Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A “Festa do Canteiro” en Cerdedo ( I )

A desaparecida celebración tivo a súa primeira edición no ano 1976 cun emotivo programa de actos

Cartel da Festa do Canteiro do ano 1976 (Xulio Maside). |

A primeira edición da desaparecida “Festa do Canteiro” de Cerdedo celebrouse no ano 1976. Conforme lemos na prensa da época (El Pueblo Gallego, 28-3-1976), a xunta organizadora do evento, que o fixara para o 18 do mes de xullo, lexitimaba a celebración, aclarando que non era a súa pretensión facerlle sombra á festividade relixiosa do Ecce Homo nin, tampouco non, argallar unha vulgar lupanda: Esta festa non xurde por simpre capricho de orgaizar unha festa máis –Cerdedo ten abondo coas do Ecce Homo– ou tamén por deixarnos levar de algún xeito das recentes e prolíficas festas gastronómicas. Cerdedo quer voar máis alto e orgaizar esta “Festa do Canteiro” partindo do innegábel intrés social e cultural que representa pra Galicia enteira, e sobor de todo pra este pobo cerdedense, o antergo e moi nobre oficio de “canteiro”.

Amais, os organizadores engadían catro razóns xustificativas: a) Dar a coñecer e resaltar dalgún xeito o granito como materia nobre na construción, sobor de todo en Galicia. b) Recoñecer e valorar a mestría e o arte dos nosos canteiros, agradecéndolles diante da historia o traballo sacrificado, o saber e a ilusión que tantos moimentos encerran detrás da laboura artística que contemplamos. c) Promover o estudo da Terra de Cerdedo como berce de grandes mestres canteiros, hastra o feito de que “cerdedense” e “canteiro” veñen a identificarse de cotío. d) Promocionar o verdadeiro arte de traballar a pedra e chegar a facer unha “Escola de Canteiros” en Cerdedo. E desta maneira, concienciar ao pobo galego da necesidade de gardar celosamente o noso patrimonio arquiteutónico-artístico como herdade preciosa dos nosos maiores e da que nós non somos máis que responsables administradores.

O 16 de setembro de 1976, o xornal El Pueblo Gallego anunciaba a Festa do Canteiro para o día 26, posto que os organizadores aínda estaban traballando na programación. O adiamento dos actos obrigou a rectificar a data nos carteis deseñados para a ocasión polo pintor vigués Xulio Maside.

El Pueblo Gallego do domingo 26 de setembro, baixo o titular “Cerdedo. Primera ‘Festa do Canteiro’”, achegaba o programa de actos. O acontecemento festivo desenvolveuse na capital do concello. Iniciouse ás once da mañá coa lectura do pregón, a cargo do escritor bearicés Francisco Ogando Vázquez (1913-2005), que foi catedrático e director do instituto Otero Pedrayo, en Ourense.

Ao mediodía, oficiouse unha misa en galego na igrexa parroquial de San Xoán. Seguidamente, rendéuselle unha homenaxe póstuma ao mestre de canteiros Francisco Viéitez Viéitez. Á unha da tarde tivo lugar un acto académico verbo da figura do canteiro. Interviron os profesores Alfredo García Alén (1923-1981) e Carlos Amable Valiñas e mais o crego Antonio Rodríguez Fraiz (1912-1995). Aproveitouse o acto para facerlles entrega duns pergameos de honra aos canteiros mais veteranos de cada unha das oito parroquias do municipio. Pechouse a sesión matutina coa presentación do libro Los canteros gallegos, publicado ese mesmo ano por Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) e que recolle unha conferencia pronunciada en 1973 polo polígrafo pontevedrés na sede viguesa da Asociación de Amigos de los Pazos. Tras a misa de doce, servíronselles a todos os asistentes mexillóns de balde, pan de millo e viño. Houbo xantar de confraternidade e, xa pola noite, déuselle remate á xornada cun “baile-verbena”.

Esporeado xaora pola iniciativa, Antonio Rodríguez Fraiz publicaría seis anos despois, en 1982, o seu libro Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez.

Los canteros gallegos (Filgueira Valverde, 1976). |

Malia non atopar rastro na prensa galega verbo da segunda edición da “Festa do Canteiro” (ano 1977), ben seguro se celebrou, xa que, El Pueblo Gallego do primeiro de xullo de 1978, na sección “Mirador de la Herrería”, informaba que co gallo da celebración o domingo día 23 de xullo da “III Festa do Canteiro” en Cerdedo, convocárase un concurso fotográfico patrocinado polo Ministerio de Cultura arredor da “arte na pedra”. Velaquí as bases do certame: El motivo artístico estará relacionado siempre con la piedra: casas, iglesias, cruceiros, hórreos, puentes, calzadas etc. La modalidad será en blanco y negro y los tamaños: mínimo 18x24, montada en cartulina de 24x30; y máximo de 30x40, montada en cartulina de 50x60. O prazo de presentación das fotografías finalizaba o día 19 de xullo. Os traballos debíanse entregar na casa do concello de Cerdedo, pechados nun sobre ou carpeta, cuxo interior contería unha reprodución da fotografía en tamaño 7x10, en brillo. No reverso da instantánea, escribiríanse o nome e apelidos do autor e mais un lema. No tocante ás recompensas, establecéronse 15.000 pesetas para o primeiro premio, 12.000 pesetas para o segundo, 8.000 para o terceiro e un premio especial de 15.000 pesetas á mellor fotografía dalgún motivo artístico, en piedra, de la villa de Cerdedo. Indicábaselles tamén aos concursantes que as obras premiadas e mais os seus clixés pasarían a ser propiedade da Comisión organizadora da “III Festa do Canteiro”.

Cartel da Festa do Canteiro do ano 1976 (Xulio Maside)

O 20 de xullo, tres días antes da celebración da festa, El Pueblo Gallego avisaba que a comisión organizadora ampliara o prazo de presentación de traballos fotográficos até o venres 21, comunicaríase o veredicto o 22 e a entrega de premios sería o domingo día 23, no transcurso dos actos festivos.

Ao vuxa Marcos Escudero,

escultor do Campo das Laudas.

Continuará...

Compartir el artículo

stats