Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

MANUEL IGREXAS | Docente de Iniciación á Expresión Oral no IES Laxeiro

“Varios participantes no Parlamento Xove seguiron nos debates universitarios”

Manuel Igrexas, co seu equipo de estudantes que gañou a edición de 2012.

Onte rematou o prazo para que os institutos e universidades remitisen o formulario de participación no Parlamento Xove. En Deza, partiicipará cun equipo de Bacharelato o IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, mentres que o Laxeiro, de Lalín, ten tamén un equipo de primeiro de Bacharelato inscrito e está á espera de saber se queda admitido un segundo grupo, tamén do mesmo curso. Manuel Igrexas, docente de Filosofía e tamén da materia optativa de Iniciación á Expesión Oral, leva acudido co seu alumnado a este concurso nas súas 12 edicións, incluso cando nos seus inicios se coñecía como “Liga de Debate”.

–Este ano, o tema do debate será se un estado debe establecer ou non como obrigatoria a vacinación entre os seus cidadáns. Hai edicións máis difíciles que outras segundo a cuestión a tratar?

–O tema quizais non inflúa moito, ainda que ás veces poden ser cuestións máis agradables para o alumnado e outras lles queden un pouco máis lonxe. O certo é que neste tempo as edicións si foron facéndose máis difíciles, porque ao comezo era unha actividade máis lúdica, menos competitiva. Pero co paso do tempo o debate foi tendo máis nível, porque os institutos ían tendo máis experiencia e preparaban mellor os temas.

–Antano, o equipo tiña que preparar este debate en horario extraescolar. Ahora pode facelo dentro da hora de clase de Iniciación á Expresión Oral. Canto tempo precisan?

–Iso depende moitísimo do propio interese dos participantes.Se hai un ou dos membros que tiran do resto, vai con máis intensidade. Se a cousa é máis laxa, adoitamos precisar uns dous meses para buscar datos, ensaiar as presentacións...

–A postura a favor ou en contra que teñen que defender non se coñece ata cinco minutos antes do debate. Mentres preparan a intervención, tense dado o caso de que un alumno ou alumna mude o seu parecer inicial respecto ao tema?

–Adoita ocorrer iso, porque cando preparas un tema, vas vendo os argumentos da outra postura. Si que é certo que ao comezo aos estudantes lles custa defender a postura contraria á súa idea, pero segundo van atopando argumentos, van asumindo a outra maneira de ver un tema. E o bo deste tipo de debates: que o alumnado pode ver outros argumentos e aprender, tamén, a buscar información e desbotar todo o ‘ruido’ nesa busca.

–Agora que fala de búsqueda de información, as novas xeracións fíanse só das redes sociais?

–Máis que das redes sociais, de entrada só fan consultas en google, e por iso van vendo que aí hai moitas cousas que non son interesantes. E eu dígolles que existe tamén moito argumentario nos libros.

–Nestes 12 anos, ten coñecido casos de estudantes que tras pasar polo Parlamento Xove decidisen adicarse á política?

–Un exalumno, Daniel Sousa, participou en dúas ocasións no Parlamento Xove, nas edicións de 2011 e 2012. Na de 2011 non saíra ben e quedou co acicate de volver, e foi no 2012 cando gañamos. Sousa estudou posteriormente Relacións Internacionais. Tivemos tamén outros alumnos, como Marcos Vilas, de Rodeiro, que continuaron posteriormente nos debates universitarios. Vilas foi de feito, o gañador da primeira edición. Ir ao Parlamento Xove é unha actividade moi voluntaria, e o certo é que axuda moito na capacidade da expresión oral, que ata hai uns anos non se tocaba na docencia e agora está presente en case todas as materias, a través das exposicións orais.

–A edición deste ano será atípica, posto que vai ser telemática polo COVID.

–Así é, vai perder un pouco de intensidade porque non estaremos diante dun público e dun xurado, senón diante dunha pantalla.

–Vostede imparte tamén Filosofía, esa materia que leva anos loitando por permanecer dentro da formación escolar. Semella que coa Lei Celaá vai recuperar un pouco de espazo.

–Si, semella que vai pasar a ser obrigatoria. Considero que se sempre foi importante, agora esta materia é moi necesaria ante os bulos e os negacionistas que están xurdindo coa crise sanitaria.

Compartir el artículo

stats