A partir das 10.00 horas desta mañá, comenzan os labores de restauración do cruceiro de Cristín, na aldea do mesmo nome en Borraxeiros. O alcalde, Luis Calvo, acudirá á colocación dun elemento patrimonial que tivo que agardar máis de dous anos e medio para volver á súa ubicación orixinal. Explica que os traballos se demoraron porque o anterior goberno de Ramiro Varela xa manexaba un proxecto “que desapareceu co cambio de executivo”, polo que houbo que volver tramitar todos os permisos ante Patrimonio.

O colaborador de FARO, Ángel Utrera, alertaba en xullo de 2018 da presunta desaparición da talla que coroa o cruceiro: por un lado, a imaxe en pedra da Virxe, tapada cun manto e con restos de policromía; polo outro, un Cristo crucificado e con malas proporcións. Na talla que hoxe volver coronar o cruceiro, Calvo avanza que se recuperou toda a policromía, e aclara que os traballos se acometeron con fondos propios.

Nese verán do 18 puídose saber que a imaxe non desaparecera, senón que o Concello a retirara do chan e a custodiaba nunha nave municipal no polígono, á espera de que Patrimonio dictase as pautas necesarias para a súa recuperación. Ao parecer, a imaxe caera despois de que o brazo mecánico dunha desbrozadora da Deputación, chocase contra o fuste do cruceiro por un golpe involuntario durante uns traballos de limpeza na zona.

Encargo de Esteban Méndez

Unha vez completados todos os trámites, semella que dous anos e medio despois o cruceiro volverá lucir completo, deixando atrás esa estampa de base, fuste e capitel baleiros. O cruceiro de Cristín era, e sigue séndoo, un xeito de identificación para os seus vecinos e para os paseantes. E tamén un recordo para a posteridade de quen encargara a súa construcción. Na base do cruceiro pode lerse, non sen dificultade, esta lenda “Recuerdo de Esteban Méndez Guerra, por sus obligaciones y por las ánimas, 1918”. Curioso, 100 anos despois de que o esculpira José Coego Vilariño, o cruceiro de Cristín quedou severamente danado.

Utrera deixa constancia dos moi poucos avances durante o anterior goberno de Ramiro Varela para recuperar o que tamén se coñece como ‘cruceiro do tío Estevo’, en honor a quen o pagou. Lembra que tivo que pedir amparo ante a Asociación de Amigos dos Cruceiros e tamén ante a Dirección Xeral de Patrimonio. Unha vez que se recuperou este elemento, convén lembrar outros que continúan sendo pasto do esquecemento, como o balneario de Ponte Vilariño.