Xefa, coa súa neta Sé e o seu bisneto Hugo. | // D.G.A.

Reportaxe publicada en FARO hai un ano.

Non puido cumprir os 100 anos de idade e rodeada pola súa numerosa descendencia, finou na súa casa de Bermés, Xosefa Vázquez Castro “Xefa de Roque”, persoa ben coñecida e estimada na parroquia e na contorna. Memoria viva da historia e a tradición da parroquia, traballadora incansable e amante da lectura, relatábanos hai agora un ano, numerosos detalles de como era a vida nos difíciles tempos da posguerra e as lembranzas que gardaba dos veciños da parroquia, notables uns coma os célebres Rodríguez e Vázquez, cos que estaba emparentada, e anónimos outros, cos que compartiu acontecementos e celebracións coma a “Feira do Vento”, o “Clamor”, as sonadas festas patronais que en tempos amenizaba a banda de Bermés, ou as mais recentes o redor do xamón. Tamén as melloras en tódolos ordes que rexistrou a parroquia nos case cen anos que lle tocou vivir, algunhas delas coma a Fonte do Cantiño recentemente restaurada, promovidas polos seus devanceiros.

Á súa saúde de ferro viuse moi minguada recentemente pola pandemia do coronavirus, logo de pasar unhas semanas polo hospital, e xa de volta a casa, levaba uns días pensativa, ollando moito para o ceo, poida que matinando que xa chegara a hora de xuntarse co seu querido esposo Xosé, cos seus antepasados ben gardados na súa privilexiada memoria de cando nena e con tantos parentes e veciños que na súa longa traxectoria vital, tivo que ir despedindo.

Vaia a nosa condolencia para a familia Senande Méijome, que hoxe chora e vela a finada, que hoxe luns as catro e media da tarde, recibirá cristián sepultura na igrexa de Bermés, coas limitacións que impón a pandemia que estamos a padecer.