García Alén, daquelas secretario do Museo de Pontevedra, informou de que se trataba de dous brazaletes elaborados en ouro de 24 kilates, de 10 centímetros de diámetro e case que 200 gramos de peso de peso cada un. Están feitos en sección romboidal un e rectangular o outro. Foron así mesmo datados polo profesor García Alén coma pertencentes ao coñecido como Bronce Atlántico, que abarcou o período que vai do 3500 ao 1500 a.C. Hoxe comparte vitrina cos tesouros de Agolada e de Caldas de Reis, no Museo de Pontevedra.

Unha das lousas da Mámoa da Braña.

Ara votiva de Santa Mariña de Graba. As aras viñan sendo ofrendas feitas en pedra, neste caso dedicada aos lares, protectores dos camiños. Esta peza foi atopada empotrada na ábsida da ermida de Santa Mariña, da parroquia de Graba, e por investigación feita por Eladio Oviedo Arce, o estado de conservación é moi bo, sendo o texto que figura gravado o seguinte: LARIBUS VIALIBUS AREA. PUBLIUS. O P. TATIUS US. LM. Segundo este autor, a tradución sería “Laribus vialibus ara. Publius, optatius votum soluit lubens merito, é dicir: “Ara dedicada ao Lares Viales, Publius Octatio cumpreu o seu voto con ánimo compracido”. Tal como escribe Antonio Vidal, polos tipos de letra da epigrafía romano-pagana hai que situar a elaboración no S.II-III despois de Cristo. Como expresa Xulio Carballo na súa obra Povoamento Castrexo e Romana da Terra de Trasdeza, quizais tivo moito que ver a existencia da masa rochosa denominada O Castelo e a Mina dos Mouros, explotada en tempos dos romanos nun lugar próximo á zona onde apareceu. Hoxe podémola ver no Museo de Pontevedra, despois de ser doada polo Marqués de Riestra no ano 1902.

Cruz chapada en ouro de Carboeiro, do 1.100 d.C. Tiven a ocasión de vela hai uns anos con motivo dunha visita realizada ao Museo da Catedral de Santiago. Tal como di Armando Vázquez na súa obra Carboeiro, el arte que renace de sus cenizas, a cruz está feita de chapa de ouro e mostra unha sobria decoración románica. Considerada, segue dicindo, como unha das mellores obras dos ourives composteláns da época, figura catalogada como a Cruz de Carboeiro, e por tradición é a que preside a cerimonia da toma de posesión dos arcebispos. Evidentemente, poderémola ver visitando o tesouro do Museo de Catedral de Santiago de Compostela.

Brazaletes de ouro de Lamela.

Elementos do tímpano da portada de Carboeiro, do século XII. Dicía Xosé Luis García, escritor con quen falei no ano 2017, despois de que visitara o Museo do Marés de Barcelona que “é de admirar cunha gran pena as obras do tímpano de Carboeiro” e que “o mosteiro non deixa de ser o símbolo da arte galega, espoliada e depredada pola insidia duns e polo lucro doutros”. Trátase de dúas pezas de pedra, un pantocrátor e unha representación do tetramorfos que no ano 1980 foron compradas por 4.507 euros aos propietarios, os Birk, para ser exposta polo escultor amante do románico Frederic Marés no seu museo. Curiosamente, estas obras estiveron entre nós, na exposición Galicia no Tempo, en 1991, coa referencia precisa da súa procedencia orixinal e sen que por parte de ninguén houbese ningún celo por intentar recuperalas. Como digo, están no Marés de Barcelona.

Virxe Pétrea de Belén de Carboeiro. A imaxe pétrea de Carboeiro é coñecida como a “Nosa Señora de Belén” e considerada como a patrona da abadía do mosteiro. Con máis dun metro de alto, está datada no S. XIII, sendo unha figura de pedra, policromada onde tanto a Virxe coma Xesús están coroados e o Neno, investido de gran poder, segundo iconografía da época, aparece sentado sobre a perna esquerda da Nai, dando a bendición coa man dereita mentras sostén un libro na esquerda. Esta figura, desde a exclaustración de Mendizábal, no XIX, estivo gardada primeiro na igrexa parroquial de Saídres e logo nunha casa dun veciño, ata hai ben pouco (2019), en que foi levada para Lugo, onde se atopa hoxe. Como anécdota, cabe dicir que en 2014 se quixo expoñer na Casa da Cultura, con motivo da mostra Silleda no XIX, cun apartado dedicado á arte sacra, pero, despois de intentalo e de facer varias xestións, non foi posible. Outra gran xoia gótica, que esta vez podemos ver no Museo Catedralicio de Lugo.

Florín de ouro de Carboeiro.

Moedas de ouro e bronce de Carboeiro, do 1.410 aproximadamente. Foron atopadas con motivo dunha excavación feita dentro da igrexa conventual do mosteiro, onde apareceron varios corpos humanos en cistas feitas con laxes sen traballar. Os monxes deron enterro a un visitante ou transeúnte con todos os efectos persoais, incluíndo un zurrón que contiña un florín de ouro de Pedro IV de Aragón (1336-1387) e un conxunto de moedas das chamadas brancas e tamén cornados de Enrique III (1406-1454) e unhas poucas brancas da época de Juan II (rei de Castela e León de 1390 a 1406). Todo isto fai pensar que a data do enterramento púidose producir nos primeiros anos do século XV. Estas moedas, ou parte delas, pódense ver no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

Recreación das figuras do tímpano de Carboeiro.

Como reflexión final fíxenme varias preguntas que traslado aos lectores. Onde tería más sentido de ofrecelos ao público: xuntos no concello onde apareceron ou esparexidos nos museos? Cuns mínimos de seguridade sería posible preparar un lugar onde expoñer e depositar todos os obxectos e documentos que nos poideran ceder ou doar os veciños? Sería factible gardar a historia de Trasdeza nun museo local sen ten que acudir a quen sabe onde?

Compartir el artículo

stats