Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Non hai palleira sen Colmeiro

Elena Colmeiro (á esquerda), na súa casa de Costela durante o acto celebrado en 2011 e no que tivo parte moi activa o daquela concelleiro Matías Rodríguez da Torre (ao fondo á dereita). // Bernabé/Javier Lalín

Elena Colmeiro é unha desas artistas de apelido ilustre continuadora dunha saga renovadora, que rompe moldes sociais e artísticos. Cando nos referimos ao antropónimo que acompaña o seu nome de pía, @s que somos de Trasdeza relacionámolo perfectamente coa nosa terra, mais logo para o resto talvez non sexa tan coñecido, ou mesmo pode soar con certas deturpacións e variacións. O apelido ten orixe no colmo, a palla coa que cubrimos as palleiras, e portanto, o sufixo –eiro dinos quen cobre os tellados, as medas.

Hoxe en día, a cada paso son menos as palleiras que fican, as casas xa non as precisan, e en moitos dos casos, cando as hai, é porque @s propietari@s son conscientes do que significaron, de nov@s us@s que se lle poden dar, e daí que as renoven e fagan que perduren.

Esta metáfora patronímica vainos servir para reflexionarmos un pouco sobre dúas figuras que foron o colmo máis escollido entre nós, que destacaron por seren innovadores, mais que non tiveron cosigo a consciencia do seu pobo á par do seu labor.

Falamos de Manuel Comeiro, o pintor, e a súa filla Elena, a ceramista; os dous notorios renovadores da plástica galega nos seus respectivos tempos, fillos dunha sociedade que os levou ao exilio, a emigración e a carencia dun maior recoñecemento.

O primeiro, o pintor, pertencente aos nosos “novos”, coma Seoane, Laxeiro, Arturo Souto ou Maside, emparentan na época de preguerra coa alta cultura que se estaba a desenvolver en Galiza en todas as vertentes artístisticas e literarias, nos avances do coñecemento de nós mesmos, mais con vontade universal. Abren os ollos ao mundo para que o mundo repare en nós, no povo galego.

A segunda, a súa filla Elena, finada hai dous días, nada en Silleda e exiliada por causa de ter un pai de pensamento libre, apaña esa idea experimentándoa por todo o mundo.

Ela sempre quixo conservar o legado do pai, é como se a débeda que contraese con el fora a de mostralo, expor a alma do Colmeiro que “pintou e amou ao seu pobo”, tal como reza gravado na súa sepultura no camposanto de San Fiz de Margaride.

Dese pensamento que, libremente, interpretamos en Adellís, saiu a proposta de incluír ao Pintor no rueiro de Silleda, a pesar de ser acusado aínda nos finais do século XX de “comunista”; parabenizamos esa grande iniciativa de denominar o IES como “Pintor Colmeiro”, algo que o proxecta desde a vitalidade da mocidade ao futuro; quixemos manter unha lembranza no seu dédimo cabodano, e finalmente, xa con apoio institucional e os pormenorizados consellos de Elena Colmeiro, convocamos unhas xornadas que para min teñen un valor inesquecíbel, o cal vos vou explicar brevemente:

En setembro de 2011 convocamos por primeira vez desde o Concello de Silleda a artistas trasdezaos como Fernando Rodríguez, Jorge Conde, a dar a súa visión anovadora do vangardismo de Colmeiro, compartilo coa mocidade no Instituto, partillalo coas apreciacións e a atenta e curiosa mirada de Elena, quen nos mostrou cuarto por cuarto a casa de Costela, unha casa na que se respiraba latente esa xunción de ideas de Manuel e de Elena, de alma do povo e de novas perspectivas no horizonte campío. No día escollido para gardar memoria ao pé do descanso paterno, ela quixo xuntar o colmo na palleira, alí convidou a casa aberta a artistas de toda a bisbarra da nosa Galiza interior, para transpirar no berzo costelao coa arte e a memoria.

Ás veces lémbrome daquelas cousas, das oportunidades que se perden en proxectos inútiles, con proxectos e financiamentos feitos para tirar fotos e, de paso cos cartos, e ter que sufrir a falta de iniciativa e do diñeiro de tod@s, para restaurar a verdadeira memoria e encamiñala ao horizonte galego que tan claramente vían os Colmeiro, e axuntar, a obra humana de Colmeiro Pai para o desfrute da sociedade galega, algo que prepocupaba e ocupaba a Elena Filla.

Algún día os tempos serán chegados para colmar os legados comúns na palleira da Terra nai

*Profesor de Lingua e Literatura Galega

Compartir el artículo

stats