Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un rapaz de Soutolongo na RAE

Gregorio Salvador Caja tomou posesión como académico o 15 de febreiro de 1987. | // RAE

O recente pasamento do académico da RAE Gregorio Salvador Caja acontecido o 26 de decembro pasado, trouxo á actualidade a súa biografía, e sobre todo para os dezaos o feito de que parte da súa infancia transcorreu no concello de Lalín. E efectivamente, Gregorio pasou tres anos da súa infancia en Ludeiro, na parroquia de Soutolongo.

Gregorio era o irmán pequeno de Antonio Salvador Caja, un funcionario do Ministerio de Traballo que chegou a Pontevedra nos primeiros anos da República. Adscrito á Delegación de Traballo de Pontevedra, foi coñecedor da comarca dezá, que nesa época era un dos principais focos de conflitos laborais polas obras do ferrocarril Ourense-Santiago.

Antonio casou en xaneiro de 1934 en Soutologo coa mestra Marcelina Ferreiro Panadeiro, a irmá do alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro, nunha voda na que foron apadriñados propio Ferreiro e pola súa tía, a tamén mestra Concepción Ferreiro. Asinaron como testemuñas o delegado de Traballo de Pontevedra, o administrador de Correos de Lalín, Andrés Iglesias Rueda, o avogado Domingo Pablo Palmaz, o comerciante Luis Taboada Fernández e o perito agrícola e secretario do Centro Republicano de Lalín, Gonzalo Goyanes Sánchez.

Antonio converteuse en inspector de traballo en 1935 e nunha coñecida figura política da capital, colaborando na prensa local con artigos sobre o mundo laboral como “El paro, una injusticia social”, que apareceu en El País. O pasamento da nai levou ao pai, daquela secretario do concello de Cúllar de Baza (Granada), a enviar a Pontevedra a Gregorio, de pouco máis de sete anos, para que se ocupasen del o seu irmán Antonio e a súa cuñada Marcelina, que vivían, tal como recordaba Gregorio, nunha “casa de azulejos verdes, junto al río”.

O rapaz asistiu á escola preparatoria do Instituto. Ao ano seguinte, logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro, Antonio foi nomeado a principios de marzo Delegado de Traballo da provincia de Pontevedra. Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo, Antonio Salvador acudiu á chamada do gobernador Gonzalo Acosta Pan para organizar o Comité de Defensa da República no Goberno civil no que tamén participaron Alexandre Bóveda, Ramiro Paz, Amancio Caamaño, José Adrio Barreiro...

Ante a inutilidade da resistencia aos militares, rendéronse e foron detidos. Así lembraba moitos anos despois Gregorio a detención do seu irmán: “A la semana de empezar la guerra, llegaron a las tres de la madrugada y se llevaron a mi hermano, que era el delegado provincial de Trabajo. Salvó la vida porque lo reconoció un jurídico militar de los sublevados que había sido su amigo de la infancia.”

Centro social de Soutolongo, onde estivo a escola parroquial. | // M.I.

Antonio estivo detido na Normal de Pontevedra onde compartiu as últimas horas de Alexandre Bóveda antes do seu fusilamento, testemuño que recolleu anos despois o programa A Trabe de Ouro da TVG. Xulgado en Pontevedra por rebelión militar, foi condenado a cadea perpetua.

Estivo un tempo no campo de concentración da Illa de San Simón, sufrindo as duras condicións da vida penitenciaria do lazareto da que tamén deixou testemuño no documental Aillados (2001), no que interveu xunto con outros presos. De seguido foi trasladado á Prisión Central de Burgos, pensada para 850 reclusos que chegou a albergar case 4.000, a maioría prisioneiros políticos das zona baixo dominio rebelde. Ao amoreamento engadiuse a deficiente alimentación e a aparición das enfermidades contaxiosas e infecciosas como a tuberculose, a avitaminose, o tifo e o cólera.

Mentres tanto, a súa muller Marcelina, que fora mestra interina na Xesta, Coiro (Cangas) e Vilarello (Dozón), e que acababa de aprobar o cursiño de selección profesional para o ingreso no Maxisterio, foi cesada como mestra. Co home na cadea, o irmán fusilado o 27 de agosto, moi sinalada politicamente e sen medios de vida en Pontevedra, vense para a casa paterna en Ludeiro co seu sobriño Gregorio, que non podía regresar a Granada, en mans do goberno leal. Alí viviron durante toda a guerra con Fernando, Mª Esther e José, os irmáns de Marcelina que aínda quedaban na casa.

Fonte en Ludeiro, construída sendo alcalde Manuel Ferreiro. | // BERNABÉ/ANA AGRA

"O Andaluz" de Ludeiro

Gregorio Salvador, a quen os veciños chamaban “o andaluz”, compartiu eses anos cos rapaces de Ludeiro e doutros lugares da parroquia de Soutolongo. A súa tía Marcelina exerceu tamén como mestra e é moi posible que asistise á escola de Soutolongo que rexentaba o recordado Manuel González “Cancelo”. Pouco deixou escrito Gregorio sobre esa etapa da súa mocidade:

“Pasé, de niño, cuatro años en Galicia, primero en Pontevedra y luego, la mayor parte de la guerra civil, en una aldea del interior. Me habían partido España y al otro lado estaba casi toda mi familia y con el otro bando, viendo lo que veía, estaba indudablemente mi corazón.” Comenta no artigo “Un español pintado por sí mismo” aparecido en El Sol en 1990.

O andaluz de Ludeiro tamén tiña que botar unha man nas tarefas da casa, e a súa labor principal foi a de ir coas vacas. “Como las vacas son pacíficas y solo hay que estar pendiente de si se meten en el otro prado, tuve mucho tiempo para leer. La biblioteca de la casa era amplia y necesitaba ese vivir otras vidas, ampliar mi horizonte”; “los días que llovía me echaba una capa por encima y con ella tapaba el libro para que no se mojara», conta nunha entrevista.

Lembra a lectura dos Episodios Nacionales de Benito Pérez Galdós e dos contos de Vidas sombrías de Pío Baroja mentres coidaba as vacas. E tamén o seu coñecemento da poesía galega no que se iniciou neses anos de Soutolongo.

Coincidindo case coa fin da guerra, Gregorio regresou a Cúllar co seu pai, por pouco tempo, pois en de outubro de 1939 xa marchou a Granada para estudar o bacharelato. Marcelina aínda permaneceu en Ludeiro dous anos máis, ata que por fin Antonio Salvador saíu da prisión de Burgos ao concederlle a liberdade provisional a principios de 1941.

O matrimonio instalouse en Lugo, onde Marcelina logrou montar unha xestoría e Antonio conseguiu un traballo como administrativo da empresa Gómez de Castro, a propietaria da liña de autobuses que facía o traxecto Lugo-Vigo, con parada en Soutolongo. En Lugo naceu o seu primeiro fillo, Antonio, a finais de 1941.

Marcelina e Antonio seguiron vindo por Soutolongo todos os veráns, e anos despois instaláronse en Vigo. Acabaron construíndo unha casa en Ludeiro onde pasaron os últimos anos de vida. Coa fin da ditadura franquista, Marcelina foi rehabilitada como mestra en 1979.

A relación de Gregorio Salvador coa súa familia galega non rematou en 1939. Gregorio volveu en varias ocasións a Ludeiro, para visitar e rememorar a casa onde pasou varios anos de rapaz; e ademais a súa filla Aurora acabou casando co seu curmán Antonio Salvador Ferreiro, o fillo de Marcelina e Antonio.

Hai que contar tamén a historia dos outros irmáns de Manuel Ferreiro. Queda para outro artigo...

Compartir el artículo

stats