LUIS LÓPEZ DIÉGUEZ nn | Delegado territorial da Xunta e exalcalde de Camba

“O gran cambio en Rodeiro nestes dez anos foi a maneira de facer política”

“O tempo que estiven na oposición foi dunha aprendizaxe máxima”

Luis López, no despacho da Alcaldía que ocupou entre 2011 e mediados desta semana./ BERNABÉ/J. LALÍN

Luis López, no despacho da Alcaldía que ocupou entre 2011 e mediados desta semana./ BERNABÉ/J. LALÍN / Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Rodeiro

Fai pouco máis dunha semana e tralo cese de Luisa Piñeiro, a Xunta escollía como novo delegado provincial a Luis López. Antonte tomaba posesión do seu novo cargo en Pontevedra. Foi todo tan rápido que, ante a pregunta de qué pode aportar nesta nova responsabilidade, adianta que ten que sentarse e analizar, pero que vai atopar similitudes coa administración local e que recollerá as sensibilidades de todas as comarcas da provincia.

–Ten 42 anos e leva dende os 25 na política. Como chegou a ela?

–Pois da man de José Luis Fernández Fafián (concelleiro popular entre 1995 e 2010). Os dous tiñamos inquedanzas por facer cousas por Rodeiro, e el insistíame en que en política non era o mesmo estar na barreira que no ruedo. Así que en 2003 fun de número seis na lista do PP, con Eliseo Diéguez, e asumin as áreas de Cultura, Deportes e Medio Ambiente, para ir aumentando ao longo do mandato outras concellerías.

–En 2007 pasa a gobernar a coalición entre PSOE e Independentes por Rodeiro. E dende 2011 volve ocupar o PP o executivo. Vostede estivo en gobernos e na oposición.O alcalde de Lalín, Crespo, asegura que aprendeu moito estando nos fríos bancos da oposición, como el lle chama. Que supuxo para vostede?

–Todas as etapas aportan moitísimo. No meu caso, os catro anos de oposición foron dunha aprendizaxe máxima, e iso permitiume chegar á Alcaldía, con 33 anos, cunha situación privilexiada. Tamén me axudaron moito os tres anos que traballei nunha empresa privada e que me serviron para ter capacidade de xestionar o Concello.

–Nestes 10 anos, sairon adiante proxectos como a reactivación da parcelaria, o paseo fluvial ou o edificio polivalente nas antigas casas do mestres.

–E teño que engadir, sobre eses proxectos, que ademais foron acometidos en plena recesión económica e despois dun executivo que tirara a casa pola ventá. O noso equipo de goberno pasou os dous ou tres primeiros anos pensando en qué partida económica podíamos aforrar. Ademais das obras que mencionas, podemos falar doutras como un pabellón e un campo de fútbol espectaculares, ou o proxecto para a depuradora, a punto de adxudicarse. É certo que houbo retrasos nalgún exercicio na presentación da liquidación de contas, e que iso motivou a perda de axudas, pero en ningún momento houbo unha situación sangrante. Con todo, penso que o gran cambio destes 10 anos en Rodeiro foi no xeito de facer política. Era moi difícil convencer á xente de que non lle ías poñer unha luz, e eu marcho de Rodeiro sen ter posto unha bombilla  (risas). Temos que pensar que na actualidade Rodeiro é o concello, en 50 quilómetros á redonda, con maior Producto Interior Bruto, e isto débese á potenciación do sector primario.

–Fronte aos logros, as cousas que quedan pendentes: Quizais se podían ter feito máis pola conservación do patrimonio. A Tulla de Fafián ou a Vila Romana de Porta de Arcos levan décadas en ruinas.

–Nós puxemos en valor elementos patrimoniais que estaban en terreos municipais. No caso destes dous bens, ao estaren en mans privadas, a idea é a dunha posta en valor supeditada a que coa concentración parcelaria quedasen en masas comúns. Quero mencionar, en canto á potenciación turística, a repercusión non só da Festa da Caza, que se viña celebrando desde 2005, senón tamén do certame Rodeiro de Tapas, que foi o que realmente nos puxo no mapa. E está claro que a oficialización do Camiño de Inverno, en 2016, tamén axudou moito.O actual equipo de goberno, neste senso, ten entre as súas prioridades a posta en marcha dun albergue, para o que a Xunta xa dispoñía de financiación.

–¿Cal foi o seu maior logro como alcalde?

–Sen dúbida, dotar a Rodeiro de estabilidade política. O PP gañou as eleccións de 2011, pero tamén porque o anterior goberno as perdeu. PSOE, Independentes e Bloque tocaran poder en 2007 e non funcionou.

“As redes sociais aupáronme á Alcaldía en 2011”

–Á marxe desa estabilidade política eu, como xornalista, en xeral sempre percibín boa sintonía entre as distintas corporacións. Pode deberse ao seu don de xentes? –Bueno, houbo tempos en que a política era moi tensa e con moita confrontación. Penso que polo meu carácter houbo unha rebaixa asombrosa desa tensión. E si, é certo que sempre houbo sintonía e respeto con Manuel Salgado, José Vence ou con Manuel Hermida, e tamén con Alberte Lamazares, ata os últimos meses, porque neste último caso houbo liñas que se sobrepasaron. En canto ao don de xentes, e en contra do que se poida pensar, non é algo que se traballe, é algo que un ten ou non ten. –Pasa por ser dos primeiros rexedores que empezaron a usar as redes sociais para informar do día a día do Concello. ¿Iso acerca a política á xente? –Eu en 2007 formárame en redes sociais, e durante 2011 estas redes crearon unha corrente de opinión e teño claro que me auparon á Alcaldía. Ese ano, ano de eleccións, a xente nova volcouse comigo e tiña claro o proxecto que eu quería. É máis, a través do Facebook o PP conseguiu medio cento de votos. Unha vez gañadas as eleccións, tiña claro que ía continuar coas redes sociais. –Ten formación universitaria como abogado, gústalle o marketing político e tamén ten falado de que lle atrae o mundo da comunicación. Probará nalgún destes ámbitos no momento en que deixe a política? –Non, porque a min o que me gosta é a empresa privada, durante eses tres anos foi algo do que disfrutei e do que tamén aprendín moito.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents