Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónica da mascarada de Lamela

O Xeneral Manuel García Vazquez (Manolo de Servando), o Xeneral Victoriano, lanceiro o Xoaneiro, e o correo Licerio Diéguez. | // ROSA GARCÍA

Foi no entroido de 1934. O xeneral de Lamela, don Agustín de Panadeiro pola mañán cedo, namentras aparellaba o cabalo, repasaba as arengas que todo xeneral debe contar no seu repertorio. Na mañanciña, os timbres dos correos anunciaban pola parroquia, a saída cara as terras da Ulla. Dous correos en fronte, abren camiño o xeneral de Lamela, a carón os lanceiros, detrás vai o Coro e deseguido a Parranda. Saíndo de Barrabaite a mascarada estaba xa completa.

Na noite anterior, na taberna de Dornelas daban conta da nova, de que o Xeneral Agustín de Panadeiro atravesaría os lindeiros da parroquia para continuar cara Orazo. Tal ofensa non se podía consentir. Como decía o señor Manolo de Servando, o paso non se lle denega a ninguén, agora ben, tampouco debe ser de valeiro. Na véspera, os de Dornelas acordaron facerlle fronte o xeneral de Lamela. Un veciño ofreceuse para facer de vixía no Portiño, dende alí, escoitaríase o son das campás dos correos, para lle dar tempo a avisar e chegar os xenerais de Dornelas. O conto foi que, o paso lixeiro da mascarada de Lamela, non lle permitíu o vixía anunciar con tempo aos xenerais de Dornelas. Ante o fracaso da operación, o home sen mais, mandoulle de rebolo un fouciño, segándolle o plumeiro do tricorneo do xeneral de Lamela. Jasus María! a que se armou alí, contaba Alfonso Gómez (Xeneral de Dornelas).

O día era longo, e moitas terras que conquistar. Os Xenerais de Lamela, deixan Castrovite, avanzan cara Orazo. Contan as crónicas, que ao seu paso pola parroquia de Loimil, no lugar de Penaporrin só lle ladraron os cans. Chegando a Orazo, o xeneral Agustín de Panadeiro ordena adiantar o seu correo primeiro. Son ben recibidos , o propio Sentinela ofrece paso sen mais. Son convidados a viño e biscoito. Neste intre, o xeneral de Lamela conta co seu arsenal de arengas intacto. Cara a media mañán, xa están nas inmediacións de Arnois. Seguramente a parroquia máis difícil de conquistar. Seica no ano anterior, houbera leña. Agustín de Panadeiro aparte de ser respetado, tamén era temido polos seus adversarios. De maneira que, polo que fora, a terceira arenga xa lle ofreceron o paso. O coro cantou ás súas coplas e para medio día xa estaban de volta en Lamela.

Ao remate do xantar, chegan noticias de que na Bandeira, un exército baixo o mando do Xeneral Xosé de Andrea (o eterno rival) acaba de conquistar o lugar. Agustín de Panadeiro ordea dobre ración de millo para o seu cabalo. As ansias de batalla colman o desasosego da xira de pola mañán. Preséntase a oportunidade con esta fazaña de acadar a gloria.

Polo serán, sae a mascarada de Lamela reforzada con tres correos, dous xenerais, dous abandeirados, e seis lanceiros. Pasando O Murallón, comezan a soar as campás da capela da Bandeira a defunto. Lonxe de tremer, Agustín de Panadeiro mete espuela ao cabalo. Ao chegar a Vista Alegre, a xente sae das casas, mais os Vivas non se botan ate rematar a contenda. No atrio da capela da Bandeira vai ser o escenario do Alto.

O señor Manolo de Servando, lembraba con paixón tal acontecemento. Case que dúas horas de atranco, decía. Nunca tal cousa se vira… Ata a propia xente pedía que se arranxaran. Tiñan corda para largo e moitas cousas que descutir… A memoria de Servando era prodixiosa, contaba que Agustín de Panadeiro nun Alto anterior, lle reclamara a Xosé de Andrea por un asunto dun Furón, e que lle contestara ese ano dicindo:

He revisado todos mis libros/y tal deuda no existía/y aunque así fuese/no era de reclamármela ese día.

Sentía admiración por estes dous xenerais. Con emoción, contaba que no primeiro Entroido, despois do pasamento de Xosé de Andrea, o xeneral Agustín de Panadeiro pideulle permiso o cura de Santirso de Manduas, entraron da cabalo xunto aos xenerais da Bandeira no cemiterio, e dopositaron unha coroa de loureiro na tumba de Xosé de Andrea.”

*Veciño da Bandeira.

Compartir el artículo

stats