Unidade por Rodeiro solicita documentación sobre os permisos de mobilidade de cada un dos edís da corporación municipal que acudiu este venres á toma de posesión, en Pontevedra, de Luis López como delegado territorial. O portavoz de Unidade, Alberte Lamazares, pide ademais explicacións por este desprazamento dos concelleiros do PP, ao entender que son “uns feitos que aos ollos dos cambotes non foron responsables”. Lamazares explica que mentres as familias de Rodeiro “non poden acudir de maneira presencial aos hospitais na maioría das ocascións, non poden despedir aos parentes falecidos ou os nosos maires non poden ser visitados por familiares” parte do grupo do goberno si puido asistir a este evento na cidade pontevedresa. Recalca que as persoas que conforman o executivo local “son os primeiros que deben dar unha imaxe de responsabilidade e predicar co exemplo”. Unidade entende que acudise só o alcalde en funcións e futuro rexedor, Rubén Quintá, pero a presencia dos cinco edís parécelle “esaxerada” a esta formación.