Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sen ruido de sables na Ulla

Cuarto premio no concurso de fotografías. Enzo Mogo Figueiras recollerá nos vindeiros días nunha pastelería da Bandeira unha tarta con forma de tricornio. É o premio que lle corresponde por quedar en cuarto posto no Concurso Fotográfico que convocou Xenerais da Ulla o ano pasado na rede social Facebook. Enzo, con só seis anos, participou no Alto de Arnois e mantivo unha batalla dialéctica co seu cotrincante sobre a importancia e os traballos que leva consigo ter un cabalo. Lamenta non poder repetir este ano. | PATRICIA FIGUEIRAS

En circunstancias normais e a pouco menos dun mes para o Carnaval, Silleda, Vila de Cruces e A Estrada xa levarían ensaiando desde novembro o Alto dos Xenerais, o sermón do Frade ou as cancións da Vellada. Son algúns dos personaxes típicos do Entroido da Ulla, único en Europa e que perdura nos municipios ribeiraos deste río, aínda que xa se perdeu nalgunhas parroquias como as cruceñas de Gres ou Brandariz.

Pero o avance do coronavirus, e tamén as normas sanitarias que desaconsellan concentracións de persoas, aínda que sexa ao aire libre, motiva que as asociacións que organizan estes entroidos decidisen cancelar as súas actividades nesta ocasión. Mágoa, porque o 2020 e o que levamos de 2021 deron moito de si para compoñer coplas inspiradas na política, o coronavirus ou os negacionistas.

Por tradición, uns dos primeiros actos na zona son sempre os de Lamela e Merza, no sábado e domingo anteriores ao Entroido. Tal e como figura na páxina www.xeneraisdaulla.com, o Entroido de Lamela estaba fixado para o 6 de febreiro, e o de Merza, para o 7. Xa o ano pasado, os Xenerais de Lamela fixeron actividades conxuntas cos da Bandeira (que tería que festexar o seu Carnaval o 13 de febreiro). Un dos colaboradores, Ignacio Maril, indica que durante a fin de semana haberá unha reunión para ver a posibilidade de organizar algún evento pero virtual, como algún Xeneral grabándose a si mesmo recitando as coplas para logo poder difundilas por internet. A Bandeira contaba noutros anos con cea e baile, que por razóns obvias tampouco van ter lugar.

A asociación Vello dos Cornos, de Merza, é a responsable de organizar o Entroido desta parroquia cruceña desde 2005. A presidenta, Belén Guzmán, indica que fai xa varias semanas “descartamos organizar nada, dado que non podiamos nin reunírmonos para ensaiar, e os Atranques terían que estar listos desde hai meses”.

E de Merza a Piloño. Esta parroquia tiña marcado o seu Entroido para o 14 de febreiro. O ano pasado, e despois de tres de parón, Cornamentas de Piloño volveu facer as ledicias de veciños e foráneos recuperando o popular Vello dos Cornos, un personaxe que non pronuncia palabra pero que produce a partes iguais sorpresa e temor a quen o ve por primeira vez. Xa na comarca de Tabeirós-Montes, A Estrada tiña fixado os seus actos para o martes de Entroido, 16 de febreiro. A concelleira de Mocidade, Lucía Seoane, indica que queda descartada calquera actividade “porque estamos pechados perimetralmente, sen poder facer reunións de máis de catro persoas ata mediados de febreiro”. Aínda que as restriccións se suavizasen antes do 16, quedaría moi pouca marxe de tempo. No municipio da Estrada tamén pervive a tradición dos Xenerais en Arnois, que tería que celebrar o seu Carnaval o 20 de febreiro, sábado de piñata, e en Santeles, no día 21, domingo de piñata.

Santeles, xunto a Salgueiros, pechan o ciclo do Entroido da Ulla nas comarcas de Deza e Tabeirós-Montes. Nos dous casos tampouco sairán a rúa os abanderados, os correos, os Xenerais, a Vellada... “Nin sequera tivemos unha reunión para preparar nada, en vista de cómo estaba a situación xa hai meses atrás”, explica Andrés Lareu, un dos organizadores do Entroido de Salgueiros. “Adoitabamos celebrar unha comida entre os veciños, no domingo seguinte ao do noso Entroido. Pero este ano vai ser imposible, así que terá que comer cada un na súa casa”, resígnase.

Cacharelos

Non pertencen ao Entroido da Ulla, pero os Cacharelos xa son unha tradición no Carnaval de Lalín. O ano pasado 17 personaxes (un de curta idade) estiveron animando o barrio do que toman o nome, acompañados polo Papamoscas e o Boi. Os Cacharelos tamén prescinden este ano de realizar calquera actividade. Se o traxe dos Xenerais da Ulla, como o dos Correos ou o dos abandeirados, tén unha profunda inspiración militar nos uniformes do século XIX, os Cacharelos inspiráronse no lume para dar forma ás tiras con que adornan o seu corpo, metáfora da Cacharela que encenden na noite de San Xoán.

Compartir el artículo

stats