Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

A hostelería, campo de batalla

Levantar a verxa dun negocio a diario, en medio dun campo de batalla pandémico como o que vivimos, é tarefa de heroes. Os hostaleiros de Lalín braman contra unha situación insostible, na que pagan as consecuencias do que non provocaron, mentres non entenden que as medidas restritivas afecten case en exclusiva, ao que é o sustento das súas familias. Pagan taxas inxustas mentres so escoitan anuncios sen concreción de presuntas axudas. Ven entrar aos clientes de toda a vida nos seus locais, case como membros da Santa Compaña, cos rostros tapados por máscaras, que esconden os sorrisos aos que están acostumados, de pandillas de amigos, que xa semellan ser de outro tempo. As barras pechadas e precintadas como se en elas habitase a peste, cando sempre foron retablos de pracer para os sentidos.

Non se entende que a un sector tan importante da economía lalinense se lle restrinxa o traballo, se ao mesmo tempo non vai acompañado de axudas. As caixas dos bares e restaurantes minguan, mentres algunhas administracións como a local presumen de orzamentos récord que non serven para axudar a quen máis o necesita. A hostalaría de Lalín é dunha recoñecida calidade, máis alá dos fogos artificiais moitas veces, de todo o relacionado co Cocido. Se non nos comprometemos dende a política cun sector que dá tantos postos de traballo no noso Concello, seguramente é porque en tempos complicados vense as “costuras” aos que non están preparados para exercer cargos públicos. Nos tempos de “vacas gordas” é doado remar, mais cando estas comezan a perder peso... entón é cando xa se sabe cal é a clase de gandeiro que a manexa.

Lalín é a terra do bar Ovella, ou da Taberna do Pos, que en tempos eran templos nos que deambulaban veciñas e veciños, como se da súa casa se tratase, falando, escoitando, vivindo... agora é como ir as “cruzadas” pretender ter unha conversa en eles, porque uns señores, que non temos moi claro que criterios manexan, decidiron que o sustento de moitas familias lalinenses ten que malvivir por tempo indefinido, por orden dos que buscan un problema sempre, en lugar de dar solucións.

*Coordenador de Compromiso por Lalín (CxL).

Compartir el artículo

stats