A espléndida peza románica cando estaba chantada na parede. | // D.G.A.

O dono da casa sacou a peza ao rehabilitar a construción. | // D.G.A.

O capitel “viaxeiro” localizámolo hai tres anos no muro da vella. | // D.G.A.

Un capitel de Carboeiro en Breixa?

Un ben labrado capitel románico que se coida puido sair séculos atrás, do célebre mosteiro de Carboeiro, logo de botar décadas chantado na fachada dunha vella casa de Breixa, levouno para o seu fogar días pasados, un veciño desta parrqouia de Trasdeza. O Concello de Silleda, debería facer xestións para que sexa depositado e mostrado no museo de Carboeiro.

Chantado nas paredes dunha vella casa illada e medio arruinada na pista que vai do lugar de Castro de Breixa o de Ribeirao en Negreiros, localizamos vai para tres anos, un artístico capitel románico con ben labradas figuras mostrando un frade cun misal escorrentado unha ave de rapina tentando apreixar un cadelo, que segundo conta a tradición oral, saíu en tempos do mosteiro de Carboeiro. Hai pouco, pasando polo lugar, ollamos con estupor que parte da parede da vella casa fora desfeita, desaparecendo o referido capitel.

De primeiras coidamos que fora roubado ou vendido que pouco mais ten. Mais axiña apareceu por alí o dono da propiedade que en resposta as nosas preguntas, contounos que andaba para rehabilitar a vella casa para librala do derrube total que a ameazaba e que nese ánimo sacara o capitel da parede, temeroso de que se esbarrigaran os muros e se esnaquizara, ou que algún aproveitado, sabedor do seu valor artístico, viñera cunha guindastre e o levase, como acontecera hai anos cunha escultura desaparecida do adro da veciña igrexa de Ocastro. Porén segundo nos dixo, decidiu gardar o capitel no interior da súa casa, onde seica se atopa agora.

Na amable conversa, sinalámoslle a comenencia de que o capitel fora cedido ao concello de Silleda, para que fose gardado no pequeno museo existente no mosteiro de Carboeiro, onde podería ser ollado por propios e visitantes e mesmo por el e a súa familia, deixándoo alí en calidade de deposito. Con certa retranca e sorna tan propia dos nosos paisanos, díxonos que o tería que pensar, pero polo de agora prefería gardalo en lugar preferente da súa casa.

A vella casa que tiña o capitel chantado no muro, é unha construción de hai mais de douscentos anos, época na que o cenobio beneditino de Carboeiro comezaba a sufrir o abandono e conseguinte espolio no que estivo sumido durante séculos e que xa temos tratado en varias publicacións.

Porén coidamos moi posible que de alí proceda o capitel como sinala a tradición oral, sen desbotar que puidera ter saído dalgunha das portadas románicas das igrexas da contorna, que se estragaron coa chegada do barroco coma as de Breixa ou Negrelos.

Outro capitel románico que ten certa semellanza con este, pode ollarse Na actualidade, chantado nas paredes dunha casa señorial da Ponte Ulla, aquel coa representación do milagre de San Nicolás, e saído segundo algúns historiadores do desaparecido mosteiro de San Xoán da Cova, en terras do municipio da Estrada.

Días pasados, atopamos novamente ao veciño de Breixa traballando na rehabilitación da vella casa, que nos foi amosada por el mesmo, podendo ollar no interior un vello lagar que quería ver de recuperar e o pouco que quedaba dun tear, que podreceu ao filtrarse a auga por entre as tellas da arruinada edificación. Logo de animalo a conservar estes elementos dos oficios tradicionais, insistímoslle en que cedera o capitel ao concello de Silleda, para que fora depositado no mosteiro de Carboeiro, sen que mudara a súa posición inicial. Así, marchamos de Breixa, matinando que poida que non volvamos ollar este espléndido capitel viaxeiro, que pode coller o mesmo camiño ca un escudo de armas que tiña enriba do portalón da entrada a casa fidalga de Ríos, do que ninguén sabe o seu actual paradoiro.