Conmemoración do Sindicato de Pardemarín da proclamación da república. No centro Manuel Castro Pena, mestre de Rubín, que no 36 acabará de xefe provincial da Falanxe. | //FOTO APORTADA POR XOÁN CARLOS GARRIDO

O 14 de abril pola noite sóubose na Estrada que alá na capital do Estado se viña de proclamar a República logo das eleccións do día 12 na que os defensores dese réxime obtiveron uns resultados que poñían en evidencia a falla de apoio que tiñan os que viñeran exercendo o poder até entón, e que se identificaban coa Monarquía.

A xente saíu a rúa, sobre todo a mocidade, e percorreuse as principais arterias do noso concello en manifestación espontánea na que se proferían berros de viva a república e de lembranza de Galán e García Hernández, fusilados na sublevación de Jaca. De feito a nova bandeira acabaría esa noite izada na cúpula do edificio de Manuel Porto Verdura na actual praza da Farola e na propia fonte que daquela se atopaba alí situada.

Unha das máis destacadas manifestacións que tiveron lugar foi a protagonizada pola activa e dinámica xuventude de Guimarei quen veu en peregrinación desde a súa parroquia dando vivas á república e cantando o himno galego e a Marsellesa e percorrendo unha e outra vez as rúas estradenses.

O domingo 19, coincidindo co San Bieito de Remesar os representantes do Centro Republicano ergueron no campo da festa a bandeira tricolor, sempre á beira da Galega, que “en breve se constituirá también en república autónoma dentro de la confederación de repúblicas hispánicas” (El Emigrado. 30-04-1931), tal como se recollía na prensa. Un espontáneo Manuel Vicente Pereira interviu alí para homenaxear a Manuel Moreira Ferás quen mercou a tela do seu peto para confeccionar ditas bandeiras.

Tamén ese mesmo día o potente Sindicato de Pardemarín, promotor do Certame Escolar dos Pereiriños, fixo unha conmemoración especial da proclamación do novo réxime convidando ao profesorado e alumnado ao izado das bandeiras e acudindo os da súa área de influencia de Olives, Pardemarín, Curantes e Rubín. Cuns 200 nenos e nenas asistentes. Neste acto intervén Aguilar Porto, mestre de Curantes e varios dirixentes do sindicato: Antonio Frende, Bermejo, Francisco Marque...

Nos festexos da arribada republicana é de subliñar a intervención da figura de Manuel Brea Abades, que só gozaría 6 meses da súa ansiada democracia, ao ser asasinado precisamente pola súa entusiasta axitación a prol do laicismo e dos valores liberais do novo réxime desde nos xornais que dirixía na Estrada e en Silleda. Nestes días concorría a festividade do San Xorxe na súa parroquia de Cereixo, polo que sufragou as bandeiras tricolor que se ergueron na romaría ao son da “Marsellesa” e o “Himno de Riego”. Na misa deixou de soar a Marcha Real (anterior e actual himno de España) que viña sendo interpretado pola banda, mais alguén no harmonio da igrexa si que deixou caer estes acordes en desafío evidente fronte aos novos tempos.

A Sociedade de Seguros de Gandos de Riobó que comprende varias parroquias do redor acorda o 26 de abril por unanimidade comunicar a Xestora Municipal, ao Gobernador e ao presidente do Goberno a adhesión e colaboración coa República.

No xornal “El Emigrado” topamos unha referencia a celebración na parroquia de Manuel García Barros que seguramente é da súa autoría polo estilo irónico: “Aquí en Callobre, al tenerse noticia de la proclamación de la República se dispararon varias bombas en diferentes puntos de la parroquia en señal de regocijo, no obstante haber ido a votar por la Monarquía la casi totalidad de los vecinos con el Sr. Cura a la cabeza”.

A hostilidade manifesta da igrexa contra a república pronto ía ser contestada, polarizándose neste asunto moitos dos conflitos que atravesaron eses anos. Mais polo de pronto había chamamentos a non caer nas provocacións.

O propio García Barros dirixíase á xuventude de Guimarei que será a protagonista da maior mobilización social que haberá neste período e tamén na que se cebará cruelmente a represión no 36: “No día da eleución, os rapaces de Guimarey recorreron os arredores do colexio eleutoral c´un cartelón que decía: ‘A xuventude quere a Repúbrica’. Moi ben, rapaces. Pois xa tendes a Repúbrica. Agopra a traballar por honrala e por sostela, demostrando que a República non é desorde, como decían os seus impunnadores.Deorde era antes no réxime das leis inxustas, dos monopolios noxentos, dos negocios porcos en que o mesmo rei levaba parte cobrando centos de miles de pesetas mentres se morrían de fame os obreiros sin traballo”(El Emigrado. 30-04-1931 ).

“O caso é que a campaña do medo contra a república debeu ser terríbel e criouse tar psicose entre a poboación de que a desaparición do réxime paternalista da monarquía, por moi corrupta que esta fose, ía supoñer unha explosión social de desastrosas consecuencias. De feito, Bernardo Mato Castro, quen sería un dos intelectuais estradenses de máis prestixio do momento e polo que logo sufriría a inmolación, titulaba un artigo seu: “...y las mujeres no fueron deshonradas!”. Dinos: “No bastaron los apocalípticos ruídos del retrógrada para impedir el imperio de la libertad. Las mujeres serian deshonradas en el medio de la calle, los maridos no poseerían a sus esposas, inocentes niñas verían a plena luz los estados más degradantes del género humano, y acabarían por desaparecer las fábricas de tejidos, porque la humanidad, del todo corrompida, viviría al desnudo bajo el mejor cielo tropical pudiera hacerlo...”(El Emigrado. 7-05-1931). O que si supuxo a República no noso Concello foi a posibilidade de que a clase obreira oprimida e a nación galega negada puideran expresar as súas reivindicacións.

A manifestación proletaria do 1º de maio por fin ía poder celebrarse sen os atrancos que lle puña o anterior réxime. E foi multitudinaria e mesmo contou coa recepción das autoridades municipais. Percorreu a vila ao son da “Internacional” e a “Marsellesa” a cargo da banda de Ribeira e remataría na Porta do Sol, que sería bautizada nese día como Fermín Galán (mártir de Jaca) e a súa rúa que sae dela cara a Mª Pena, o santiagués Cesáreo Briones e Francisco Nodar Castro de Ribeira.

E neses días tamén visitaba o noso concello unha delegación nacionalista que era recibida con estas palabras por García Barros: “O domingo pasado tivemos o pracer de darlle unha aperta querendesa os esgrevios irmáns Otero Pedrayo, Paz Andrade e Núñez Búa que n’ista hora de risoño amañecer pra Galicia percorren as nosas vilas en fervente apostolado despertando a concencia galeguista, preparando a Terra pr’ó novo sol que vai sair a quentala” (El emigrado, 7-05-1931).

Nese ambiente de esperanza se acollía a República por mozos e tamén por vellos, como o veterano loitador pontevedrés e futuro presidente da Deputación, Vicente García Temes, que era honrado logo da manifestación obreira cunha visita por atoparse convalecente na Estrada segundo se dicían: “se hallaba enfermo en cama, a consecuencia, sin duda de la gran impresión que le causó la implantación de la república” (El Emigrado, 7-05-1931).