Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

Os restos do Castriño de Bendoiro como exemplo dun secuestro arqueolóxico

Comezo das sondaxes arqueolóxicas no castriño a finais de 2006.

Fosos defensivos no lado norte da croa do castriño.

Fosos defensivos no lado sur da croa do castriño.

A finais do ano 2006 comezaron as sondaxes e escavacións arqueolóxicas no Castriño de Bendoiro, para remataren nos primeiros meses de 2008, debido á sorprendente ameaza perpetrada polo Ministerio de Fomento e o ADIF, que planificaron o trazado dunha liña dun Tren de Alta Velocidade (TAV) entre Santiago e Madrid, liña que aínda non funciona a día de hoxe.

O trazado da liña pasaba por encima do Castriño de Bendoiro, que está unido ao Castro de Bendoiro (un castro con dúas croas) que os enxeñeiros tecnócratas da capital das Españas foron incapaces de ver e localizar. Ante esa potencial e perniciosa ameaza tivemos que levantar airosamente a voz de todas as formas que nos foi posible: ante o concello de Lalín, ante a delegación de Patrimonio de Pontevedra, ante a Xunta de Galicia e ante o Congreso do BNG, que formaba parte do goberno bipartito de Galicia e dirixía a Consellería de Cultura.

As evidencias eran tan claras e evidentes que era como estar ante a catedral de Santiago e non vela. Así que empezou a loita titánica da pulga contra o elefante, pero a administración galega, cun dos mellores directores xerais de Patrimonio da nosa historia autonómica, fixo caso e empezaron a adoptarse medidas preventivas (a posta en práctica escavacións sistemáticas) e logo paliativas (esixir ao Ministerio-ADIF que ao Castriño non se lle debía tocar na súa parte esencial).

Non procede falar agora de todo iso senón do que sucedeu “post mortem”, logo de rematadas as intervencións arqueolóxicas. Máis de 30.000 pezas de distinto material (cerámicas, muiños, puntas de ferro, aneis de bronce, obxectos diversos, osos, algunha moeda, etc.....), realmente un sinfín de obxectos que descoñecemos, porque ninguén deu información algunha, foron exhumados do proscrito Castriño e levados pola empresa de arqueoloxía que realizou as intervencións, para que eses restos foran siglados, referenciados, clasificados, sometidos a C14, estudiados...... e sometidos a un rigoroso traballo de investigación nunca realizado ata o día de hoxe. E non facer eses traballos de compromiso e establecidos por lei, significou que tampouco se elaborasen os corrrespondentes informes e memorias perceptivas. En realidade, todo iso foi un auténtico despropósito, prolongado infinitamente no tempo, que chega ata o día de hoxe, case 15 anos despois.

En repetidas ocasións a prensa local, especialmente oFARO DE VIGO, teñen efectuado repetidas preguntas en relación co seu estado e sempre se lle deu a mesma resposta (segundo o publicado): que era unha cantidade enorme de material e que levaría moito tempo estudiar, incluso anos. O goberno municipal de Lalín, tamén ten preguntado pola mesma causa repetidas veces e a resposta sempre viña a ser a mesma, que estaban a traballar despacio no asunto, pero que levaría moito tempo realizalo....

E así foi pasando o tempo ata que no ano 2018 se comprometeron a entregar eses materiais, empezando primeiramente polos líticos, a partires do ano 2019 e, en meses sucesivos, o resto de materiais (cerámicos e outros). O certo é que pasou o ano 2019 e todo seguiu igual, o mesmo que durante o ano 2020, pero todo cambiou hai uns días (comezo ano 2021).

Agora enterámonos, por declaracións da responsable da empresa de arqueoloxía ao FARO, que non se puideron realizar eses traballos pendEentes por falta de fondos (dotación económica esgotada). Resulta que o presuposto seica se acabou no mesmo día que recolleron, a comezos de 2008, os últimos restos desenterrados e desde aquela non atoparon unha administración misericorde que lles botara unha man con axudas económicas imprescindibles para realizar un traballo de compromiso e responsabilidade propio da empresa que realizou as intervencións.

Cada quen que xulgue isto como queira, os que teñen coñecementos de arqueoloxía saben perfectamente que isto é unha clara irregularidade, porque as escavacións pódense acoller de moitas formas:

1- Con presupostos á baixa, presupostos de miseria, eliminando a todos os competidores (concursantes). Está ben claro que os resultados de todo iso son sempre negativos: non se realizan debidamente os traballos, as intervencións efectúanse en ocultismo permanente, non se informa ao público dos resultados, trabállase a “porta cerrada”, os informes e memorias son simplistas e non queren que sexan vistas por ninguén.

2- Con presupostos realistas e adaptados ás necesidades da intervención. Neste caso nada hai que obxectar.

3- A dedo, por amiguismo, enchufes e outras “cousiñas”. A empresa que realiza os traballos nin tan siquera vai a concurso público, senón que, en total complicidade co patrón (o seu amo), efectúa as intervencións sixilosamente, cos mínimos medios e tentando camuflar os resultados.

¿Que sucedeu no Castriño de Bendoiro?.. Pois tendo en conta todo o acontecido, os feitos e a realidade falan por si mesmos. Xa vai sendo hora de esixir responsabilidades, de resolver todo isto con xustiza e de acordo coas normas establecidas.

Non queremos pactos segredos, non queremos que se pague un rescate polo secuestro de todo ese material arqueolóxico retido durante catorce anos, porque todo isto non é máis ca un secuestro polo que, ao final, se pide un ignominioso rescate. Se finalmente, algún organismo (Concello de Lalín, Deputación de Pontevedra) aportan fondos incondicionalmente para realizar os traballos pendentes (catalogación pezas, datacións, elaboración de memorias) estaremos ante a materialización dun secuestro e sentarase un perigoso precedente, para que noutros lugares e circunstancias se faga o mesmo, se é que non se ten feito noutras veces.

Compartir el artículo

stats